Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/05/2025 | Actualizada ás 14:18
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu a comparecencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no Parlamento de Galicia para que explique por que "está a traballar en contra dos intereses de Galicia" para pór "cancelas" á lingua galega. "Xa solicitamos a súa comparecencia no Parlamento para que informe de cales son as razóns que o levan a estar a traballar en contra dos intereses de Galicia, para pór cancelas á nosa lingua, cando o que necesitamos é apoiar ao noso idioma nunha situación de emerxencia lingüística", afirmou en declaracións aos medios despois de visitar as instalacións da empresa Nudesa, en Silleda.
Así, Pontón lamentou que a Xunta estea "ao servizo da estratexia partidista do PP en Madrid". Nesta liña, volveu denunciar que o PP "utiliza Galicia única e exclusivamente na súa 'pim pam pum'" co Goberno central para "seguir nunha estratexia de desgaste", sen importarlle, engadiu, "que Galicia perda". O último exemplo, destacou a líder do BNG, ocorreu esta semana, onde, tal e como expuxo a nacionalista, "o PP manobrou, chamou e presionou para que o galego non se recoñecese de maneira oficial na Unión Europea".
"DESLEALDADE A GALICIA"
"É unha vergoña e unha deslealdade a Galicia que ese tándem Feijóo-Rueda, un expresidente da Xunta e o actual, estivesen a traballar en contra do recoñecemento do galego na Unión Europea", reprochou. Para Pontón isto foi "un exemplo máis" de como Rueda "utiliza a estratexia partidista do PP sen importarlle que iso teña consecuencias negativas" para Galicia.
"Preguntámonos por que lles molesta tanto o galego e por que queren pecharlle as portas, cando é o momento de abrirllas, e por que o PP está disposto a traballar unha vez máis en contra do galego", cuestionou. Por todo iso, Ana Pontón cre que Rueda debe "responder a estas preguntas", polo que o BNG xa solicitou a súa comparecencia na Cámara Galega para que informe de "cales son as razóns que o levan a estar a traballar en contra dos intereses de Galicia" nunha situación, concluíu, "de emerxencia lingüística".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.