Medra o risco de pobreza en Galicia

Case un de cada cinco galegos está a piques de caer no que o INE considera pobreza. A media de ingresos dos fogares é a máis pequena dende que hai rexistros.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 24/05/2016 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

 A taxa de risco de pobreza creceu nun ano en Galicia 4 puntos e situouse no 19,4% en 2015, segundo recolle a enquisa de condicións de vida que publica este martes o Instituto Nacional de Estatística (INE), realizada na primavera do pasado ano e que ofrece información sobre os ingresos medios dos fogares durante o ano 2014.

Recollida de produtos para o Banco de Alimentos
Recollida de produtos para o Banco de Alimentos | Fonte: Obra Social de La Caixa

 En concreto, o ingreso medio anual neto por persoa na comunidade galega alcanzou ese ano (2014) os 10.235 euros, o que supón unha diminución do 0,22% en relación co ano anterior e representa unha cantidade un 1,98% inferior á do total estatal (10.419 euros).

 Así, aínda que Galicia se atopa cerca da media nacional en taxa de risco de pobreza --19,4% fronte a 22,1%--, rexistra unha das taxas máis baixas de fogares con moita dificultade para chegar co fin de mes, 7,1%, a mesma cifra que La Rioja e solo por enriba de Aragón --5,8%--.

Dificultades económicas dos fogares

 O listado de dificultades económicas dos fogares desta enquisa de condicións de vida reflexa que un 48,7% dos galegos consultados non pode permitirse ir de vacacións fose de casa polo menos unha semana ao ano.

Un dos bancos de alimentos
Un dos bancos de alimentos | Fonte: iubeda.blogspot.com

 Non teñen capacidade para afrontar gastos imprevistos un 29,6% dos preguntados, mentres que o 7% recoñecen atrasos nos pagamentos relacionados coa vivenda principal e o 7,1% mencionado experimentan "moita dificultade" para chegar co fin de mes.

 A maior parte da poboación galega distribúese nas áreas de rendas intermedias, mentres que o 16,1% teñen rendas altas e o 16,1 por cento están entre as rendas máis baixas.

Datos do Estado

 O 39,4% dos fogares españois non tiña capacidade para afrontar gastos imprevistos en 2015, a porcentaxe máis baixa dende 2011 (37,8%), mentres que o 13,7% dos fogares chegaba a final de mes con "moita dificultade", porcentaxe que descendeu 2,4 puntos respecto a 2014, cando se alcanzou o nivel máis alto da crise (16,9%).

 Ademais, o INE apunta que o número de fogares que non se puido permitir ir de vacacións polo menos unha semana ao ano se situou en 2015 no 40,6%, cifra 4,4 puntos inferior ao de 2014 (45%).

 Segundo o organismo estatístico, o 9,4% dos fogares admite que se atrasa nos pagamentos á hora de aboar gastos relacionados coa vivenda principal nos 12 meses anteriores á enquisa. Esta porcentaxe reduciuse dende o 10,2% de 2014 despois de encadear varios anos á alza.

 Por comunidades, Canarias encabeza a lista onde máis fogares chegaban con moita dificultade co fin de mes en 2015, cun 34,9%, isto é, un de cada tres. Séguenlle Murcia (19,9%) e Comunidad Valenciana (19%), mentres que as rexións coas porcentaxes máis baixas son Aragón (5,8%), e Galicia e La Rioja (ambas as dúas cun 7,1%).

 Canarias tamén lidera o ránking autonómico no caso de fogares que tiveron que renunciar a collerse vacacións polo menos unha semana ao ano, co 57,9%, seguida de Murcia (55,4%) e Andalucía (55%). As porcentaxes máis baixas danse en País Vasco (20,3%), Madrid (24,4%) e Navarra (24,5%).

 En canto á capacidade para afrontar gastos imprevistos, tamén os fogares de Canarias, Andalucía e Murcia son os que presentan maiores dificultades, con porcentaxes do 67,7%, do 55% e do 47,2%, respectivamente. Pola contra, País Vasco e Navarra son as comunidades con mellores resultados, cun 18,5% e un 22,6%, ao que se suma tamén La Rioja (25,5%).

 No caso dos fogares que se atrasan nos pagamentos relacionados coa vivenda, de novo Canarias (18,1%) presenta os valores máis altos, seguida de Baleares (17,5%) e Murcia (13,1%), mentres que Navarra (3,5%), Castilla y León (3,8%) e País Vasco (4,6%) rexistraron as porcentaxes máis baixas.

Os ingresos por fogar están en mínimos da serie histórica

 A enquisa de condicións de vida 2015 revela ademais que os ingresos medios anuais netos por fogar se situaron en 2014 en 26.092 euros, o seu valor máis baixo dende 2008, cando comeza a serie retrospectiva que o INE elaborou para poder comparar cifras.

 Os ingresos medios por fogar rexistrados en 2014 son un 0,2% inferiores aos de 2013, cando se situaron en 26.154 euros anuais. Botando a vista un pouco máis atrás, os ingresos medios anuais dos fogares españois reducíronse un 7,5% en cinco anos, xa que en 2014 ingresaron 2.114 euros menos de media que 2010.

 Estadística realizou estimacións retrospectivas tras introducir na enquisa de 2013 cambios metodolóxicos na produción de datos relativos aos ingresos dos fogares. Dende hai dous anos, o INE ten en conta tanto a información proporcionada pola persoa enquisada como os rexistros administrativos da Axencia Tributaria e a Seguridade Social.

Os que teñen menos formación tenden a ingresar menos

 O INE inclúe nesta enquisa un apartado sobre o nivel de ingresos da poboación a partir da súa división en cinco grupos iguais (quintís). O primeiro quintil correspóndese co 20% de persoas con menores ingresos e o último quintil co 20% dos que teñen maiores ingresos.

 De acordo cos resultados, o 41,8% da poboación con educación superior atopa no último quintil, o de maiores ingresos, e o 41,5% dos parados está no quintil de menores ingresos, fronte ao 7% dos desempregados que se atopa no quintil de maior renda.

 Por nacionalidade, o 16,7% dos españois sitúase no quintil de menores ingresos, porcentaxe que se eleva ao 30% no caso dos estranxeiros comunitarios e ao 51,7% para os non comunitarios. Por tamaño de fogar, o 36,8% dos fogares con cinco membros ou máis atópase no quintil de menor renda, en contraste co 14,1% que aparece no quintil de maiores ingresos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 FUN_EU

O proxecto para o naval (ca inestimable burla de Zapatero a Galiza) , pechar o ciclo do papel (co saboteo de Maleni), o proxecto para diversificar o seitor leiteiro, o plan eólico con contrapartidas de establecemento de empresas novas e preto do 10% de participación nas ganancias para Galiza (saboteado tanto polo PP como polo PSOE), o apoio ao seitor cultural galego...Pero claro, como Quintana estaba no iate do construtor, e había sospeitas de...de qué era?, bueno xa sairá dentro dun século un xuizo sobre isa "culpabilidade". Que malo era o BNG e que ben o está facendo o PP! Veña! agora a votar por Podemos, logo por Ciudadáns (a ver se saímos na filmografía americana retratados).

1 anonimo

E seguira a medrar mentras non teñamos soberania e moeda propia. A UE condeanos a pobreza coas suas politicas neoliberais que so benefician o poder financieiro e as multinacionais. Todos os partidos politicos que defenden esas politicas neoliberais son traidores ao pobo que sufre paro, emigracion e pobreza. E xa non falemos da situacion dos refuxiados que estan a chegar a Europa fuxindo das guerras do imperialismo. NON ao New World Order!. Paz, soberania e economia ao servizo do benestar da maioria social.