Como un cacho de solo pode chegar a converterse nun documento histórico

Unha tese da Universidade de Santiago profunda na historia dos últimos 4.000 anos a través do estudo do solo.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 23/05/2016 | Actualizada ás 11:30

Comparte esta noticia

Un cacho do solo que pisamos é unha folla que agarda ser descuberta, lida e interpretada. Esta é unha afirmación que se ten convertido en literal da man da edafoloxía e, máis concretamente, do estudo das turbeiras, ecosistemas húmidos cunha capa de solo orgánico saturado en auga e “constituída por material vexetal morto e en descomposición” -denominado turba e do que toma o nome-. Estes ecosistemas “regulan o clima, a hidroloxía e a química de solos e augas nas súas cuncas”, ademais de que “son importantes reservorios de biodiversidade e actuaron como sumidoiros naturais de carbonos durante milenios”. Así o explica Noemí Silva Sánchez, autora da tese ‘A reconstrución de ambientes Holocenos a partir de turberas: combinando xeoquímica e palinoloxía’, defendida na Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Panorámica de Sandhavn, en Groenlandia
Panorámica de Sandhavn, en Groenlandia | Fonte: Ed Schofield.

As turbeiras son o medio idóneo para comprender a combinación entre xeoquímica e palinoloxía “por ser os mellores arquivos para a reconstrución paleoambiental”. E neste sentido Galicia é a comunidade autónoma do Estado español que maior superficie e diversidade ten deste tipo de hábitats.

Sobre cómo un cacho de solo chega a converterse nun documento histórico, a explicación hai que atopala nas propiedades físicoquímicas e no modo de produción e acumulación de turba, en cuxa superficie poden depositarse partículas atmosférica de po, contaminantes ou polen, “quedando inmobilizadas e enterrándose progresivamente a medida que a turba se vai acumulando en capas”. E deste xeito é como se “constrúe un rexistro dos cambios ambientais do pasado”.

O estudo realizouse en turbeiras de Galicia, Asturias e Salamanca, así como do Reino Unido e de Groenlandia

Coñecer a evolución dos ecosistemas a escalas temporais o suficientemente longas ofrece unha información de grande utilidade á hora de entender os ecosistemas no presente e predicir a súa evolución no futuro, engade a doutora Silva Sánchez ao xustificar a importancia deste tipo de estudos. “A investigación paleoambiental está baseada no estudo de indicadores ambientais (‘proxies’) obtidos en arquivos temporais para reconstruír cómo o medio ambiente cambiou ao longo do tempo”, aclara.

Seccionando un rexistro de turba
Seccionando un rexistro de turba | Fonte: Noemí Silva Sánchez.

Baixo a dirección do catedrático da USC Antonio Martínez Cortizas e da investigadora da Brunel University London, Lourdes López Merino, a tese de Noemí Silva aplicou estudos xeoquímicos e palinolóxicos a mostras de turba co fin de reconstruír o clima e a incidencia das actividades humanas que influíron nos cambios ambientais dos últimos milenios. A investigación prestou especial atención a tres procesos que na actualidade están afectando á calidade ambiental de moitos ecosistemas e incluso á saúde humana: a erosión dos solos, a relación entre as variacións no clima e o secuestro de carbono en turbeiras e as variacións na contaminación atmosférica por metais debida á minería e metalurxia.

O estudo realizouse en turbeiras de Galicia, Asturias e Salamanca, así como do Reino Unido e de Groenlandia, cubrindo deste xeito mostras procedentes das zonas temperada e boreal. “A maior parte dos rexistros teñen idade máximas que oscilan entre os 4.000-3.000 e os 700 anos”, explica a doutora Silva Sánchez.

EROSIÓN DOS SOLOS

“As evidencias obtidas nun rexistro de turba na Serra do Bocelo, en Melide, indican un aumento da erosión dende a Idade do Ferro (hai 2.800 anos), aínda que será a partir do período romano cando máis se intensifique”. Tamén das mostras do sur de Groenlandia, a investigación apunta que “a erosión está fortemente ligada á presión antrópica, pois o abandono da ocupación vikinga na Pequena Idade do Xeo implicou un descenso da erosión que non volveu repuntar ata que a inicios do século XX se retoma o pastoreo de ovellas na rexión”.

Matizando estes resultados, a investigadora tamén sinala que o clima, “en particular durante períodos húmidos e especialmente cando a cobertura vexetal foi previamente reducida, tamén pode inducir un incremento da erosión”.

Como explica a investigadora, a erosión dos solos é un dos principais problemas ambientais que, na actualidade e segundo datos da FAO, afecta a dous millóns de hectáreas de terra de cultivo e pastos, “unha área maior que Estados Unidos e México xuntos”. Durante o período do Holoceno (últimos 11.600 anos), as fases de erosión dos solos están ligadas a períodos de actividade cultural e “frecuentemente aparecen asociados a unha intensificación da agricultura e a gandería, que xeralmente están asociadas á súa vez a procesos de tala de bosques e intensificación das queimas”.

SECUESTRO DE CARBONO

Durante o Holoceno, as turbeiras actuaron como un importante reservorio de carbono. A partir dos rexistros de turba de Groenlandia e de Salamanca, Noemí Silva apunta que durante a Pequena Idade de Xeo, polas condicións de frío dominantes, “a acumulación de carbono e de turba viuse moi limitada”. En ambas turbeiras, no caso do carbono, a tendencia invertiuse “unha vez que as condicións climáticas melloraron”.

Ademais, a perspectiva dun escenario dominado polo quentamento global ten suscitado diversas hipóteses de traballo entre os investigadores. Neste senso e no caso das mostras de Salamanca, a dispoñibilidade de rexistros de períodos húmidos “permitiu concluír que, ante un escenario de quentamento global, as turbeiras seguirían tendo un balance positivo de acumulación de carbono sempre e cando se manteña unha axeitada achega hídrica”, engade Silva Sánchez.

CONTAMINACIÓN ATMOSFÉRICA POR METAIS 

A tese de Noemí Silva achega evidencias dun “incremento do nivel de contaminación atmosférica por chumbo en Groenlandia a partir do ano 1850, cun máximo na década dos 70 e un descenso posterior ata igualar os valores anteriores”, explica Noemí Silva. Sobre a orixe desta contaminación, as mostras “achegan evidencias de que sería a consecuencia das emisións en Norteamérica”. Non obstante tamén alude a que, ademais da revolución industrial, “a contaminación atmosférica metálica tamén estivo vinculada, xa dende antigo, ao desenvolvemento de actividades mineiras e metalúrxicas”. Neste senso, o traballo inclúe unha síntese das variacións na contaminación por metais no norte da Península Ibérica dende o período romano, informa a USC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta