Non abonda con votar

O artigo 23 da Constitución española establece os dereitos d@s cidadáns a participar directamente nos asuntos públicos, mais a nivel parlamentar este dereito limítase “daquel xeito” á Iniciativa Lexislativa Popular(ILP).

Por Fermín Paz | As Pontes | 25/05/2016

Comparte esta noticia
A representatividade democrática actual é produto dunha dialéctica que comeza co rexeitamento da asemblea como forma de goberno (iso si: antes de nada, concretouse quen podía gobernar). Mais adiante, a elite lexitimada polo pobo para dirixir precisou da estabilidade e iso funcionaba mentres non se superasen os límites do consentimento outorgado. Así o fixeron as primeiras monarquías electivas xermánicas que logo foron mudando, a través da alianza co altar, dando paso ás monarquías de orixe divina e con sucesión herdeira.
 
Cando a burguesía toma o poder, impón a representación delegada, logo de negar o dereito divino e da bragueta (nestes lares aínda é lei), o que deu paso á elección dos e das gobernantes e representantes. Mais tamén a burguesía precisou trampear os mecanismos electorais, para que só eles puidesen acadar o status representativo-gobernativo, impoñendo o sufraxio mediante censo. Como di a miña amiga Ksiusha, “ben sabemos o seguinte paso: a circunscrición electoral, as listas, etc”.
 
Na seguinte volta da roda da historia, en Europa foi tomando corpo e espazo o mandato imperativo polo cal un representante só podía moverse dentro dos límites do programa votado. Para derrubar este atranco, con pequenas variacións, conformouse un corpus xurídico de autonomía para o representante protexido polo principio de inviolabilidade até chegar ao remate do seu mandato, cunha sanción máxima a nivel electoral pola banda dos e das representadas de non darlle o voto ao partido ou organización polo que se presentou, ou facelo doutro xeito, cando a organización ou partido político non responde ás expectativas ou incumpre as súas promesas ou programa.
 
Desde o goberno e a representación, sempre houbo unha necesidade de que o control colectivo fose o mínimo posíbel e, pola contra, que fosen eles quen exercesen o control do colectivo. A política actual, tanto na súa vertente interna como na externa (democracia interna-democracia representativa), ten mostrado que, canto mais delegación, máis desviación. Non abonda con votar.
 
Desde que votamos en decembro do 2015, non houbo ningún cambio nin proposta na perspectiva do que estou a falar.  Non vos parece sospeitoso?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.