Concurso de programación para centros de ensino co gallo do Día das Letras Galegas

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e a Amtega convocan o certame para promover o uso das ferramentas tecnolóxicas entre os máis novos.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 05/05/2016 | Actualizada ás 11:58

Comparte esta noticia

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de abrir o prazo para presentarse ao concurso de programación sobre o Día das Letras Galegas organizado no marco do evento tecnolóxico 'Rapaciñ@s: a tecnoloxía ben segura'. A iniciativa está dirixida ao alumnado de centros de ensino galego e desenvólvese en colaboración coa Amtega, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. O obxectivo é promover o uso das ferramentas tecnolóxicas entre os máis novos.

Clase de informática para nenos en Ames
Clase de informática para nenos en Ames | Fonte: Concello de Ames.

O concurso está aberto a grupos mixtos de entre 6 e 8 alumnos de 10 a 14 anos de idade dun mesmo centro que, xunto cun docente, deberán contar unha historia relacionada co Día das Letras Galegas utilizando a ferramenta Scratch e en formato storytelling, é dicir, como un conto.

Cada centro pode presentar varios proxectos e cada alumno só pode pertencer a un grupo e proxecto. Os traballos poden enviarse ao enderezo electrónico info@cpeig.gal ata as 23.00 horas do 12 de maio. Neste mesmo enderezo pódese consultar calquera dúbida sobre o concurso.

Un xurado composto por representantes do CPEIG e da Amtega elixirá o proxecto gañador, que levará un kit de robótica para o centro. A entrega do premio farase o día 14 de maio no decurso da xornada 'Rapaciñ@s', que terá lugar na Cidade da Cultura de Galicia.

Na súa decisión, o xurado valorará o nivel funcional, a implantación de programación e deseño, a finalidade e orixinalidade e a relación coa temática do certame. 

Podénse consultar as bases completas aquí

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta