A Xunta convida a membros da Alianza Europea do Clima a Galicia para coñecer a súa medidas fronte ao cambio climático

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, lembrou que as emisións netas de gases de efecto invernadoiro (GEI) reducíronse en Galicia en 2023 nun 61,7 % con respecto a 1990, ano de referencia a nivel comunitario para as políticas climáticas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/05/2025 | Actualizada ás 19:07

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, convidou aos membros da Alianza do Clima europea (Climate Alliance) a visitar Galicia para coñecer as medidas impulsadas pola Xunta fronte ao quecemento global e para intercambiar experiencias nesta materia.

No marco da viaxe que realizou esta semana a Austria para recoller o premio Estrela do Clima (Climate Star) concedido por esta iniciativa ao Executivo galego en recoñecemento polo seu papel como coordinador do Pacto das alcaldías para o clima e a enerxía, Ángeles Vázquez incidiu na importancia de dar a coñecer os avances realizados pola Comunidade neste ámbito.

Nese sentido, tal e como destacou a Xunta nunha nota de prensa, a conselleira lembrou que as emisións netas de gases de efecto invernadoiro (GEI) reducíronse en Galicia en 2023 nun 61,7 % con respecto a 1990, ano de referencia a nivel comunitario para as políticas climáticas. "Con estes datos, a Comunidade consolida a súa posición de liderado a nivel nacional e a achega ao cumprimento do obxectivo da neutralidade climática no ano 2040, é dicir, unha década antes do prazo fixado pola propia Unión Europea", reivindicou o departamento autonómico.

Así, durante os debates organizados ao amparo da entrega dos premios Estrelas do Clima, a conselleira abordou con representantes de delegacións de cidades de países como Austria, Alemaña, Suíza, Luxemburgo, Hungría, Croacia ou Países Baixos as medidas impulsadas pola Xunta de face a consolidar a resiliencia da Comunidade facendo fincapé na iniciativa premiada pola Climate Alliance.

Neste sentido, lembrou que a Xunta coordina desde 2017 o Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía, que conta con 285 adheridos, dos que preto do 92 % xa elaboraron o correspondente Plan de acción para o clima e a enerxía sustentable (PACES), que son follas de ruta de cara a mellorar a eficiencia enerxética, utilizar fontes de enerxía renovables, aumentar a resiliencia e reducir as emisións de CO2.

Ademais, Ángeles Vázquez, lembrou que a Xunta presentou hai un ano a Rede local polo clima, co obxectivo de coordinar cos concellos as actuacións para aproveitar sinerxías na loita contra o quecemento global e, ao mesmo tempo, promover políticas locais de sustentabilidade ambiental, facilitando a xestión do coñecemento así como a difusión e intercambio de experiencias.

Doutra banda, tamén puxo en valor a Alianza galega polo clima. Esta iniciativa que promoveu a Xunta en 2022 conta xa con preto de 200 entidades adheridas --universidades, autoridades portuarias, clubs deportivos ou empresas--, para conectar ao tecido produtivo e social galego de cara a traballar contra o cambio climático, facer máis resiliente á Comunidade e establecer pautas de actuación para alcanzar unha Galicia neutra en emisións.

Finalmente, ademais da elaboración da futura Lei do clima de Galicia, que está previsto remitir ao Parlamento este verán, a Xunta aprobou o pasado xaneiro o II Plan rexional integrado de enerxía e clima (PRIEC) 2030, que será a ferramenta que guíe as políticas climáticas da Xunta nos próximos anos.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, recolle en Austria o premio Estrela do Clima (Climate Star)
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, recolle en Austria o premio Estrela do Clima (Climate Star) | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta