Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/05/2025 | Actualizada ás 19:12
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes a resolución da Consellería de Sanidade pola que se renova a composición do Consello Interdepartamental de Coordinación para a prevención e atención das condutas suicidas, un organismo creado por medio do Decreto 21/2019 do 14 de febreiro.
Así, noméase como novas integrantes do Consello a Almudena Díaz Pereira, subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental do Sergas, que será vicepresidenta do organismo; e a Isabel Sánchez Fernández, traballadora social da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, e que asume unha vocalía.
Este Consello é un órgano colexiado de carácter consultivo, que se dedica ao estudo, coordinación, seguimento e asesoramento. Entre as súas funcións está supervisar a elaboración e seguir a implantación do Plan de Prevención do Suicidio en Galicia, formular unha proposta anual ante as respectivas institucións das medidas que levarán a cabo e supervisar a evolución de ditas medidas, así como de actuacións e compromisos que se establecen no Plan de Prevención.
Desenvolveuna un Plan de Saúde Mental 2020-2024, tras o incremento destes problemas por mor da pandemia de Covid, no que se incluíron as propostas dos profesionais, asociacións e federacións de pacientes. Así, creouse unha unidade de hospitalización de agudos infanto-xuvenil en Vigo; creáronse case 250 prazas de especialistas en saúde mental e melloráronse os cocientes de psicólogos clínicos e psiquiatras.
A Xunta traballa nun novo plan e, nese ámbito, acordou actuar para promover a saúde mental na infancia e previr os intentos de suicidio na poboación infantil e adolescente.
Así, decidiuse levar a cabo o programa YAM de prevención, dirixido a alumnado da ESO (en colaboración coa Consellería de Educación), para diminuír a incidencia da conduta suicida e mellorar as estratexias de procura de axuda. Para o desenvolvemento de YAM, a Xunta contou cun financiamento de 2 millóns de euros do Fondo Social Europeo.
Ademais, Sanidade e o Colexio de Xornalistas de Galicia puxeron en marcha un grupo de traballo sobre saúde mental e comunicación, integrado por psicólogos, psiquiatras e xornalistas, para elaborar unha guía de boas prácticas sobre o tratamento informativo da conduta suicida.
LICITACIÓN DO TRANSPORTE SANITARIO NON URXENTE DE VIGO
Por outra banda, Sanidade publicou no Portal de Contratos Públicos a licitación do servizo de transporte sanitario terrestre non urxente da área de Vigo, por importe de 11,7 millóns de euros.
A duración inicial do contrato é dun ano, cunha posible ampliación por outro ano máis (cun valor estimado, nese caso, de 23,4 millóns), e inclúe os traslados programados, non programados, os de tipo interhospitalario e o transporte aos centros de saúde e hospitais dos usuarios de centros sociosanitarios.
O orzamento destinado a este contrato incrementouse un 39 % para responder á necesidade de atender aos novos acordos definidos no convenio colectivo galego de transporte sanitario de enfermos e accidentados en ambulancia, ao incremento dos custos de persoal, ás partidas destinadas a vehículos e á subida do prezo do combustible.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.