O lobo mariño Camelle volve ao mar tras 85 días de recuperación en Galicia

O exemplar foi atopado o pasado 21 de febreiro con diversas feridas, unha contusión ocular con perda de visión do ollo esquerdo e unha forte afección pulmonar. A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños conseguiu recuperalo e agora xa viaxa cara o sur de Irlanda para ser liberado.

Por Galicia Confidencial | Nigrán | 17/05/2016 | Actualizada ás 11:40

Comparte esta noticia

O lobo mariño Camelle volve ao seu fogar, o mar. Tras 85 días de recuperación no centro da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), os seus coidadadores despedíronse del este luns, tras partir en dirección ao Grand Solé a bordo do arrastreiro 'Ferreira Martínez', dende o porto de Marín.

O lobo mariño Camelle, recuperado pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños
O lobo mariño Camelle, recuperado pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños | Fonte: CEMMA.

O 21 de febreiro pasado foi rexistrada na localidade de Camelle a presenza deste lobo mariño cincento, un macho de 17 kg. que presentaba diversas feridas. Logo de desprazarse ata o lugar a Unidade Móbil da Rede de Varamentos de Galicia, xestionada pola CEMMA, o equipo veterinario decidiu o seu ingreso na UCI de Nigrán. Ademais das diversas feridas, o animal presentaba unha contusión ocular con perda de visión do ollo esquerdo e unha forte afección pulmonar.

A segunda fase da rehabilitación, previa a súa liberación no mar, levouna a cabo nas instalacións do IGAFA (Instituto Galego de Formacion en Acuicultura). Alí estivo atendido polo alumnando e profesorado do centro, baixo a supervisión da CEMMA, incorporando esta actividade a súa formación.

Este luns, Camelle foi embarcado no arrastreiro 'Ferreira Martínez', como última fase da súa volta ao mar, sendo trasladado ata o sur de Irlanda para a súa liberación.

Estas actividades de asistencia á fauna mariña ameazada lévanse a cabo no seo da Rede de Varamentos participada pola Dirección Xeral de Conservación da Xunta de Galicia e executadas pola CEMMA.

O lobo mariño Camelle, durante o seu proceso de recuperación
O lobo mariño Camelle, durante o seu proceso de recuperación | Fonte: CEMMA.

TEMPADA DE LOBOS MARIÑOS

A tempada de lobos mariños vai desde finais de ano a marzo do ano seguinte. A tempada actual foi especialmente tempraneira, segundo explican os expertos da CEMMA, xa que desta volta os exemplares empezaron a aparecer a principios de novembro de 2015. Entre novembro de 2015 e febreiro de 2016 foron rexistrados seis lobos mariños cincentos (Halichoerus gripus) en Galicia. Un exemplar baixou á praia de Lariño en Carnota, mais, ao sentirse observado voltou ao mar, non sendo visto de novo. Outro foi rexistrado na costa da Coruña mais tampouco precisou ser recollido. Un foi capturado na Mariña Lucense. Outro varou, xa morto, na praia de Bentín, Muros. Finalmente, dous exemplares vivos foron recollidos na praia de Bens e en Camelle. No caso do lobo mariño da praia de Bens non sobreviviu aos primeiros días da rehabilitación, informa a CEMMA.

O lobo mariño Camelle foi embarcado no arrastreiro 'Ferreira Martínez' no porto de Marín para ser devolto ao mar
O lobo mariño Camelle foi embarcado no arrastreiro 'Ferreira Martínez' no porto de Marín para ser devolto ao mar | Fonte: CEMMA.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta