Rueda defende o operativo de Fandicosta aínda que di que está aberto a modificar protocolos

Socialistas e nacionalistas denuncian a descoordinación dos efectivos de emerxencias e piden que se cambien os protocolos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/05/2016 | Actualizada ás 10:40

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reafirmouse, fronte ás críticas de "descoordinación" de PSdeG e BNG, na súa defensa do operativo de extinción do incendio da empresa Fandicosta, en Moaña (Pontevedra), ao tempo que asegurou que o Executivo segue aberto a estudar o cambio de modelo de xestión dos parques comarcais e sinalou que espera dende hai "catro meses" a documentación por parte das deputacións que o piden.

Unha densa nube de fume negro do lume de Fandicosta afectou á circulación en Rande
Unha densa nube de fume negro do lume de Fandicosta afectou á circulación en Rande | Fonte: XS

Manifestouno en resposta a unha pregunta formulada polo socialista Abel Losada e nunha interpretación da deputada do BNG Tereixa Paz, quen alertou "dunha total e absoluta improvisación" na "mobilización e coordinación dos medios" que se desprazaron para facer fronte ao lume que afectou á planta de Moaña.

Segundo recolle Europa Press, a parlamentaria nacionalista asegurou que esta "descoordinación" podería ser paliada se a Xunta desenvolvese o regulamento do bombeiro, pendente dende a lei aprobada en 2007, mentres que Rueda, nas súas respostas, se centrou nunha das cuestións que reivindica a oposición: o cambio do sistema de modelo de xestión das deputacións.

Ao respecto, reiterou que a Xunta non ten "ningún inconveniente" sempre que non se produza un incremento do custo, sendo "viable", e se busque unha solución legal para o persoal. De feito, asegurou que "máis vontade de negociación que a Xunta, non hai".

"Pero levamos catro meses esperando a que as deputacións que o piden --todas agás a de Ourense, que goberna o popular Manuel Baltar-- acheguen a documentación que dicían que tiñan dende o primeiro día; despois cando hai unha emerxencia din que a culpa é do sistema do que participan", esgrimiu, antes de apelar ao diálogo porque "a coordinación de emerxencias" reside "nas deputacións e os concellos".

Ao tempo, Rueda garantiu que, unha vez que as deputacións "se aclaren" e "se decida" o sistema para a xestión dos parques comarcais, se abordará de "inmediato" o regulamento do bombeiro que está pendente. "Por favor, enténdame en termos políticos, é vostede un auténtico indocumentado e un mentireiro. Hai que ter cara para falar de que as deputacións e os concellos teñen as competencias", contestoulle Paz.

Pola súa banda, Abel Losada (PSdeG) recordou a Rueda a fotografía de Feijóo coa mangueira nos incendios de 2006, para ironizar que el non fará "política" co lume, unha cuestión que posteriormente puxo en dúbida o vicepresidente, que defendeu a actuación do operativo de Fandicosta.

Críticas a Caballero

Tras denunciar Losada que a Axencia Galega de Emerxencias "impediu aos bombeiros de Vigo acudir ata unha hora despois" ao lume, Rueda defendeu a intervención dos profesionais que xogaron a vida" en Fandicosta e reiterou que "nin se lles pediu que desen a volta nin se lles prohibiu actuar".

Se o parlamentario socialista esgrimiu o informe dos bombeiros, o vicepresidente  instouno a coñecer o listado de chamadas do 112 e subliñou que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, xa debe coñecelo, posto que "foi modulando os seus discursos". "As chamadas din o que din", remarcou, antes de volver defender o sistema de xestión dos parques, "do que todos participan", aberto a cambialo se as deputacións -insistiu- remiten a documentación.

"Non sei que facemos esperando; e se o problema é a mobilización de bombeiros de Vigo, seguindo as instrucións de Caballero, o 112 procede a partir de agora a chamar inmediatamente sempre que haxa un incendio na isócrona, e despois que os bombeiros decidan cando saen", ironizou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta