David Fernández: “En Marea debe ser entregada á xente e deixar de estar controlada por aparatiños”

Foi deputado de AGE e marchou a Dinamarca contratado como científico. Agora, de volta a Galicia, acaba de ser elixido polos militantes de Anova para ocupar o segundo posto no Senado. Insiste en que a súa prioridade é a ciencia, pero suliña que nunca deixou a súa militancia política. Critica algúns “cargiños” de En Marea e insiste na necesidade de que decidan as bases.

Por Xurxo Salgado | Ourense | 24/05/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

David Fernández Calviño foi deputado de AGE ata que decidiu deixar a política activa pola ciencia. Unha paixón e unha forma de vida que, asegura,  é “prioritaria” para el, aínda que iso non quita que a poida facer compatible coa vida política.

David Fernández, ex deputado de AGE
David Fernández, ex deputado de AGE | Fonte: Anova

De feito, mantén unha vinculación moi activa con Anova en Ourense. “Eu nunca deixei a política... mais se te refires a ter cargo publico non o descarto, mais tería que ser compatíbel co meu traballo científico”, apunta.

Con todo, e agora de volta en Galicia, critica as “amizades perigosas” dalgún dos cargos de EnMarea. “Non teño dúbida de que o noso proxecto, EnMarea, é o mellor dos posibles, mais en moitos casos as persoas que poñemos a fronte non son as mais convenientes”, asegura.

Tampouco descarta unha aproximación a outras formacións nacionalistas, incluída, o BNG, con quen Anova e outros grupos xa traballan conxuntamente na comarca na asemblea nacionalista do Macizo Central. “Eu manteño unha relación cordial, incluso de amizade con moita xente do BNG, e estaría encantado de traballar con eles en diversos ámbitos, electorais e non electorais”.

De volta en Galicia, pero para quedar, para madurar ou para marchar?
Gustaría que fose para quedar definitivamente, mais a verdade é que aínda non sei que vai pasar. Teño abertas varias posibilidades entre as que está quedar en Ourense, mais non descarto marchar a Madrid ou Euskadi. Agardo saber algo en breve.

David Fernández Calviño nun acto político en Ourense
David Fernández Calviño nun acto político en Ourense | Fonte: Jorge de la Calle

E, logo, non te tratan ben en Dinamarca?
En Dinamarca fun tratado moi ben, de feito coido que a nivel laboral non volverei a estar como neste dous anos e pico. Sen embargo a miña intención nunca foi quedar aló. Marchei porque a participación no proxecto no que estaba pode axudarme a recuncar coma profesor nunha Universidade galega. Iso é o que realmente quero profesionalmente.

Que facías alí, exactamente?
Estaba contratado coma investigador postdoutoral nun proxecto chamado “PICT-RISK: Evaluation of pollution-induced community tolerance (PICT) as an ecologically relevant effect and exposure indicator for RISK assessment of biocides”. Neste proxecto buscamos atopar indicadores adecuados da contaminación do solo dende un punto de vista microbiano. En moitos casos sabemos que no solo existe acumulación de contaminantes diversos. Sen embargo os seus efectos sobre os microorganismos son pouco coñecidos. Coñecer estes efectos e os niveis a partir dos que poden aparecer son de grande importancia, xa que os microorganismos do solo xogan un papel chave no ciclo do carbono, na fertilidade do solo e na propia biodiversidade.

E cres que podes quedar en Galicia ou en España a facer ese traballo?
De quedar aquí podería desenvolver este traballo perfectamente xa que existe un capital humano moi importante dende o punto de vista científico. O problema é que o financiamento da ciencia no noso país e no resto do estado é moi escaso en relación a outros países europeos. Mais se houbese vontade política Galiza podería ser punteira cientificamente.

E, senón...Collerás as maletas de novo?
A miña prioridade é investigar no meu país, mais se no próximo ano e medio non consigo ren... pois marcharei a onde teña oportunidade de facer o meu traballo. Teño claro que a miña prioridade é a ciencia.

Digoo porque hai quen pensa que queres volver á política?
Eu nunca deixei a política... mais se te refires a ter cargo publico non o descarto, mais tería que ser compatíbel co meu traballo científico. Se o preguntas por terme presentado ás primarias de Anova para o Senado comentareiche o que lle digo ós meus amigos en plan brincadeira “eu so presento a miña candidatura a cargos con mínimas posibilidades de saír”. Sempre que poida colaborar cos meus compañeiros en campaña fareino, por iso presentei a miña candidatura, para axudar na medida das miñas posibilidades na futura campaña de EnMarea para ás eleccións xerais. Apetecíame axudar máis que nada nas zonas rurais da miña circunscrición, zonas que EnMarea non tivo en conta na anterior campaña.

Algún xornal apuntaba iso co das eleccións internas de Anova e o teu segundo posto para o Senado
Os xornais poden apuntar o que queiran, incluso contando mentiras como foi o caso días atrás. Molestoume un pouco o artigo de La Voz de Galicia sobre a miña candidatura polas mentiras e imprecisións que contén, mais é o que hai... alá cada quen coa súa conciencia.

E falando de eleccións e de procesos políticos. Como ves a actual situación de En Marea?
EnMarea é fundamentalmente un espazo político da esquerda nacional cunha grande capacidade de ilusionar á xente, de facer que os agredidos sintan que teñen quen os defenda. Sen embargo é un espazo en construción con moitas eivas que temos que ir corrixindo se queremos non acabar por defraudar a xente. Hai moita xente, a que normalmente identificamos coma cidadanía activa, que percibe estas eivas e fai presión para que lles deamos solución... coido que teñen razón. EnMarea debe ser entregada o antes posíbel á xente e deixar de estar controlada por “aparatiños”. Aclarar que a pesar de todas as eivas continúa a ser o mellor espazo para a transformación social e nacional que existe neste momento na Galiza.

Beiras foi contundente e dixo que a militancia de Anova tiña "máis cabeza" que algúns dirixentes de Podemos e EU que só queren "cargitos". Esa é a sensación que hai entre os militantes?
Entre os militantes non sei. Eu dou a miña opinión estritamente persoal. Unha das maiores eivas de EnMarea é a defensa que algúns fan do seu propio carguiño por riba dos intereses colectivos. Supoño que é a condición humana... É absolutamente impresentable que algunhas persoas estean en mesas negociadoras defendendo os seus propios postos. Tampouco é de recibo que persoas que teñen problemas de “amizades perigosas” non dean un paso atrás para evitar problemas colectivos. Non teño dúbida de que o noso proxecto, EnMarea, é o mellor dos posibles, mais en moitos casos as persoas que poñemos a fronte non son as mais convenientes.

Non hai certa frustración por non ter partido instrumental?
Existe frustración porque foi negado sen ningún argumento real, fora de que os que queremos un grupo parlamentar propio somos uns cretinos. De aí a frustración.

E non cres que esta situación pode traer problemas no futuro, por exemplo, nas autonómicas?
Non creo. A pesar de todo, eu non perdo de vista que o inimigo é Feijoo e as súas políticas de exterminio do rural, de lucrarse coa saúde das persoas, de privatizar o ensino e miles de agravios máis. Iso é o que nos mantén unidos, en cuestións programáticas non temos case diferenzas. O benestar da nosa xente e a nosa supervivencia coma pobo son o máis importante. As organizacións son meros instrumentos.

Falando de eleccións. Como ves as xerais?
Coido que EnMarea mellorará os seus resultados.

E as autonómicas?
Creo que EnMarea presidirá a xunta de Galiza, agardo que a través dunha persoa que entenda o país no seu conxunto, non por alguén con visión exclusivamente urbanita.

E hai posibilidade de achegamentos a outras formacións nacionalistas, mesmo co BNG?
Se hai posibilidade non sei, mais sería desexable. Eu manteño unha relación cordial, incluso de amizade con moita xente do BNG, e estaría encantado de traballar con eles en diversos ámbitos, electorais e non electorais.

Con todo na zona de Trives xa hai un acordo. Non cres que no futuro pode chegar un entendemento?
Un acordo similar ó que crea a asemblea nacionalista do Macizo Central sería algo moi desexable a nivel nacional. Alí acordaron tecer espazos de colaboración alén do electoral sobre temas nos que están de acordo persoas de distintas organizacións nacionalistas e persoas independentes. Para min ese é o camiño, crear espazos de entendemento e debate non condicionados por cuestións puramente electorais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 26 comentarios

19 Cementos Ural

Este tío ya le montó un follón al partido cuando renunció al escaño y ahora tiene los santos cojones de presentarse otra vez. Hace falta tener el rostro de cemento armado.

18 Santiaguiño

Co "el tú más" E votando a culpa á UPG os fanáticos podemitas escusan o que sea, así nos vai que onde gobernan non saben nin xestionar un comedor escolar e se nom é polos seus socios do PSOE nom aproban Nem presupostos

17 Gamela

Solicita á ONU Observadores para controlar o Voto Rogado / https://www.change.org/p/a-unidos-p...

16 Evaristo

Era mejor que te callaras, chegas tarde a por el puesto. Ahora Beiras quiere a Pérez Bouza en Ourense...o no te lo dijo? Jua juajuajua

15 Sesese

Canto rizamos o rizo

1 Darlle o poder á xente

Tes razón co doado que seria abrir asembleas de base e que a xente puidese decidir!