O libro galego xa ten a súa gran gala

As tres asociacións do libro únense para outogar premios ao ensaio, narrativa, literatura infantil e xuvenil, libro ilustrado, iniciativa bibliográfica, tradución, poesía, teatro, iniciativa cultural ou de fomento da lectura, proxecto literario na rede e xornalismo cultural.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/05/2016 | Actualizada ás 13:58

Comparte esta noticia

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, a Federación de Librarías de Galicia e a Asociación Galega de Editores únense por primeira vez, para outorgar premios en diferentes categorías á excelencia e ao traballo no sector.

Na imaxe de esquerda a dereita, Mercedes Queixas, secretaria xeral da AELG, Xosé Antón Pedreira, vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia, Xosé Leal, vicepresidente da AGE, Cesáreo Sánchez, presidente da AELG e Laura Rodríguez, presidenta da AGE.
Na imaxe de esquerda a dereita, Mercedes Queixas, secretaria xeral da AELG, Xosé Antón Pedreira, vicepresidente da Federación de Librarías de Galicia, Xosé Leal, vicepresidente da AGE, Cesáreo Sánchez, presidente da AELG e Laura Rodríguez, presidenta da AGE.

Un xeito para homenaxear ao libro no que será xa a súa I Gala do Libro Galego e conseguir, deste xeito, a unificación de premios. Tradicionalmente as tres asociacións celebraban cada unha a súa propia gala na que entregaban premios a aquelas personalidades e empresas que consideraban máis representativas pola súa actividade no sector durante o ano anterior, polo que nesta nova gala seguirán mantendo os premios honoríficos á mellor libraría galega e á editorial que cumpre os 25 anos de existencia.

O presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, explicou en rolda de prensa que o que se pretende con iso é "visualizar os libros" e que o público poida interactuar cos autores nunha celebración na que se busca unha certa renovación e que "poida participar xente que non é do sector" pero sen a que sería imposible o seu funcionamento.

Nesta liña, engadiu que "o froito de sumar en cultura non é unha suma, é unha multiplicación de resultados" e que con esta iniciativa queren transmitir "que hai que convocarse, fundamentalmente, ao redor dos temas da cultura".

As categorías nas que se outorgarán galardóns serán: ensaio, narrativa, literatura infantil e xuvenil, libro ilustrado, iniciativa bibliográfica, tradución, poesía, teatro, iniciativa cultural ou de fomento da lectura, proxecto literario na rede e xornalismo cultural.

Os compoñentes do tres asociacións son os encargados de presentar as propostas que consideran oportunas dando como resultado unha media de cinco finalistas por categoría.

A celebración terá lugar o sábado 14 de maio no Teatro Principal de Compostela, a partir das 19:30 horas, e a posta en escena estará coordinada por Camilo Franco, escritor e xornalista ourensán.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 M.H.

Paréceme ben a idea, pero unha pregunta: entran nese paquete as publicacións exclusivamente referidas á nosa música en formato libro?