COB, máis preto da ACB

O Concello ourensán aprobará nun pleno o vindeiro 3 de xuño unha subvención nominativa de 1,5 millóns de euros para que o club poda presentar o aval de tres millóns e inscribirse na ACB antes do 15 de xuño, cando remata o prazo.

Por gcdeportes | Ourense | 24/05/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

“Viñamos cun problema e ímonos cunha solución”, apuntou Antonio Gavilanes. Se nada se torce, o Club Ourense Baloncesto despexará o seu camiño para estar na vindeira Liga ACB o próximo 3 de xuño. Ese día, o pleno do Concello deberá dar o visto bo a unha subvención nominativa por valor de 1,5 millóns e o club ourensán poderá presentar, ante do día 15 cando remata o prazo, o aval de tres millóns para inscribirse por fin na ACB. 

Antonio Gaviles explica o camiño do COB cara á ACB.
Antonio Gaviles explica o camiño do COB cara á ACB. | Fonte: @COBSAD

A solución chega tralas dúbidas plantexadas polo interventor municipal para avalar sen máis a metade do crédito de Abanca. A solución da que fala Gavilanes pasa por unha modificación orzamentaria que permitirá ao Concello, accionista principal do COB xunto coa Deputación, aportar esa subvención nominativa por arredor de 1,5 millones (falta por cuantificar a cantidade exacta, segundo o alcalde Jesús Vázquez).

“Non sería un aval, senón un depósito de diñeiro en efectivo, co cal incluso melloraríamos a situación. Pero todo está á espera de que sexa aprobado por maioría no pleno municipal”, precisou Gavilanes. O COB ten o compromiso do Goberno local, dez concelleiros do PP en minoría, e leva semanas traballando para que PSdeG e Ourense en Común, ben co voto a favor ou a abstención, non poñan impedimentos á medida. Democracia Ourensana xa anunciou que votará en contra, aínda que ve xustificada esa subvención.

“O grupo do PP acordou o voto favorable para a aprobación desa modificación orzamentaria, polo que agora temos que negociar co resto dos partidos. Ourense quere e merece un equipo na ACB, así que confiamos en que no haberá problemas”, recoñeceu optimista Antonio Gavilanes.

O Club Ourense Baloncesto ten de prazo ata o 15 de xuño para presentar o aval de tres millóns de euros, que pagarán a partes iguais Deputación e Concello, máximos accionistas da entidade. Coa presentación do aval, chegará a inscripción definitiva na Liga Endesa, tralo acordo firmado o pasado verán entre a ACB e COB para aprazar un ano o ascenso á máxima categoría do básquet estatal.

A Deputación de Ourense, presidida por Manuel Baltar, xa aprobou a concesión dese aval cos votos a favor do PP, mentres que o Concello celebrará o vindeiro 3 de xuño un pleno extraordinario para proceder a súa aprobación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta