Galicia queda sen derbi na elite

O Teucro empata 26-26 no derbi co Frigoríficos do Morrazo en Cangas e descende á División de Honra Prata un ano despois do seu regreso á Asobal tras sumar 20 xornadas sen gañar. Os de Víctor García Pillo recuperan a quinta praza.

Por gcdeportes | Pontevedra | 26/05/2016 | Actualizada ás 08:03

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Frigoríficos do Morrazo 26:
Yeray Lamariano, Simes (4), Muratovic (5), David García (5), Cerqueira (5), Adrián Rosales (1) e Suso Soliño (3) -equipo titular- Salazar (ps), Fernando Eijo, Krook, Pousada, Paulo Dacosta (2) e Rubén Soliño (1p).
SD Teucro 26: Amérigo, Erik Balenciaga (3), Rial (8), Gehrhardt, Víctor Rodríguez, Dani Hernández (1p) e Carlos García (7) -equipo titular- Delgado (ps), Moledo (5), Chapela Samu Gómez, Iván Fernández, Pichel (1), Pedreira, Carró (1) y Piriz.
Marcador cada cinco minutos: 2-3, 6-6, 9-8, 10-9, 12-11, 15-13 (descanso); 17-16, 17-18, 20-19, 22-21, 23-23 e 26-26.
Árbitros: Merino Mori e Moyano Prieto (casteláns). Excluíron a Cerqueira, Adrián Rosales, Paulo Dacosta e Fernando Eijo no Frigoríficos do Morrazo e a Chapela, Pichel e Balenciaga no Teucro.
Incidencias: partido da 29ª xornada da liga Asobal disputado no pavillón do Gatañal ante uns 1.500 espectadores.

Balenciaga, con bágoas tralo descenso do Teucro no Gatañal.
Balenciaga, con bágoas tralo descenso do Teucro no Gatañal. | Fonte: Diego Torrado (pontevedraviva.com)

Non haberá derbi galego a vindeira tempada na Liga Asobal. O Teucro loitou ata o último alento, pero non puido ser. Empatou 26-26 no derbi contra Cangas no Gatañal, e sumou unha xornada máis, xa son vinte, sen gañar. Ademáis, o seu rival pola permanencia, o Ángel Ximénez Puente Genil, empatou 31-31 en Santander, polo que facía inútil unha vitoria dos pontevedreses. O Teucro descende á División de Honra Prata un ano despois do seu regreso á Asobal.

O equipo de Quique Domínguez deixou todo na pista do Gatañal, e mantívose sempre no partido buscando unha vitoria que lle dese esperanzas cara a última xornada. O Teucro amosou as súas aspiracións cun parcial de 2-5 no arrinque, pero apertando en defensa, coas paradas de Lamariano e con rapidez en ataque, os de Pillo puxéronse por diante (8-7). Foron momentos complicados para o Teucro, pero Amérigo na portaría e José Manuel Rial cos seus goles (5 na primeira parte) mantiveron aos pontevedreses no partido. Dous goles arriba o Cangas no tempo de lecer: 15-13.

O descanso sentou ben ao Teucro, que deixou atrás certo nerviosismo e volveu poñerse por diante (17-18). O derbi entrou nunha fase de igualdade, con intensidade defensiva por ambas as dúas partes, que fixo que as alternativas fosen constantes sen que ningún equipo conseguise máis dun gol de vantaxe. Así se chegou a un último minuto tolo: 25-25 con 42 segundos por xogar. Cangas errou o ataque tras tempo morto e Carlos García puxo o 25-26 de penalti a falla de 18 segundos. Nunha rápida transición, Muratovic conseguía o empate para desesperación dos de Quique Domínguez. Tentaron os xogadores teucristas sacar con rapidez e chegaron a marcar, pero a xogada estaba invalidada polo tempo morto que Quique Domínguez tiña pedido. Faltaban catro segundos, pero ata o banco do Teucro chegou a mala nova do empate final de Puente Genil, que puido recuperar unha desvantaxe de catro goles nos últimos minutos. O marcador no se moveu no Gatañal e marcou un 26-26 final. Teucro volve á División de Honra B tras unha pésima xeira na segunda volta, na que non acadou ningunha vitoria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta