O Celta, a Europa sen previas

A vitoria do Barça na final de Copa permite aos vigueses ir directos á fase de grupos da Europa League, que comeza o 15 de setembro, e voltar de vacacións o 4 de xullo como estaba previsto. Haberá torneo en xullo en Uruguai con Celta, Dépor, Nacional e Peñarol.

Por gcdeportes | Vigo | 23/05/2016 | Actualizada ás 09:05

Comparte esta noticia

Unha semana máis de vacacións. O triunfo do Barça na final da Copa do Rei ten premio para o Celta: lle permite principiar a competir na Europa League directamente na fase de grupos, prevista para o 15 de setembro, aforrando dúas eliminatorias da fase previa. Deste xeito, os homes do Toto Berizzo non volverán das vacacións ata o luns 4 de xullo, polo que gozarán de sete semanas de descanso.

O plantel celeste, con Berizzo á dereita, na festa coa afección pola clasificación para Europa.
O plantel celeste, con Berizzo á dereita, na festa coa afección pola clasificación para Europa. | Fonte: lfp.es

É unha gran nova para o equipo celeste, un premio para un plantel curto e canso tras unha campaña excepcional, pero longa e esixente. Se tivese gañado o Sevilla no Calderón, o Celta estaría obrigado a xogar dúas eliminatorias previas entre xullo e agosto, polo que tería unha semana menos de descanso para adiantar a volta ao traballo ao 27 de xuño.

Trala confirmación do regreso aos adestramentos en xullo, o Celta só terá que pensar en chegar a tope para o 20-21 de agosto, data prevista para o comezo da Liga, co que poderá levar unha pretempada máis racional e sen présas, sentando as bases para unha campaña que será aínda máis esixente coa participación en tres competicións. Para afrontar con garantías Liga, Copa e Europa League, Berizzo xa anunciou as súas peticións ao club: un porteiro, dous defensas e dous homes de ataque, sen ter en conta posibles saídas.

Co calendario de pretempada confirmado, e segundo avanzou Rafael Louzán, presidente da Federación Galega de Fútbol, queda o camiño despexado para a disputa dun torneo amigable en Uruguai. Sería un cuadrangular con presenza de Celta, Deportivo, Peñarol e Nacional en Montevideo. Ademáis, coa clasificación directa para a fase de grupos da Europa League, o Celta asegura alomenos ingresos por tres millóns de euros: 2,4 millóns fixos aos que se suman os incentivos por cada vitoria e cada empate.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta