Todos os grupos políticos unidos contra a opresión de Marrocos ao Sahara

A Cámara galega denuncia a actitude do Goberno marroquí e teme "unha multiplicación da violencia" contra os saharauís. O delegado en Galicia do Frente Polisario atribúe a expulsión de deputados galegos de El Aaiún a que "Marrocos non quere testemuñas".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/05/2016 | Actualizada ás 20:12

Comparte esta noticia

Os deputados do Parlamento de Galicia que constitúe o intergrupo 'Paz e liberdade para o pobo saharauí', procedentes de todas as forzas políticas, expresaron este luns o seu "temor" a que se estea a producir "unha multiplicación da violencia" por parte do Goberno de Marrocos contra o pobo saharauí.

Membros de todos os grupos parlamentarios do  intergrupo 'Paz e liberdade para o pobo saharauí'
Membros de todos os grupos parlamentarios do intergrupo 'Paz e liberdade para o pobo saharauí' | Fonte: EP

Unha denuncia que se produce logo de que un grupo deles non puidera baixar do avión que os levou este venres a El Aaiún con intención de visitar o Sáhara pola prohibición do goberno marroquí.

En rolda de prensa, os deputados de todos os grupos do arco parlamentario coincidiron nas súas críticas ao Goberno marroquí por "vetar" o seu acceso a El Aaiún, en palabras de Gonzalo Trenor (PP), malia que os vínculos entre Galicia e o Sahara son "fortes" e "estreitos".

Ademais, Noela Blanco (PSdeG) denunciou a "agresividade verbal" que sufriu a delegación por parte das autoridades policiais e locais de El Aaiún, de modo que pediu "un pronunciamento claro" de España sobre a actitude deste país cara a nove dos seus cidadáns.

Pola súa banda, Montse Prado (BNG) pediu que o do Sahara non se converta nun "deses conflitos esquecidos", senón que se "prema" a Marrocos para que cumpra o acordo e permita a celebración do citado referendum.

Tamén, Xabier Ron (AGE) suxeriu que este país africano pode estar nunha "especie de preparación prebélica" e por iso "non quere que se saiba" que está a acontecer; e o que ten claro Consuelo Martínez (Mixto) é que se trata dun goberno "que mata e asasina".

Xunto cos cinco parlamentarios compareceu tamén o delegado da Fronte Polisario en Galicia, Habibullah Mohamed Kuri, "quen valorou esta viaxe importantísimo que perseguía visibilizar a loita pacífica do pobo saharauí por vivir libre" e desfacerse dunha "ocupación ilegal e ilexítima".

Os deputados galegos pedíronlle á ONU, á eurocámara e o Executivo español que se interesen polo que está a acontecer alí. Manifestárono a través dunha carta remitida a todas estas institucións.

Na mesma misiva xustifican a súa viaxe na importancia de "tomar contacto directo coa situación" tras a expulsión de 84 persoas da Misión das Nacións Unidas para o referendo do Sahara Occidental e da Unión Africana e á vista de denuncias de "torturas, secuestros e xuízos sumarísimos".

"Marrocos ten moito que ocultar. Pola contra, non tería problemas en permitirnos realizar o noso labor de observadores", razoan, pois outras 120 persoas (deputados, cooperantes, xornalistas) foron expulsadas da zona no que vai de ano. Por todo, piden á ONU, á UE e a España que demanden "explicacións" a Marrocos e que esixan o cumprimento do acordo selado en 1991 para celebrar un referendo e os saharauís poidan "decidir o seu propio futuro".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 galegoexiliado

Entre ollar por cidadans sirios, iraquíes, terroristas de Gaza e sajarauis a ver si aos nosos políticos lles queda un oco pa ollar polos cidadans galegos que lles pagan o seu salario. E xa postos tamén poderían mirar un pouco polos cidadans das teocracias do oriente medio, ainda que estas co seu petróleo financien partidos, madrasas, mesquitas e regalen ferraris. Na Galiza tamén hai refuxiados galegos durmindo na rua, e ainda que sexan cristians, e non voten, tamén poderían ollar por eles.

1 Xoelho

Si, muito conto. Todos contra a opresión do pobo sahariano por parte de Marrocos, mais cando o PPPSOE goberna, grazas aos votos dos ilustres cidadáns, tan listos eles, fan a política que fan, son amigos de Marrocos e, non esquezamos, foi a dereita espanhola gobernante, con Franco praticamente morto, a que traizoou o pobo do Sahara regalándolhes territorio a Marrocos e Mauritania, renunciando despois este último.