Axudas para crear espazos de emprendemento no rural

O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a convocatoria de máis de 1,4 millóns en axudas para promover novas iniciativas comerciais no rural con apoios para máis dunha vintena de Espazos Activos tanto nas prazas de abastos como noutro tipo de instalacións.

Por GC Emprende | Santiago | 18/05/2016 | Actualizada ás 19:06

Comparte esta noticia

O DOG publica hoxe un novo programa de axudas, dotado con máis de 1,4 millóns de euros, co que a Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiará aos concellos de menos de 20.000 habitantes na posta en marcha de Espazos Activos de emprendemento comercial no rural, que poderán estar localizados tanto en prazas de abastos como noutro tipo de instalacións.

Vendendo noces na Feira de Outono de Allariz
Vendendo noces na Feira de Outono de Allariz

Mediante esta pioneira iniciativa, da que se poderán beneficiar máis dunha vintena de concellos, concederanse axudas de ata 70.000 euros e o 70% do investimento a realizar para habilitar áreas nas que os emprendedores poidan exercer a súa actividade comercial. Os interesados, neste caso, contan cun mes de prazo, a contar a partir de mañá, para presentar as súas solicitudes. O obxectivo desta convocatoria é contribuír á creación de emprego de calidade e á fixación de poboación no rural galego, ao tempo que se impulsa o equilibrio da oferta comercial nas zonas menos poboadas.

Así, priorizaranse as iniciativas que se desenvolvan nos municipios máis pequenos, así como aquelas que incorporen máis espazos para a comercialización de produtos locais. Ademais, prímanse os proxectos que incorporen un maior número de puntos de venda, a adopción de medidas de Responsabilidade Social Empresarial, a utilización das novas tecnoloxías ou a supresión de barreiras arquitectónicas, ademais da incorporación de enerxías alternativas ou a reciclaxe ou eliminación de residuos.

Os concellos que poñan en marcha un Espazo Activo deberán desenvolver ademais actuacións de difusión, asesoramento e formación dirixidas ás persoas interesadas na iniciativa, contemplando aspectos como o aumento da rendibilidade do posto de venda con técnicas de “visual merchandising”, a colocación do produto e a atención ao cliente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta