Temas: ANOVA EN MAREA

A militancia de Anova ratifica a coalición con Podemos e EU malia preferir un partido

A militancia de Anova-Irmandade Nacionalista expresou con contundencia a súa preferencia por un partido político como fórmula xurídica para concorrer ás eleccións do próximo 26 de xuño pero, non obstante, tamén referendou con similar rotundidade manter "o camiño común", isto é, validar a coalición En Marea, na que se integra xunto a Podemos Galicia e Esquerda Unida.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 20/05/2016 | Actualizada ás 19:19

Comparte esta noticia

O resultado será comunicado á Mesa de Coordinación de En Marea para "seguir co camiño marcado cara ás eleccións ás Cortes do Estado do 26 de xuño".

Beiras, de ANOVA, Pablo Iglesias de Podemos e Yolanda Díaz, de Esquerda Unida
Beiras, de ANOVA, Pablo Iglesias de Podemos e Yolanda Díaz, de Esquerda Unida | Fonte: Podemos

Precisamente, a Xunta Electoral Central deu luz verde este venres á coalición En Marea para as próximas eleccións xerais, que se rexerá por un acordo político igual ao dos comicios do 20 de decembro.

As preguntas incluídas na consulta interna permitiron que as bases de Anova mostraran a súa preferencia por concorrer como partido instrumental (un 79,9%), como así aprobouno nos documentos da súa conferencia política do 10 de abril, na que se apostou por defender que En Marea camiñase cara á súa conversión nun partido instrumental de adscrición individual para as citas electorais.

Non obstante, Podemos Galicia e Esquerda Unida opuxéronse á vía do partido para a repetición das xerais, senón por manter os acordos alcanzados para o 20 de decembro.

Na asemblea de En Marea do pasado domingo día 15, houbo tamén voces, entre elas de militantes de Anova, que apostaron pola fórmula do partido instrumental para concorrer ás eleccións xerais, xa que a formación nacionalista considera que é o xeito xurídico que podería garantir a consecución do grupo parlamentario propio para Galicia no caso de que, polo menos, se repitan resultados -seis deputados no Congreso e o mínimo porcentual en todas as circunscricións-.

Última Conferencia Política de Anova
Última Conferencia Política de Anova | Fonte: JoshuaJuarezPaz

Non obstante, aínda que Podemos -mesmo así a chegou a pronunciar a propia número tres da dirección estatal, Carolina Bescansa- e Esquerda Unida ratificaron o seu compromiso de buscar grupo parlamentario para Galicia, estas dúas formacións han asegurado que a clave está en contar cunha maioría diferente na Mesa do Congreso dos Deputados para logralo, e non na cuestión xurídica.

Neste escenario, Anova, como fixeron os seus socios da coalición a semana pasada, someteu á militancia os acordos políticos, se ben En Marea xa foi rexistrada como coalición o pasado venres día 13 (co acordo do mesmo documento político) e obtivo este venres luz verde. En todo caso, membros de En Marea ligados a Encontro Cidadá por unha Marea Galega e a Compostela Aberta tamén iniciaran os trámites ante o Ministerio do Interior para rexistrar esta marca como partido político, fórmula que finalmente non se utilizará.

Concretamente, a primeira das preguntas que respondeu a militancia de Anova é a seguinte: "¿Que fórmula xurídica consideras que sería a máis apropiada para garantir os obxectivos políticos de En Marea de cara ao 26 J?: a) Coalición b) Partido instrumental". O resultado, segundo os datos difundidos pola formación que lidera Xosé Manuel Beiras, foi do 14,5 a favor de coalición, 79,9%, por partido instrumental e 5,6%, abstención.

Esta primeira parte permitiu á militancia de Anova decantarse pola fórmula xurídica que defende tanto a dirección como a que recollen os documentos aprobados na asemblea celebrada o pasado mes de abril na Coruña.

A segunda pregunta dicía como segue: "Pensas que Anova debe participar nos comicios ás Cortes Españolas en En Marea, independentemente da fórmula xurídica expresada por nós, salvagardando o espazo de unidade popular?: a) Si b) No". O resultado foi un si, nun 75,57%; o non obtivo o 15,78% e o 8,65% optou por absterse.

Con esta segunda parte da consulta, na que participou o 68% da militancia de Anova, a participación máis numerosa das consultas telemáticas que fixo a organización, as bases da formación nacionalista tiveron a ocasión de manter o seu apoio á coalición En Marea para os comicios do 26 de xuño sen que iso supoña retractarse da súa preferencia por un partido instrumental.

Preguntado en rolda de prensa, o alcalde de Santiago e covoceiro de Anova (faceta que deixou nun segundo plano tras a súa candidatura municipal), Martiño Noriega, reivindicou que a súa formación política sometera a consulta interna os acordos. "¡Claro que votei!, moléstame máis cando non me deixan votar!", manifestou.

En canto á diferenza entre a fórmula catalá (partido e coalición de partidos) e a coalición de En Marea, Noriega asegurou que "fórmula catalá non solucionaría o debate" de Galicia, polos escanos que podería obter En Comú con respecto aos que se obtería por parte de Anova só, e polo tanto considerou que a situación "non é extrapolable".

Temas: ANOVA EN MAREA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 13 comentarios

9 tin

ben por anova mal por podemos se fosen coma partido instrumental tiñas o meu voto para ser comparsas de podemos paso!!!

8 Que din os rumorosos?

As ovellas seguiron o pastor, e o pastor baixara as calzas ante o raposo madrilenho. Parabéns. E que din do asunto os de Cerna (ou aguardan trincar do presunto), e os ecosocialistas (o sindicato de asesores xa se preparan para quitar talladada da graxa), e os fuxidos (con razón, do BNG, por estar sometidos à UPG) como Aymerich ou Antelo van ficar caladinhos? É o momento de dar a cara polos galegos conscientes de seu ou entregarse como acaban de facer Anova e as Mareas!

7 Balbino Fernández

Que libre GC, que independente, que obxectivo!!! A nova da UPG, sendo secundaria, sabida e anterior vai na cima, destacando, esta de ANOVA, posterior e decisiva (ou iso quixeron vender), hai que rebuscala... A pregunta, xa o apuntaron, tendenciosa e falsa, unha para a galería, para quedar ben, a que importa estaba cocinhada. Un paripé. Traidores é a palavra máis suave que se me ocorre. E non vou votar BNG, que non concordo co suicidio colectivo do novo Medulio encabezadopola Pontón, pero de ANOVA e Mareas nin me falen. Repugnantes.

6 A cobrar

https://www.youtube.com/watch?v=3_X...

1 eueu

Oi oi oi...hai a quen lle molesta quedar sen escano.... cheira a envexa da mala, da dos viciños que moven os marcos. Pois ala, cada quen a apandar coa sua!

5 han asegurado (mantenta)

Unha parabola: se nun restaurante o camareiro so me ofrece de prato tortilla española, e insiste si ou non, esta condicionando a miña resposta. Se non me da a escoller alternativas (mesmo patacas fritas soas en caso de non tolerar ovo, ou tortilla francesa se non quero patacas) esta determinando a escolla. So me queda levantarme. Pois iso foi a votacion: unha manipulacion (igual, para deixalo ben claro, que os amaños das asembleas do Bloque). Anova entregouse ao españolismo para saciar barrigas agradecidas e vingadores da navalla aberta contra os que onte foron camaradas. Noxento Beiras, Martiño, Alexandra e Fernan Vello. Tiñades prezo, barato, moi barato!