Por Galicia Confidencial | Lugo | 04/05/2016 | Actualizada ás 10:45
O grupo municipal do Partido Popular en Lugo quere botar aos “gorrillas” do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Por iso, o seu viceportavoz, Antonio Ameijide, "urxe" á aprobación dunha ordenanza municipal que poña "coto" á "extorsión" dos "aparcacoches ilegais".
Para o portavoz popular é necesario que o Concello de Lugo actúe con contundencia e dote de armas legais á Policía Local para que poida facer fronte á actividade dos gorrillas.
"Igual que Orozco consagrou esta práctica ao eliminar a prohibición de exercer esta actividade na nova ordenanza de circulación, tamén a nova alcaldesa pretende blindala ampliando a superficie de extorsión", afirmou Ameijide.
De feito, o edil popular criticou que non se dese nin un só paso" por parte do goberno local, desde que o pleno municipal aprobou hai dous anos e medio, a proposta do PP, "accións para erradicar a práctica dos gorrillas".
O Concello de Lugo comezou este luns os traballos para reordenar o tráfico nas inmediacións do centro hospitalario, de modo que nos viarios que rodean o HULA os usuarios poderán dispor dunhas 500 prazas de aparcadoiro gratuítas, unhas 150 máis das que había até agora.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.