Creada a primeira Rede de parques naturais de Galicia para unha maior coordinación ambiental

Feijóo afirma que esta rede será o instrumento baixo o cal se coordinará a xestión de todos os parques galegos. Estarán os seis parques naturais, monumentos naturais, humedais protexidos, pero non todos os espazos da Rede Natura.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/05/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Galicia contará coa primeira Rede de parques naturais de Galicia que, segundo a Xunta, permitirá unha xestión compartida e coordinada destes espazos, ademais de facilitar e garantir a conservación e o coñecemento da riqueza natural do territorio.

Parque Natural da Serra do Xurés
Parque Natural da Serra do Xurés | Fonte: Adrián Regos

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo,  dixo que esta rede será, a partir de agora, o instrumento baixo o cal se coordinará a xestión de todos os parques galegos; “coordinado e impulsado de xeito conxunto non só co Parque Nacional das Illas Atlánticas, senón tamén con outros espazos que pertenzan a diferentes figuras de protección”, aseverou.

Sen embargo, e aínda que na actualidade Galicia conta con máis dun 12% do seu territorio ocupado por espazos naturais protexidos con algunha figura de protección, nesta rede non estarán todos os espazos incluídos na Rede Natura 2000.

Deste xeito, nesta Rede vanse incluír os seis parques naturais (Baixa Limia- Serra do Xurés, Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, Fragas do Eume, Monte Aloia, O Invernadeiro e Serra de Enciña da Lastra); o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas; así como os monumentos naturais (Praia das Catedrais, Carballa da Rocha, Costa de Dexo, Fraga de Catasós, Serra de Pena Corneira, Souto da Retorta, Souto de Rozabales, Pregamento Xeolóxico de Campodola – Leixazós); as cinco zonas húmidas protexidas (Complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo, Complexo intermareal Umia- O Grove, A Lanzada, Punta Carreirón e Lagoa Bodeira, Lagoa e areal de Valdoviño, Ría de Ortigueira e Ladrido, Ría de Ribadeo); as paisaxes protexidas e as zonas de especial protección dos valores naturais.

Ao respecto, o responsable autonómico afirmou que, de xeito inmediato, poranse en marcha varias actuacións para dinamizar estes espazos. Medidas entre as que destacou a instalación dunha nova sinalización na totalidade dos parques; así como a creación dunha nova aplicación para promover estes espazos no seu conxunto, ao tempo que se permite aos visitantes contar con información en tempo real a través dos seus dispositivos móbiles.

Así mesmo, tamén se porá en marcha unha nova páxina web da Rede, con información actualizada e centralizada nun mesmo espazo. Ademais, en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia, a Rede de parques terá un espazo propio na web de Turismo de Galicia.

Feijóo subliñou que as Consellerías de Educación e de Política Social tamén colaborarán no impulso a esta Rede, coa promoción nos centros educativos de ensino de Galicia e para levar a cabo un programa de voluntariado estable nos parques da Rede.

Máis alá destas actuacións inmediatas, Feijóo afirmou que coa creación desta rede promoverase e porase en valor as principais figuras do patrimonio natural galego. Trátase de converter os seis parques naturais, xunto co parque nacional, nun modelo de xestión compartido e coordinado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta