Misterioso asasinato en Barballo

Hai tempo que unha nova xeración de historietistas está a mudar a faciana do mundo do cómic dende os eventos de autoedición, probablemente a expresión máis dinámica da banda deseñada actual.

Por Elipses e sombras - Eduardo Maroño | A Coruña | 24/05/2016

Comparte esta noticia

552139_396151673825712_999837618_n

Título: Duerme pueblo; Autora: Núria Tamarit e Xulia Vicente Editorial: La Cúpula; Ano: 2016

Artistas novos e moi activos, polo xeral ben formados artística e tecnicamente, que lle están a dar un novo significado á actividade fanzineira. Malia a súa diversidade non é difícil atopar unha sensibilidade común, unha falta de convencionalidade que soborda límites e osixena o medio con propostas de dificilmente atoparían acomodo en editoras tradicionais. O espírito lúdico destes eventos non lles resta forza transformadora, probablemente o contrario. Os nomes de Xulia Vicente e Nuria Tamarit resultaranlle familiares á maioría dos afeccionados que coñezan estas iniciativas de autoedición. Gañadoras de premios e certames, promotoras e colaboradoras de fanzines coma Sacoponcho, Nimio, Compota de Manatí ou Saxífono, ambas representan correctamente a esencia desta nova fornada de creadores que chegan á edición convencional con moitas páxinas nas costas, demasiadas para seren consideradas debutantes.

Despois de ilustraren a novela de Miguel Ángel Giner Bou El misterio de la mansión quemada, Vicente e Tamarit presentan Duerme pueblo, unha monografía que transforma un popular xogo de cartas nunha trama de misterio e fantasía. Tanto o escenario, a pequena aldea de Barballo, coma os personaxes (o alcalde, o cura, a meiga, os lobishomes, a cazadora...), remiten directamente á iconografía dos contos populares nos que a realidade e a fantasía se combinan con naturalidade. Calquera que coñeza a traxectoria previa das autoras sabe que ese é un terreo no que se desenvolven con soltura. Coma no xogo orixinal, sucédense as mortes e hai que adiviñar quen é o asasino. Hai, xa que logo, un substrato estereotipado, un xogo de clixés que as autoras manexan de forma consciente e que creban cando lles cómpre, coma demostra o feito de reconduciren a trama cun agradecido xiro de metaficción concibido para decepcionar as expectativas dos lectores máis acomodaticios. Duerme pueblo semella unha fábula tradicional, pero chegado un momento as normas saltan polos aires.

Xulia Vicente é unha debuxante de trazo áxil e moi expresivo, unha narradora intuitiva que mide os tempos e desenvolve a acción cunha sinxeleza enganosa. As páxinas de Nuria Tamarit resultan facilmente recoñecibles polo seu peculiar xeito de secuenciar prescindindo dos marcos das viñetas. Ambas posúen un trazo solto e moi vivo, os seus estilos están o suficientemente próximos como para que o conxunto resulte coherente, pero tamén teñen a personalidade abondo para non resultaren indistinguibles. A alternancia de ambas no debuxo revélase coma un dos aspectos máis gratificantes da lectura da obra.

Con Duerme pueblo Xulia Vicente e Nuria Tamarit entran no circuíto da edición tradicional e acceden a un perfil de lector distinto. Fano cun formato de historia que nunca ensaiaran ata o de agora e, polo tanto, debendo confrontar esixencias creativas novas. A solidez da súa proposta confírmaas coma algo máis que novos valores, coma dúas autoras chamadas a facer grandes cousas nun futuro inmediato. 


Eduardo Maroño

Coruñés, do Barrio de Monte Alto, vai para dez anos que escribe sobre cómics en lugares diversos: no seu blog Un ollo de vidro, na páxina culturagalega.org, onde asina a columna Paisaxes de papel, no xornal Praza Pública, e tamén en Galicia Confidencial. Este será un espazo para falar de banda deseñada, as súas obras e os seus autores, de Galicia e do resto do universo.

Le máis artigos de Eduardo Maroño aquí.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA