Derbi dramático en Cangas

O Teucro necesita unha vitoria no Gatañal e unha derrota do Puente Genil en Santander para chegar á última xornada con aspiracións de manterse na Liga Asobal. E os do Morrazo loitan aínda por repetir a quinta praza do ano pasado.

Por gcdeportes | Pontevedra / Cangas | 25/05/2016 | Actualizada ás 08:43

Comparte esta noticia

Se o Teucro perde hoxe no Gatañal (20.30 horas), consumará o seu descenso da Liga Asobal tan só un ano despois de ascender á máxima categoría. Non só iso, necesita gañar o derbi en Cangas e unha derrota do Puente Genil en Santander para chegar con posibilidades de salvación á derradeira xornada.

Moito en xogo no Gatañal no derbi entre Cangas e Teucro.
Moito en xogo no Gatañal no derbi entre Cangas e Teucro. | Fonte: Facebook SD Teucro

O Teucro, despois de 19 xornadas sen gañar, xa non ten marxe de erro: necesita dúas vitorias (Cangas e Huesca) nas dúas últimas xornadas e dúas derrotas (Santander e Cidade Encantada) do seu rival pola permanencia, que lle ten gañado o gol-average particular. Ademáis, no Gatañal o Teucro buscará a súa primeira vitoria deste curso lonxe de Pontevedra, xa que nesta liga só acadou dous empates en Benidorm e Cidade Encantada.

“Sabemos que as contas non dan, que moita xente xa nos dá por descendidos, que aínda gañando pode que non nos salvemos, pero a nosa cabeza pídenos pelexar ata o final”, destaca o adestrador teucrista, Quique Domínguez, que avisa. “Se ao final toca descender, farémolo pelexando”. O técnico aposta por centrarse no partido do Gatañal, “tratar de facer un bo partido, gañar e agardar ao que faga Puente Genil en Santander. Sabemos que a situación complicousenos dabondo, pero temos que loitar ata o final”.

Aínda conscientes de que unha vitoria levará ao veciño á División de Honra Prata, o Frigoríficos do Morrazo quere gañar para seguir aspirando a repetir a quinta praza do ano pasado e pechar, con vitoria no Gatañal, outra campaña histórica: estrea na Copa Asobal e regreso a unha competición europea dez anos despois.

“Que ninguén agarde un Frigoríficos relaxado ou sen tensión. Aínda temos moitas cousas en xogo e imos pola vitoria. Ser quintos por segunda tempada consecutiva sería algo histórico e que custaría repetir”, afirmou Víctor García Pillo, que ademáis aspira a superar a cifra de puntos acadada a campaña pasada. Ademáis, o derbi servirá para despedir a varios puntais do Cangas: Adrián Rosales, que marcha a xogar a Francia; o capitán Fernando Eijo, que anunciou a súa retirada, e pode que tamén a David García, con varias ofertas, e Alen Muratovic.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta