Tres normas de certificación da calidade en galego

USC e Xunta colaboran para que algúns dos certificados de AENOR estean dispoñíbeis, máis baratos, na lingua propia.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/05/2016 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

Aenor ten xa dispoñibles en galego tres das normas máis utilizadas para a certificación da calidade empresarial (UNE-ISO), un traballo realizado polo servizo de normalización lingüística da Universidade de Santiago de Compostela (USC) co obxectivo de "consolidar" o uso da nosa lingua no ámbito socioeconómico.

De esquerda a dereita, Valentín García, Carme Silva, Martín Pita e Xosé Pereira
De esquerda a dereita, Valentín García, Carme Silva, Martín Pita e Xosé Pereira | Fonte: SERVIMAV USC

 Deste acordo entre a entidade privada coa institución académica, no que tamén participou a Xunta, deron conta este mércores en rolda de prensa. Ademais, o delegado de Aenor en Galicia, Martín Pita, aseverou que o traballo iniciado "non quedará aí", senón que se afondará neste labor.

 "A nosa idea é seguir traballando conxuntamente coa USC e a Xunta", mantivo, partidario de seguir traducindo as normas de máis relevancia para avanzar na "normalización lingüística" no ámbito empresarial. Ademais, co obxectivo de fomentar a utilización destes documentos en galego, formulou "medidas de discriminación positiva" en forma de "vantaxes" ou "descontos" para quen acceda a eles.

 Xunto a el, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, fixo fincapé na importancia de dinamizar o uso do galego no campo socioeconómico, "dende o pequeno comercio ás grandes áreas comerciais" pasando pola "construción naval".

 E, tras admitir que o mundo dos negocios "sempre estivo asociado ao castelán" en Galicia, incidiu en que "o galego ten que posicionarse" para "consolidarse" como lingua de uso "normal" entre o tecido económico. Neste sentido, recordou que a Xunta ten en marcha plans enfocados a esa "proxección".

 Dito isto, puxo en valor que "algunha outra comunidade con lingua cooficial" dirixiu unha consulta ao seu departamento para saber como se impulsara a tradución de normas UNE-ISO ao galego. "Pola confluencia de vontades e sensibilidades", resumiu, antes de agradecer o labor de Aenor para lograr este "feliz acordo" iniciado a mediados da última década pero que se detivo en 2008.

 Finalmente, a vicerrectora de Servizos del Campus de Lugo da USC, Carme Silva, resaltou tamén "a sensibilidade lingüística" da entidade privada e valorou que optara pola institución compostelana para levar a cabo a tradución.

 En virtude desta colaboración, reiniciada en 2015, o catálogo de Aenor ofrece tres normas en lingua galega; dúas delas relativas á xestión da calidade e a terceira, en materia ambiental.

 En concreto, son o 9001:2015 'Sistemas de xestión da calidade. Requisitos', a 9004:2009 'Xestión para o éxito sostido dunha organización. Enfoque de xestión da calidade' e a 14001:2015 'Sistemas de xestión ambiental. Requisitos con orientación para o seu uso'.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

4 anonimo

Os que falan de "liberdade" e "bilinguismo" non garanten que teñamos a mesma presenza de medios en lingua galega que existen en castelan ou cando menos poder ver os canles portugueses na Galiza. Tampouco existe ningun "bilingüismo" no ensino infantil xa que a maioria das escolas infantis empregan maioritariamente o castelán. A presenza da lingua galega na xustiza é practicamente residual e xa non falemos nas empresas, no cinema ou nas forzas de seguiridade. Parece que queren relegar a lingua galega aos libros e celebracions coma o dia das letras galegas, ou quizais como moito o ambito da familia e no rural. Nada que ver con Euskadi e Catalunya que fomentan con orgullo a sua lingua propia en todolos ambitos. ¿Imaxinadesvos que faría Catalunya de contar con unha lingua como o galego que conectase con toda a lusofonia?.

3 Bufffff

E tralo parto dos montes, naceu un ridículo rato. O problema do galego segue a ser que apenas ten cultura escrita e carece de ciencia ou técnica, e claro, non vale para nada, como saben até os que din q os empresarios son gelipollas, q non nos falan do mundo da lusofonía e as favelas como se, en caso de considerar galego e portuxés unha mesma lingua esta tivese unidade, cando é heteróclita e multiforme, pequenísima dificultade que bota polo chan os sofismas dos sinvergonzas que van de apóstoles do galego, cando en realidade defenden intereses políticos e p€r$oai$.

1 teutonio

En esloveno, maltés ou estonio non creo que haxa moita ciencia ou técnica, porén polo carallo arriba os cidadáns ou empresarios abandonan esas lignuas pra falar serbocroata ou alemán, italiano ou inglés ou ruso. Se tes dificultades pra te comunicares cos tugas, será problema teu. É ben triste ter que falar sobre as incapacidades dun pra atacar un postulado. Le máis e mira a RTP ou a SIC.

2 Ana

Ademais do goberno galego, o empresariado galego pode facer mas a prol da lingua galega. Non entendo como non se dan conta de que a identidade é un atractivo turistico mais por ser algo diferenciador, ademais de ser unha porta aberta cultural e economicamente o mundo da lusofonia. Gustariame ver maior presenza do galego na atencion o publico, etiquetado e publicidadade nas empresas. Catalunya e Euskadi son dous exemplos de como a lingua propia non é un impedimento para atraer turismo e contar con un pais industrializado.

1 Bobus

Veña nostrus, ven dicir algunha estupidez!!