Temas: RECICLAXE SOGAMA

Cada galego recicla máis de 23 quilos de envases ao ano

Galicia reciclou 59.165 toneladas de envases domésticos en 2015. Pola súa banda, Sogama remitiu á industria recicladora entre 2008 e 2015 case 200.000 toneladas de envases, máis da metade dende o lixo convencional.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/05/2016 | Actualizada ás 11:30

Comparte esta noticia

Os galegos reciclaron o pasado ano máis de 23 quilos de lixo. En total foron 59.165 toneladas de envases, o que supón que cada persoa depositou 9,8 quilos no colector amarelo e 12,5 quilos no azul, segundo se desprende dos resultados presentados este martes por Ecoembes no marco do Día Mundial da Reciclaxe,

Colectores de reciclaxe en Neda
Colectores de reciclaxe en Neda | Fonte: galiciaartabradixital.com

Pola súa parte, a empresa de xestión de residuos urbanos en Galicia, Sogama, remitiu á industria recicladora entre 2008 e 2015 un total de 192.069 toneladas de residuos de envases, segundo informou este martes a Xunta.

En concreto, do total, 81.635 toneladas procedían da recollida selectiva do colector amarelo, mentres que o resto procedía do lixo en masa, fundamentalmente envases de aceiro e aluminio que non foran depositados neste colector, así como vidro.   En canto ao colector amarelo, tras o sistema de selección automático, a empresa pública logrou recuperar 15.032 toneladas de férricos, 769 de aluminio, 12.386 de briks e 53.447 de plástico.

En relación ao lixo en masa do colector convencional, recuperáronse 76.052 toneladas de envases de aceiro e 2.040 de aluminio. Entre 2013 e 2015 recuperáronse tamén 32.343 toneladas de vidro.

Sociedade “máis concienciada”

Ecoembes atribuíu este "éxito" ao traballo desenvolvido pola entidade xunto cos concellos cos que "conseguiu estar cada vez máis preto do cidadán" a través da rede de 43.957 colectores amarelos e azuis distribuídos por toda Galicia e que fan posible que o 99 por cento dos galegos teña acceso á recollida selectiva destes residuos.

"Atopámonos ante unha sociedade cada vez máis concienciada que traballa en equipo para conseguir un obxectivo común: o coidado do medio, e Galicia é un exemplo diso", dixo o conselleiro delegado de Ecoembes Óscar Martín, que destacou que os resultados alcanzados en 2015 están "en liña cos obxectivos marcados por Europa para 2020".

En España, durante 2015, recicláronse 1.300.339 toneladas de envases, un 3,3 por cento máis que en 2014, o que permitiu alcanzar unha taxa de reciclaxe do 74,8 por cento. Desta forma, os envases posiciónanse como os residuos urbanos que máis se reciclan en España.

Temas: RECICLAXE SOGAMA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta