Outeiro de Rei acollerá o acto central do Día das Letras

A Casa de Hortas, casa natal de Manuel María, será o lugar onde a RAG celebrará unha emotiva homenaxe na que participarán os académicos Manuel Rivas, Margarita Ledo e Darío Xohán Cabana.

Por Galicia Confidencial | Outeiro de Rei | 06/05/2016 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega celebrará na Casa de Hortas de Outeiro de Rei o acto central do Día das Letras Galegas. Unha casa na que naceu o autor homenaxeado deste ano, Manuel María.

Casa Museo Manuel María en Outeiro de Rei
Casa Museo Manuel María en Outeiro de Rei | Fonte: tripadvisor.es

A casa erguida con xisto e cantería, / por obra dos avós, era fermosa. / Aí está: forte, firme, fachendosa / chea de beleza, prestancia e harmonía”. Foi un dos versos que Manuel María lle dedicou ao que foi un dos seus espazos vitais. Nesta casa naceu o 6 de outubro de 1929 e nela pasou a infancia que rememorou en distintas obras. Hoxe está convertida Casa-Museo Manuel María.

A Academia desenvolverá neste espazo unha sesión extraordinaria e aberta ao público na que tomarán a palabra tres membros de número para renderlle homenaxe a Manuel María. Manuel Rivas Barrós, Margarita Ledo Andión e Darío Xohán Cabana serán os encargados de retratar a vida e a obra do prolífico escritor e o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, pechará o acto.

Manuel María foi o autor dalgunhas das obras máis populares das letras galegas da segunda metade do século XX e unha persoa plenamente comprometida coa lingua propia de Galicia desde a súa mocidade. Foi, de feito, o primeiro escritor novo en publicar un libro en galego na Galicia da posguerra, Muiñeiro de brétemas, que creou cando só tiña 19 anos. Iniciaba así unha traxectoria literaria na que foi sobre todo poeta pero na que tamén cultivou a narrativa, o teatro, o ensaio e a prosa xornalística, ademais de desenvolver un importante labor de activismo e divulgación cultural por toda Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta