Temas: XUNTA EMPREGO

A Xunta ofrece 33 prazas para enxeñeiros, biólogos, químicos, estatísticos e letrados

21 son de acceso libre, 11 cubriranse por promoción interna e outra praza convocarase mediante proceso extraordinario de consolidación de emprego mediante concurso-oposición.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 04/05/2016 | Actualizada ás 09:20

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia vén de convocar no Diario Oficial de Galicia (DOG) oposicións para a cobertura de 33 prazas nas escalas de funcionarios da Administración galega, en concreto, para enxeñeiros, químicos, biólogos, estatísticos e letrados.

Exames de oposicións en Silleda
Exames de oposicións en Silleda | Fonte: actualidad.es

Estas oposicións permitirán reforzar distintas escalas de funcionarios da Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma. En concreto, 11 prazas serán para a escala de ciencias, especialidade de bioloxía; 7 para a escala de enxeñeiros técnicos, na especialidade de enxeñería técnica industrial; e 4 para a escala de enxeñeiros, especialidade de enxeñería industrial;

Ademais, a Xunta convoca tamén 4 prazas de acceso á escala superior de estatísticos; 3 prazas para a escala de ciencias, especialidade de química; e 4 prazas para a escala de letrados da Administración galega.

Destas prazas, 21 son de acceso libre, cubriranse por oposición e a elas pode presentarse calquera persoa que reúna os requisitos e queira traballar na Xunta de Galicia.

Das prazas restantes, 11 cubriranse por promoción interna –reservado para os empregados públicos- e tamén por sistema de oposición; e outra praza convocarase mediante proceso extraordinario de consolidación de emprego mediante concurso-oposición.

As convocatorias inclúen as normas xerais, os requisitos que deberán posuír as persoas aspirantes e os programas que rexerán os distintos procesos selectivos. Todas as persoas interesadas en participar nestas oposicións poderán presentar a súa solicitude no prazo de 20 días naturais, que se contarán desde o día seguinte á data de publicación da convocatoria.

Temas: XUNTA EMPREGO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 feijooladron

o titular esta mal o correcto e o seguinte a xunta ofrece 33 prazas para os fillos dos amiguetes, tedes que informar ben non dicir mentiras