Máis alá do Alcázar

Luis Antonio Ruiz Casero é un arqueólogo e historiador que ten un aquel a Pérez Reverte. Profundamente observador, conta cun agudo sentido crítico e unha habilidade especial para contar historias. Tras anos de pescudas vén de publicar un libro delicioso: “Más allá del Alcázar. La batalla del sur del Tajo y Argés, 1937” (Guadalajara, Silente Memoria Histórica, 2015).

Por Xurxo Ayán | Gasteiz | 17/05/2016

Comparte esta noticia

Nestes tempos de superávit de publicacións sobre a guerra civil española, de ondas gravitacionais de literatura gris, o noso autor centra a súa ollada certeira na periferia do mito para debullar día a día unha batalla esquencida no percurso do conflito. O relato combina tanto as fontes documentais como as orais, para incorporar asemade a documentación arqueolóxica xerada nos últimos anos no proxecto de investigación sobre a paisaxe dos “cigarrales” de Toledo, dirixido por Jorge Morín de Pablos.

O rigor da investigación de Luis ariquécese cun gosto polo esperpento valleinclanesco, polo surrealismo dunha guerra (en moitos eidos premoderna) na que combaten personaxes novelescos. Algo normal, nun rebumbio bélico no que combaten galegos nos dous bandos, galeses e irlandeses cos franquistas, balcánicos cos republicanos... Incluso unha Unidade Escocesa de Ambulancias dá a vida ao Exército Popular nesta batalla do Sur do Texo. Entre toda a fauna que escoa polas páxinas brillantes de Luis cómpre lembrar o coronel Mena, republicano, que paseaba coa súa mascota ao ombreiro, un macaco de nome “Catalina”. Ou o seu Xefe de Estado Maior, Ángel Lamas, que rematará no exilio como vendedor de sepulturas no Panteón Xardín de México D.F.

Neste contexto non podían faltar os representantes galegos. No bando franquista destaca a figura dun lexionario, César Arias, Negrín, que fora medio centro do Celta de Vigo e xogador da seleción española na preguerra. O golpe de estado feixista colleuno firmando a súa fichaxe polo Nacional de Montevideo tras facer a pretempada, nin máis nin menos, ca co River Plate. Como bo “camisa vieja” falanxista, renuncia á súa carreira e volta para combater ás “hordas marxistas”. Faino dende Río de Xaneiro, voando a Lisboa a bordo do Graf Zeppelin...

O futbolista céltico tiña diante o Exército Popular, con Líster e co comisario político da 11 división, o valdeorrés Santiago Álvarez. Entre os seus homes, moitos galegos aos que a guerra colleu facendo a tempada da seitura en pobos dos arredores de Madrid. Esta masa labrega conformou a base das Milicias Gallegas, logo encadradas no 4º Batallón da 1ª Brigada Mixta. Toda unha forza de choque que atacaba as trincheiras feixistas ao berro de “¡Viva Galicia Ceibe!” O soviético Rodímtsev lembra claramente un xigante galego de dous metros, un heroe que coa súa ametralladora chantou o trípode no medio dunha estrada, el só, e comezou a trousar chumbo contra lexionarios e falanxistas, limpando o camiño para o avance dos tanques T-26. Este seitureiro galego corría co mote de “Talento”. Anárquico e indisciplinado, cada vez que era degradado era enviado á loita máis dura onde acadaba de novo ascensos polo seu heroísmo. Líster reprendeuno e prendeuno por emborracharse xusto na véspera da ofensiva, e ameazou con afusilalo. Ao final foi perdoado, pero, así e todo, “Talento” quería el mesmo ser afusilado. Demencial. Como xesto conciliador, “Talento” agasallou a Líster cun tabardón de pel requisado ao cadavre dunha das vítimas do seu fusil ametrallador.

Integrar a historia de “Talento” e tantos outros nunha monografía sobre unha batalla da guerra civil amosa o talento de Luis, alguén que foi capaz de contarnos o conflito día a día como se dunha novela se tratase.

“Más allá del Alcázar. La batalla del sur del Tajo y Argés, 1937”: un gran libro.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA