Costa dos Castros abre o seu segundo crowdfunding arqueolóxico

A Asociación Costa dos Castros – unha unión de catro Comunidades de Montes do Concello de Oia – lanza a súa segunda campaña de micromecenado para poñer en valor o patrimonio arqueolóxico e natural da costa sur de Galicia.

Por Galicia Confidencial | Oia | 25/05/2016 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

A campaña realízase a través da plataforma británica DigVentures, especializada en crowdfunding arqueolóxico. Desde que saíra fai case dúas semanas a campaña a nivel anglosaxón, xa se recadaron 1.246€, un 13% do obxectivo.

Xosé Gago, coordinador de Costa dos Castros
Xosé Gago, coordinador de Costa dos Castros

En 2015, a campaña de Costa dos Castros, o primeiro micromecenado arqueolóxico de Galicia, conseguiu o cento por cento do obxectivo, máis de 10.000€. Nesta segunda campaña, tras o seu lanzamento tamén para o público galego e español, espera conseguir outros 10.000€ co fin de protexer e promocionar o patrimonio da zona.

Esta iniciativa das Comunidades de Montes de Mougás, Pedornes, Viladesuso e Santa María de Oia tamén recibe o apoio do Concello de Oia, hostaleiros locais e empresas como Gadis. Pero a súa aposta é ambiciosa e os seus fondos, limitados, polo que buscan a colaboración de persoas de todo o mundo interesadas na arqueoloxía e comprometidas co desenvolvemento rural.

Investigando o pasado de Costa dos Castros

A recadación do micromecenado destinarase principalmente a axudar á Asociación Costa dos Castros (ACdC) a financiar unha nova intervención arqueolóxica no castro da Cabeciña (Mougás, Oia). Previas intervencións neste castro revelaron un xacemento densamente poboado e con varias fases de ocupación ao longo da Idade do Ferro.

En outubro deste ano, a ACdC proponse financiar a escavación dunha nova cabana que os arqueólogos destaparon parcialmente na intervención de 2015.

“Esta cabana parece complementar varias cabanas que xa escavamos o ano pasado, coma se formasen una mesma unidade familiar. Escavala axudaranos a comprender mellor o castro e como vivían os seus habitantes” explica Carlos Otero, director arqueolóxico.

Durante a escavación, vaise implantar unha escola de campo na que os participantes poden aprender dunha forma práctica técnicas de arqueoloxía: como escavar, como identificar e manipular os obxectos que se atopen, a creación de modelos 3D, o rexistro arqueolóxico...

A supervisión do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC) e a experiencia de DigVentures (a única escola de campo acreditada polo Chartered Institute for Archaeologists) garante un curso de máxima calidade e profesionalidade. 

Para coñecer máis sobre Costa dos Castros e participar na campaña de micromecenado podes consultar a web de DigVentures: http://digventures.com/costa-dos-castros/gl/

Ligazón directa á campaña de crowdfunding: http://www.digventures.com/projects/costa-dos-castros-2016/

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta