Temas: ABORTO ANOVA

Anova di sobre os abortos que hai pacientes que deben expulsar o feto "en solitario nun baño"

Lembra que a Xunta anunciou unha investigación interna ante o acontecido, pero lamenta que "se"negou a cambiar o protocolo.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/05/2016 | Actualizada ás 09:49

Comparte esta noticia

Anova denunciou a situación na que se atopan as mulleres que teñen que abortar no terceiro trimestre do embarazo e advertiu de que hai mulleres que se atopan nesta situación que "non teñen garantida a asistencia necesaria, nin a dunha matrona nin a do persoal médico axeitado" en varios hospitais públicos, como o da Coruña e o de Ferrol. "Temos constancia de casos en que as pacientes deben expulsar o feto en solitario nun baño", denuncian.

Protesta a favor do aborto
Protesta a favor do aborto

Segundo indicou nun comunicado, o director do Centro de Orientación Familiar (COF) de Orillamar, Xosé Vidal, e a psicóloga clínica María Jesús Díaz confirmaron que "o que acontecía na Coruña non era algo exclusivo deste hospital". "Máis ben, pola contra, esténdese a todos os centros do Sergas, non cumprindo estes ningún dos protocolos internacionais", engade.

A formación nacionalista faise eco das denuncias da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto que recriminou os "continuos recortes sobre os dereitos das mulleres". A partir do segundo trimestre do embarazo, permítese abortar legalmente só nos casos de grave riscos para a vida da muller ou o feto.

Anova recorda que a Xunta anunciou unha investigación interna ante o acontecido, pero lamenta que "se"negou a cambiar o protocolo e rexeita que os problemas se deban aos recortes ou á obxección de conciencia por parte dos profesionais".

O grupo de Acción Feminista de Anova tamén censura que a "solución" que se dera sexa a de trasladar casos a clínicas de Madrid e critica que se reduciron as axudas a desprazamentos a metade. Así, mostrou o seu "rexeitamento ás medidas de recortes do PP, xustificadas só por cuestións ideolóxicas" e que vinculan con que "despois do fracaso da reforma de Gallardón, pretenden vulnerar de novo o dereito da muller a decidir sobre o seu corpo".

"Instamos o Goberno da Xunta a que implante os protocolos axeitados para dar cobertura e asistencia ás mulleres que decidan exercer o seu dereito de interrupción do embarazo dentro do sistema galego público de sanidade", apunta no comunicado.

Temas: ABORTO ANOVA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta