Un traballo escolar sobre 'sostibilidade mariña e redución de plásticos nas bateas', entre os tres mellores de Secundaria de toda España e Portugal

Catro alumnas de 4º da ESO do Colexio Santo Ángel de Ourense veñen de ser proclamadas gañadoras do Campus EduCaixa 2025, un prestixioso programa de emprendemento impulsado pola Fundación “la Caixa”, que cada ano selecciona os proxectos estudantís máis innovadores do país.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 02/06/2025 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Talento e innovación nas aulas galegas, concretamente no Colexio Santo Ángel de Ourense. O proxecto de catro alumnas de 4º da ESO, titulado QUITINA e que procura dar solución a un problema real que afecta ao mar galego, vén de ser seleccionado entre máis de 2.300 propostas presentadas a nivel estatal.

Equipo de 'Quitina'. Foto: Colexio Santo Ángel.
Equipo de 'Quitina'. Foto: Colexio Santo Ángel.

O proxecto en cuestión busca protexer o mar da acumulación de residuos plásticos procedentes das bateas de mexillón. O equipo deseñou dúas solucións complementarias: por unha banda, o uso de biopolímeros biodegradables derivados da quitina (substancia presente en crustáceos e moluscos), e por outra, un sistema de suxeición alternativo aos palillos plásticos, máis respectuoso co medio. 

As alumnas participaron, xunto con outros 99 equipos finalistas, no Campus EduCaixa celebrado en Barcelona do 7 ao 10 de maio. "Alí viviron unha experiencia formativa inesquecible: obradoiros de creatividade, liderado, inclusión educativa e sostibilidade; encontros con referentes do emprendemento social; visitas ao Instituto de Ciencias do Mar – CSIC e ao Centre de la Platja; e a defensa do proxecto ante un xurado experto", comentan dende o Colexio Santo Ángel.

PRESENTACIÓN DO PROXECTO NA ONU E EN NOVA YORK

Dos 100 equipos participantes, só 3 de Secundaria foron seleccionados como gañadores, e o ourensán foi un deles. Como recoñecemento, as alumnas participarán nunha viaxe formativa aos Estados Unidos, onde vivirán experiencias únicas: Visitarán universidades de prestixio como Harvard e o MIT, en Boston e, sobre todo, presentarán o seu proxecto na sede das Nacións Unidas (ONU), en Nova York, ante líderes e representantes internacionais.

"Este logro supón un antes e un despois non só para as alumnas, senón para toda a comunidade educativa. Quitina demostra que a innovación pode nacer nunha aula de Ourense e chegar aos foros máis influentes do mundo, levando consigo conciencia ambiental, ciencia e compromiso social", afirman con satisfacción dende o centro escolar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta