A un triunfo do récord

O Lugo volve gañar, 2-0 ao Bilbao Athletic con goles de Pablo Caballero e Joselu de penalti, e suma 54 puntos, a tan só unha vitoria de batir o seu tope de puntuación en Segunda División. Este mércores, nova xornada de Liga contra o Numancia en Soria.

Por gcdeportes | Lugo | 23/05/2016 | Actualizada ás 00:44

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
CD Lugo 2:
Roberto; Álvaro Lemos, Israel Puerto, Dealbert, Manu; Pita, Seoane; Iriome, Campillo (Igor Martínez, 82’), Jonathan Pereira (David Ferreiro, 67’) e Pablo Caballero (Joselu, 58’).
Bilbao Athletic 0: Jon Ander; Etxeberria, Ramalho, Gil, Saborit; Aketxe (Jurgi Otero, 46’), Unai López, Vesga, Córdoba (Villalibre, min.61); Guarrotxena y Olaetxea (Iturraspe, min.68).
Goles: 1-0: Pablo Caballero (minuto 22). 2-0: Joselu, de penalti (minuto 86).
Árbitro: Valdés Aller (castelán). Amarelas ao lucense Pablo Caballero (39’) e a Saborit (73’) e Etcheberria (86’) no Bilbao Athletic.
Incidencias: partido da 39ª xornada de Segunda División disputado no Anxo Carro ante 2.853 espectadores, a peor entrada da tempada.

Jonathan Pereira despídese con aplausos da afección.
Jonathan Pereira despídese con aplausos da afección. | Fonte: lfp.es

Despois de dúas derrotas consecutivas e tres xornadas sen vitorias, o Lugo volveu gañar (2-0) ante o pechacancelas da Liga, o Bilbao Athletic, con goles do arxentino Pablo Caballero e Joselu de penalti. O equipo lucense, con 54 puntos, está a tan só dous do seu mellor rexistro en Segunda División (56) e aínda mantén opcións remotas de entrar na promoción de ascenso a falla de tres xornadas. Mércores en Soria, partido contra un Numancia que xa non se xoga nada.

Non foi un partido brillante dos lucenses, por momentos sen intensidade, e o filial do Athletic, sobre todo na primeira metade, mereceu algo máis pero non tivo acerto en ataque. O conxunto biscaíño levou a iniciativa no arrinque, avisou nada máis principiar cun disparo de Unai López e a piques estivo de marcar no minuto 6 tras un erro de Seoane que non aproveitou Aketxe ante Roberto. O Bilbao Athletic controlaba o encontro, e os lucenses non estaban cómodos e víanse obrigados a ceder a Xosé Xoan polas dificultades para sacar co balón. Os de Ziganda xogaban a pracer, pero as intervencións de Roberto nun disparo de falta de Aketxe e nun remate coa testa de Mikel Vesga evitaron o gol visitante. Houbo algúns apupos para os locais, pero desapareceron cando Pablo Caballero, no seu regreso ao once trala lesión de pube, marcou coa testa tras centro medido de Iriome dende a dereita no minuto 22.

Co 1-0, o Athletic non tardou en volver facerse co partido, pero de novo desaproveitou as ocasións claras, como nun remate de Olaetxea que saiu desviado a escasos centímetros do traveseiro. Tivo o Lugo, a seis minutos do lecer, unha oportunidade para facer o 2-0 nunha xogada de calidade de Carlos Pita na área pero Jon Ander rexeitou o disparo do coruñés.

Baixou o ritmo na segunda metade, e houbo menos intensidade habida conta do pouco premio que había en xogo. E poucas ocasións. Carlos Pita tentouno cun remate lonxano en parábola, e o Bilbao Athletic gozou de varias oportunidades para empatar, pero nin Mikel Vesga nin Unai López atinaron coa portaría de Roberto. Joselu entrou por Caballero e David Ferreiro por Jonathan Pereira, mentres que o equipo vasco, cos tres trocos feitos, quedou cun home menos a dez minutos do remate por lesión de Saborit. O Lugo aproveitou a superioridade para sentenciar o choque cun penalti de Etxeberria sobre Iriome que transformou Joselu a catro minutos do final.

Os de José Durán suman xa 54 puntos e chégalles cunha vitoria nas tres últimas xornadas (Numancia, Nástic no Anxo Carro e Huesca) para batir o record histórico de puntuación do Lugo en Segunda, que está en 56 puntos con Quique Setién.

Iriome e Carlos Pita felicitan a Joselu polo 2-0.
Iriome e Carlos Pita felicitan a Joselu polo 2-0. | Fonte: lfp.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta