Respectarmos a aconfesionalidade pública

O balbordo argallado polo PP contra a aplicación en cadanseu ámbito local do principio de aconfesionalidade polo alcalde de Lalín, Rafael Cuíña e polo d’A Coruña, Xulio Ferreiro, amosa a pouca asunción pola dereita do principio constitucional de aconfesionalidade (ou laicidade positiva). Segundo este principio constitucional, os Poderes Públicos non teñen relixión oficial, mais han ter en conta as crenzas maioritarias da sociedade para cooperaren coa Igrexa Católica e as demáis confesións. É dicir, nin confesionalidade católica nin laicismo, entendido éste como o respecto ás confesións relixiosas no ámbito privado e apartamento destas do ámbito público.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 16/05/2016

Comparte esta noticia

Este principio é xa común a case toda a Unión Europea. Suecia abandonou o luteranismo como relixión de Estado no 2000 e Francia evoluiu dende 1945 dende o laicismo até esta laicidade positiva. A relixión oficial das monarquías británica, danesa ou norueguesa semella pouco máis ca un residuo tradicional e só a confesionalidade ortodoxa grega apártase deste acervo común europeo. A aconfesionalidade ou laicidade positiva é a lóxica conclusión dun proceso que parte das raigames cristíás da Europa medieval para gañarmos a plena autonomía  e separación entre a Igrexa Católica e a Res Pública, gañáda no século XX logo dun proceso que ten como fitos fundamentais o Renacemento, a Ilustración e a consolidación do Estado de Dereito.

Cómpre, pois, esixirlle aos nosos gobernantes que colaboren sen sectarismos coa Igrexa Católica e demáis confesións. O alcalde de Compostela terá que artellar as mellores relacións coa diócese, diante da centralidade do fenómeno xacobeo na conformación histórica da cidade e na súa vitalidade económica actual. Mais non haberá participar nun acto estritamente confesional  como é a Ofrenda ao Apóstolo do 25 de xullo. E Cuiña, Ferreiro e os demáis alcaldes da Galicia haberán cooperar co labor social e cultural da Igrexa e demáis confesións, mais de ningún xeito acodir como alcaldes ao Corpiño, á Función do Voto, ao  Cristo da Vitoria ou a outros eventos confesionais aos que acodirán, se lles peta,  coma cidadáns privados.

 A dereita extrema sabe que a meirande parte da cidadanía  asume xa esta laicidade positiva. E usa destas andrómenas como mecanismo de fidelización dos seus apoios máis radicais.

Velaí que non haxa que lles mercar o relato.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.