A Misión Biolóxica de Galicia, un referente para futuros investigadores de América, Asia e África

O centro do CSIC en Pontevedra incrementou notablemente no últimos cinco anos o número de estudantes estranxeiros.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 09/05/2016 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

A Misión Biolóxica de Galicia (MBG) viu incrementado notablemente no últimos cinco anos o número de estudantes de América do Sur, Asia e África que seleccionan este centro, con sede en Pontevedra, para realizar estancias de investigación, sobre todo as relacionadas coa mellora xenética de cultivos agrícolas e forestais, segundon informa CSIC Galicia.

Elena Cartea González, directora da Misión Biolóxica de Galicia
Elena Cartea González, directora da Misión Biolóxica de Galicia | Fonte: campogalego.com.

A MGB é centro de investigación do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) adscrito á área de Ciencias Agrarias. "Na MBG, desde sempre e en consonancia cunha das principais funcións do CSIC, a de formar investigadores, diriximos teses doutorais de estudantes, tanto nxacionais como internacionais. A iso únese agora unha crecente demanda de estudantes estranxeiros procedentes, sobre todo, de países onde os cultivos agrícolas e as especies forestais son clave para o seu desenvolvemento económico e social e sobre os que na MBG levamos décadas de investigación. Por iso, estes estudantes están a demandar estancias, de diferente duración, que coinciden no obxectivo xeral de aprender as técnicas e os protocolos de laboratorio que desenvolvemos na MBG e cuxo fin último é a mellora xenética dos cultivos", explica Elena Cartea González, directora da MBG.

"Estamos establecendo novas e interesantes colaboracións internacionais para a MBG"

"Polo tanto, o obxectivo destas estancias, que están financiadas polos respectivos países de orixe dos estudantes e que se realizan integramente na MBG, onde poñemos todos os nosos equipamentos e laboratorios a disposición do visitante, é que este se forme nas cuestións nas que os nosos grupos teñen experiencia e posteriormente poida extrapolar ese coñecemento ao seu país", destaca a directora da MBG, quen incide ademais en que "iso posibilita o establecemento de novas e interesantes colaboracións internacionais para a MBG".

PROXECTOS ACTUAIS

O Grupo de Xenética e Mellora de Millo, dedicado ao estudo dos mecanismos xenéticos que controlan a resistencia a estreses, a calidade e a produción deste cultivo, dirixe nestes momentos dúas teses doutorais de estudantes de América do Sur. Por unha banda, a tese doutoral de José Cruz Jiménez Galindo (Instituto Nacional de Investigacións Forestais, Agrícolas e Pecuarias, México), quen se está formando na MBG sobre os mecanismos xenéticos que regulan a resistencia do millo á praga dos trades e a súa relación co rendemento do cultivo. Por outra banda, a tese de Marlon Brainer Caicedo Villafuerte (Instituto Nacional de Investigacións Agropecuarias Ecuador) sobre a mellora xenética do millo, en concreto, no estudo de fenómeno de senescencia retardada e o seu efecto sobre o rendemento do cultivo tanto en gran como en biomasa.

Ademais, recentemente se defendeu na Universidade de Vigo a tese doutoral de Orlando Noldón Almirón (Instituto Paraguaio de Tecnoloxía Agraria), quen estivo no citado grupo de investigación realizando a súa tese sobre a variabilidade fenotípica e molecular de poboacións paraguaias de millo. Agora iniciou no seu país un programa de mellora de millo para salvagardar e mellorar a raza do harinoso Avati Morotî, base da alimentación dos indios guaraníes.

O Grupo de Xenética, Mellora e Bioquímica de Brassicas, centrado no estudo dos mecanismos que os cultivos de brásicas empregan para facer fronte a diferentes tipos de estreses e o papel de diversos metabolitos na defensa, acolle desde xaneiro a Pari Brokanloui (Universidade de Teherán, Irán), bolseira polo Programa Erasmus Mundus, para realizar a súa tese doutoral sobre o estudo do papel de metabolitos secundarios, como os compostos glucosinolatos, na defensa a patógenos en plantas de brásicas.

E finalmente, o Grupo de Bioloxía de Agrosistemas, dedicado ao estudo xenético do desenvolvemento do froito e a resposta a fotoperiodo en feixón común e as interaccións das plantas e o seu agrosistema en leguminosas, acolle desde o 2012 a Luís Alberto Godoy Montiel, estudante de Ecuador, quen realiza a súa tese doutoral sobre a análise xenética da resistencia raza-específica a Pseudomonas syringae pv. phaseolicola (Psp), axente causal da bacteriosis de halo en feixón. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta