Antón Sánchez: “Nin Beiras, nin ninguén está descartado”

O vicevoceiro de AGE destaca nesta entrevista a GC que antes que falar de candidatos hai que acordar o método das mareas para as autonómicas. Un proceso que di, “ten que ir máis alá dunha mesa de partidos”. “Cando se dea, abrirase ese proceso e veremos logo as alternativas. Beiras foi moi explícito sobre iso. Cando empece xa se verá”, apunta.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 04/05/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Cres que En Marea ten que converterse nun partido político?
O fundamental é que nós apostamos por mellorar o proceso de confluencia, colectivamente, sempre tendo en conta que hai que integrar mareas, partidos e á cidadanía que non está inscrita en ningún partido e que é necesaria que estea. Nós sacamos unha resolución política de Anova na que apostamos pola fórmula de partido instrumental porque cremos que ten que haber canles de participación para a xente con órganos de decisión propios dentro de En Marea, porque é máis operativo e democrático.

Antón Sánchez na Cámara galega
Antón Sánchez na Cámara galega | Fonte: AGE

E cres que este modelo ten que ser o mesmo nas xerais?
Penso que si. Poderiamos concorrer como partido instrumental, pero tanto isto como as candidaturas teñen que ser decididas de xeito aberto. A asemblea do 15 de maio de En Marea vai nese sentido, de abrir En marea, para que sexa máis alá que unha mesa de partidos.

E dos candidatos xa se pode falar?
O importante, primeiro, é definir o método de escolla. Non hai que poñer cancelas, nin vetos previos. Hai que escoller ás mellores persoas para un programa transformador. E apostamos porque sexa aberto, participativo e democrático e que se escolla o mellor. E a partir de aí falaremos de persoas.

E Beiras, está nas quinielas?
O proceso de escolla de candidato non comezou e non estamos nese escenario. Cando se dea, abrirase ese proceso e veremos logo as alternativas. Beiras foi moi explícito sobre iso. Cando empece xa se verá.

Pero non está descartado?
Evidentemente. Nin el, nin ninguén.

Entón como interpretas as declaracións de Yolanda Díaz?
Eu respecto todas as opinións, pero a escolla do candidato ou candidata ten que saír do proceso e da xente que participe nel. E aí non ten máis valor unha opinión que outra.

E por que sae de novo este debate dos candidatos cando semellaba superado?
Pois pregúntalle a Yolanda Díaz. Eu non o dixen. Eu penso que as cousas fanse así; con metodoloxías abertas e que sexa a xente a que escolle. E hai persoas dabondo para ese proceso. Antes de falar de nomes, o mellor é poñerse de acordo no método.

De feito saíu xa o nome de Luís Villares e cónstame que lle sorprendeu. Non cres que andar soltando nomes por aí invalida xa aos candidatos?
Normal que estivese sorprendido. Da nosa parte non tiñamos contactos con ninguén e non ten sentido lanzar nomes sen antes decidir o método de escolla. Por iso me remito á asemblea do 15 de maio para partir nese proceso.

Finalmente vanse repetir as eleccións. Cres que se repetirán os resultados en Galicia?
Como sempre nestes momentos é todo bastante cambiante, pero as razóns que levaron a En Marea a ter resultados espectaculares non cambiaron e por iso penso que repetiremos eses bos resultados porque o que demanda a xente que nos votou é un cambio radical de políticas. Por iso penso que serán igual ou mesmo mellores.

E como ves o escenario galego?
Se hai un programa de goberno realizable e rigoroso, con participación da sociedade galega e abrimos un proceso de escolla de persoas, cun proceso aberto e comprometido co país,  no que a maioría na rúa xa está, penso que podemos disputarlle á hexemonía ao PP. Pero o primeiro paso é seguir traballando nun programa político. O PP na rúa está derrotado e por iso hai que darlle un cambio político que este á altura.

E ese cambio supoño que pasara con acordos con outras formacións, por exemplo, o PsdeG, non?

Imos ver. Cremos que ningún partido vai ter maioría absoluta. É un escenario probable e os acordos terán que darse en función de políticas e programa e que o PSdeG queira apostar por un goberno de esquerdas e transfornador.

E co BNG, hai posibilidade de acordo?
Pois tal e como están plantexando a cuestión, pois non hai. Eles apelan a que variemos o camiño iniciado e non haxa actores non nacionalista. Piden que fagamos unha enmenda á totalidade do noso proxecto e así é difícil chegar a acordos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

5 Rosana Conde - A Guarda

Me habeis defraudado. Lo siento, vosotros lo cocinais y os lo comeis. Y el cuento de la ciudadanía, por favor, con el a otra parte.

4 Chindasvinto

E do partido instrumental e do Grupo Galego que?

3 Susavila

O método, así se fala! Pode ser o dedo da UPG que decide os postos no BNG, sumidos agradecidos a cambio de mantenta. Pode ser o modelo das Mareas, con reparto entre as cúpulas, ninguneando as bases e sen disculparse. Ou o de Podemos, "nova política" consistente en fichar xuices (outra era para Euskadi e xa van...), por decisión case divina. Agardemos a asemblea do dia 15, mais desconfiemos do método do raposo!

2 Terra

A Beiras o veñen descartando os galegos cada vez que se presenta. É un submarino do PP?

1 5000 euros por non ir

Chora o que queiras que Podemos o alcalvo Yolanda e todos os teus xa non queren a Beiras.