A historia completa de Gómez Aguerre

O pasado dia 22, a Voz de Galicia anunciaba a morte de Pedro Gómez Aguerre, gobernador civil da Coruña entre 1978 e 1982, e deixaba constancia dalgunhas circunstancias biográficas que o devandito xornal consideraba especialmente relevantes.Dende o feito de ser “un colaborador leal do presidente Adolfo Suárez” que “tivo que facer fronte a dous intentos de golpe de Estado” e “nos que se mantivo ao carón da Constitución e da democracia” ate “o seu labor na organización do referendo no que se aprobou o Estatuto de Autonomía de Galicia e a primeira viaxe dun papa á comunidade galega realizada no ano 1982”.Sinalaba, ademais, que “tivo especial protagonismo no proceso autonómico de Galicia e foi un dos impulsores das primeiras transferencias do goberno central ao Executivo autonómico”.

Por Xesús Veiga | Compostela | 27/05/2016

Comparte esta noticia

A pesar do tempo transcorrido, lembro ben a figura daquel gobernador civil da UCD.E non precisamente polo catálogo de luces que enumera o xornal editado en Sabón.Gómez Aguerre foi o brazo executor dunha decisión gobernamental que impediu, a partir de 1980, a entrada das manifestacións do Dia da Patria na zona monumental de Compostela.Semellante prohibición pretendía neutralizar o medre da capacidade mobilizadora que estaba demostrando o movemento nacionalista nunha data tan significada.A forte presenza policial exhibida naqueles anos non foi quen de conseguir o efecto disuasorio que buscaba mais provocou evidentes limitacións ao exercicio da liberdade de expresión e notábeis molestias aos cidadáns que acudían ás festas patronais de Santiago.Curiosamente, a sombra represiva de Gómez Aguerre fixo acto de presenza o 25 de Xullo de 1983 cando Domingo Ferreiro -o primeiro gobernador civil nomeado polo executivo presidido por Felipe González- autorizou unha durísima carga policial contra os manifestantes que ocupaban a Praza de Galiza.A partir de 1984, as autoridades retiraron as prohibicións  e a Quintana recuperou o seu papel simbólico na celebración do Día da Patria.

Pedro Gómez Aguerre foi moi dilixente na utilización das multas gobernativas como ferramenta punitiva para neutralizar a todas as persoas organizadas que pretendiamos ir mais alá dos reducidos limites nos que se movía a transición política que pilotaba a UCD.Seguramente, este gobernador civil non foi especialmente orixinal no cometido da súa función mais calquera descrición histórica que pretenda ser respectuosa dos acontecementos realmente rexistrados non pode obviar a dimensión antidemocrática de moitas decisións emanadas dende aqueles despachos onde se exercía o poder con indisimulada contundencia.

Non pasaron tantos anos.A historia dos persoeiros públicos debe ser contada sen mutilacións.Con luz e taquígrafos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.