Por Europa Press / Redacción | MADRID | 03/05/2025 | Actualizada ás 12:10
A Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE) vén de lanzar a campaña #SumandoCuidados con motivo do 3 de maio, Día Nacional da Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade das Nacións Unidas, coa finalidade de visibilizar as desigualdades e carencias que sofre este colectivo no ámbito sanitario.
No marco da iniciativa, presentáronse dous informes que recollen os principais obstáculos aos que se enfrontan estas persoas en España, entre elas as dificultades de acceso á rehabilitación, aos tratamentos adecuados e ao apoio psicolóxico, así como a falta de accesibilidade física e dixital nos servizos sanitarios.
Segundo os datos expostos, o 89,4 % das persoas con discapacidade física e orgánica non reciben rehabilitación na sanidade pública e o 88,5 % non accede a apoio psicoterapéutico. Ademais, máis do 10 % denuncia situacións de discriminación nos servizos sanitarios.
Desde COCEMFE sinalan tamén a existencia de copagos excesivos, desigualdades territoriais, e unha visión do sistema baseada "exclusivamente no enfoque biomédico, sen ter en conta o benestar integral da persoa". Os informes alertan tamén da ausencia dunha normativa estatal que garanta o dereito á rehabilitación como prestación universal.
NECESIDADE DE "TRANSFORMACIÓN URXENTE"
Para o presidente de COCEMFE, o galego Anxo Queiruga, resulta "urxente transformar o sistema de saúde para que cumpra cos principios de accesibilidade, equidade, calidade e universalidade recollidos na Convención". Segundo engadiu, "non se pode falar dun sistema sanitario xusto mentres se manteñen estas barreiras estruturais".
Entre as principais propostas da campaña, destacan a supresión das barreiras arquitectónicas e tecnolóxicas, o reforzo da atención á saúde mental, o acceso equitativo aos tratamentos e dispositivos de apoio e a formación específica do persoal sanitario en trato inclusivo.
A campaña #SumandoCuidados conta co apoio económico do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, a través da convocatoria do 0,7 % do IRPF e da subvención nominativa a favor de COCEMFE, e pon o foco na necesidade de garantir os dereitos sanitarios e sociais das persoas con discapacidade en todo o Estado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.