Outra sentenza condena ao Sergas a pagar 417.000 euros a unha familia

O TSXG ratifica os danos sufridos como consecuencia da asistencia sanitaria nunha praia na que se afogou unha menor en 2010 en Cangas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 12/05/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O Sergas non para de perder sentenzas xudiciais por neglixencias na asistencia de pacientes. Nunha semana xa van tres casos, o último o dunha familia que percibirá 417.000 euros polos danos e prexuízos sufridos como consecuencia da asistencia sanitaria prestada ante o afogamento dunha menor en maio de 2010 na praia de Canabal, en Cangas (Pontevedra).

Ambulancias do Sergas
Ambulancias do Sergas | Fonte: sergas.es

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou esta sentenza que desestima os recursos de apelación e adhesión interpostos contra a sentenza do Xulgado do contencioso administrativo número 1 de Pontevedra do 9 de novembro de 2015. A decisión é firme pero poderase interpoñer recurso de casación dentro do prazo dos tres meses seguintes á súa notificación e calquera outro recurso que as partes consideren axeitado á defensa dos seus intereses.

A sentenza recoñece a "alegación de erro na valoración da proba da sentenza apelada, consistente na presunción de que a ambulancia acudiu, en primeiro lugar, a unha praia equivocada, o que fixo que chegase tarde ao aviso, e que, polo tanto, a segunda ambulancia, medicalizada, tamén o fixese".

Ao respecto, o TSXG indica "que a transcrición das comunicacións revela o continuo corte destas". "Así, cando ás 19'42 o locutor do 061 chama ao señor xxx para preguntarlle sobre a situación da praia, pero se produce un corte, e ás 19'45 cando o propio locutor do 061 volve chamar ao devandito alertante para preguntarlle sobre a situación da praia, solicítalle se pode saír alguén ao cruce para axudalos a localizar o lugar, e pregúntalle polo estado da rapaza, no momento do cal novamente volve interromperse a comunicación," relata.

Neste sentido, conclúe que "tal confusión inicial de praia, descoñecemento dos accesos, desconcerto posterior do persoal da ambulancia asistencial, e corte das comunicacións entre o 061 e o señor xxx, incidiu indubidablemente no atraso na chegada da primeira ambulancia, coa conseguinte dilación posterior no aviso á ambulancia medicalizada, que se tornou en decisivo para a entidade das secuelas sufridas pola menor".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta