Callón: “Non me estrañaría que Beiras acabase votando de novo BNG”

O candidato do BNG pola Coruña non se morde a lingua. Nesta entrevista, do seu compañeiro Bautista Álvarez di non compartir a súa “concepción puritana”. Aos ex-compañeiros de ANOVA bótalles en cara que só presentaran unha iniciativa sobre o galego na pasada lexislatura. Carlos Callón mesmo se pregunta se algún deputado non debera devolver o soldo. Con el GC comeza unha nova xeira de conversas electorais co gallo do 26X.

Por Manuel Vilas | Ribeira | 27/05/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Carlos  Callón Torres, (Ribeira 1978) foi presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. Licenciado en filoloxías galega e portuguesa, traballa de profesor de lingua e literatura galega no ensino secundario. Publicou varios ensaios sobre a situación do galego en Xerais. 

Carlos Callón, cando era presidente da Mesa pola Normalización e voceiro de Queremos Galego
Carlos Callón, cando era presidente da Mesa pola Normalización e voceiro de Queremos Galego | Fonte: Enric BorrAs Twitter

Vencellado ano nacionalismo dende mozo, foi concelleiro Bloque na súa vila natal durante ano e medio e en 2015 presentouse, e gañou, as primarias da Coruña de Nós Candidatura Galega. Con todo, o Bloque non logrou o 5% dos sufraxios nesa circunscrición e tampouco en ningunha outra, quedando fóra das Cortes. As novas eleccións do 26 de xullo dálle outra oportunidade e Callón móstrase disposto a aproveitala. 

Calquera campaña supón un indudábel desgaste a nivel persoal para un cabeza de cartel, debido ao volume inxente de actos, entrevistas, debates... Vostede non é un político profesional, cando lle ofreceron volver a intentalo liderando a lista da Coruña, non tivo dúbidas ao respecto?

Sempre se teñen dúbidas á hora de asumir calquera reto. As dificultades teñen que ser un aliciente, porque estamos nun momento que non permite estar de espectadores da situación. Estou con enerxía porque, sobre todo, son un activista. Iso non quita que, como todo fillo de veciño, estea moi enfadado porque o sainete destes meses levase de novo a unhas eleccións.

Un dos argumentos que máis está a empregar o BNG de cara a estes comicios é destacar que En Marea non tivo grupo propio e compartiu grupo con Podemos, polo que din Galicia non tivo voz propia no Congreso. En que cambiaría a situación no caso de entrar o Bloque? 

Carlos Callón fálalle a unha cachucha de porco nun pasado vídeo electoral de Nós Candidatura Galega no youtube
Carlos Callón fálalle a unha cachucha de porco nun pasado vídeo electoral de Nós Candidatura Galega no youtube

Galiza precisa dunha voz autónoma, que vele polos seus intereses. Foi unha mágoa constatar que todos os deputados e deputadas saídos das circunscricións galegas estenderon cheques en branco aos seus respectivos líderes estatais, sen que o noso país contase para nada. Para min foi moito peor do esperado. Mesmo hai persoas de Anova que me din que desexan que o BNG teña representación porque, se non, eles tampouco se van poder facer valer para nada dentro da Marea. Sei que a Marea xoga coas esperanzas de moita xente, mais nestes momentos absolutamente todas as decisións importantes se toman en Madrid.

Que mudaría a representación do BNG? Primeiro, que haberá un traballo inxente de defensa dos intereses de Galiza e de posicionamento sobre os problemas do mundo cunha óptica galega. Segundo, que adoptaremos a perspectiva de sumar propiciadores a unha verdadeira mudanza nas institucións do Estado. Está á vista de ollos que cada congresista do BNG vale duplo!

En todo caso, parece difícil que o BNG logre cinco deputados para poder aspirar ao grupo propio, polo que quedaría integrado nun grupo mixto...

Calquera que consulte o web da cámara baixa verá que a capacidade de incidencia de dúas deputadas do BNG no grupo mixto (en participación en comisións, en iniciativas, etc.) foi moi superior á das seis deputadas e deputados da Marea no grupo de Podemos. Convido a reflexionar sobre iso.

Vostede cualificou de "nugalla" a actitude dos deputados galegos (os de PP, PSOE e En Marea) na breve lexislatura que acaba de rematar. Por que?

Non a de todos e todas, senón da súa maioría. Case ninguén chegou a presentar nin unha media dunha iniciativa á semana, e iso que estamos a falar dun obxectivo moi humildiño. Comento isto xa sen entrar en que temas deixaron de abordar ou a focaxe das súas iniciativas, que tamén daría para debatermos (por exemplo, en todos estes meses, entre todos e todas só tramitaron unha única pregunta relacionada coa situación do noso idioma, e se chegaron a presentala era porque afectaba tamén ao catalán e ao vasco, que se non seguramente nin iso...).

A lista da nugalla encabézana os dez representantes do PP, que nin abriron a boca nin fixeron unha mísera pregunta. As seguintes persoas máis preguiceiras foron a número dous de En Marea por Pontevedra e o número un pola Coruña, que só presentaron dúas e unha iniciativa propia, respectivamente.

Eu, a pesar das limitacións humanas que tamén teño, entro dentro da tradición do BNG de ser unha persoa moi traballadora. Daríame vergoña estar nun sitio para saír na foto e cobrar a nómina. Iso non vai comigo.

Ademais, como cidadán o que me pregunto é se esas persoas non deberían devolver o diñeiro que cobraron, pois non cumpriron nin co máis mínimo que xustifique a súa dedicación exclusiva.

Antes fainaba do “sainete” postelectoral ao fío das negociacións, fracasadas, para formar goberno. No próximo Congreso o voto dun deputado, visto as enquisas, pode ser determinante para decidir a cor dese executivo. Estaría o BNG aberto a negociar un apoio ao PSOE a cambio de contraprestacións para Galicia?

Como dixen o día da presentación da candidatura, poremos o noso gran de area para que haxa un Goberno do Estado que teñan o corazón á esquerda e a cabeza en Galiza. Nin PSOE nin Podemos teñen eses obxectivos. Hai unha verdade fonda no que din o un do outro: as súas preocupacións son repartirse cargos; os feitos falan. Porén, se necesitaren do voto do BNG, van ter de negociar e acordar con eses horizontes. Por iso é fundamental que teñan presenza e capacidade de decisión forzas como o BNG, que queren unha verdadeira transformación política e non xogar ás cadeiras.

E a Pablo Iglesias?

Digo o mesmo que antes. Sen dúbidas que negociaremos e contribuiremos no que estiver na nosa man para que haxa unha mudanza, mais ha de ser unha mudanza de verdade, sen dar ningún cheque en branco nin permitir que nos desprecen. O BNG existe para que o noso país se faga valer. Connosco, nunca se daría o "despiste" de que se presente un acordo de goberno que nos esqueza, como si aconteceu nestes meses.

Despois dos comicios do 20D, Bautista Álvarez arremeteu contra varios cabezas de cartel do BNG por, entre outros motivos, enarborar a súa opción sexual. Mesmo criticou o bico que vostede e Jorquera se deron no spot electoral. Afectoulle persoalmente as críticas dunhas das persoas relevantes na historia do nacionalismo? 

Non me afectou persoalmente, claro que non, nin a del nin a da xente do PP ou da Marea e do PSOE que me criticaron pola mesma razón. Cando alguén entra na actividade pública sabe que vai ter opinións tanto favorábeis como desfavorábeis e ten que tentar escoitar e ponderar ambas.

Como as rebatería?

Dixen hai xa tempo que non comparto moitas das visións de Bautista Álvarez, algunhas porque me parecen antipáticas sen necesidade e moitas outras pola súa concepción puritana do mundo. O ideario do BNG é moi claro sobre sexualidade e xénero, algo que puxo de manifesto tamén numerosas veces no Congreso.

Como convencería de apostar polo BNG a unha persoa que é nacionalista pero dubida se confiar de novo na fronte vistos os malos resultados do 20D?

Dígolles que escoiten os razoamentos de Beiras sobre a falta de democracia de En Marea e sobre como se dan as ordes desde Madrid e que despois tiren as súas propias conclusións. O propio Xosé Manuel pode acabar fagocitado por todo isto salvo que  o nacionalismo autónomo tome de novo forza. Non me estrañaría que Beiras acabase votando de novo BNG. Ademais, a forza dupla que teñen as papeletas do BNG fan que o noso sexa o voto que máis lle doe ao Partido Popular, porque é o que desestabiliza de forma máis profunda as súas políticas.

Nas urnas non acadaron os obxectivos fixados, pero a súa campaña foi das que máis deu que falar co vídeo do Hamlet, o bico... Algunha sorpresa para a próxima campaña?

As televisións decisivas, as de ámbito estatal, practicaron unha censura nada democrática con forzas como o BNG. Só logramos coarnos un pouquiño nalgúns destes medios grazas a esa campaña creativa que desenvolvemos, con poucos recursos porén con moito enxeño, moito humor e moito amor.  Sabemos que nesta ocasión a censura aínda vai ser máis forte, polo que tamén o reto da imaxinación é maior[risos].

Bico entre Jorquera e Callón nun vídeo de campaña de Nós Bico entre Jorquera e Callón nun pasado vídeo de campaña de Nós
Bico entre Jorquera e Callón nun vídeo de campaña de Nós Bico entre Jorquera e Callón nun pasado vídeo de campaña de Nós
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 31 comentarios

25 Dores

Non se sabe que lle fixeron as burras a Carlos Callón, con flatulencia ou sen ela. Intúo misoxinia no membro da UPG, paralela á homofobia de Bautista Álvarez

24 callo

Iso, hai que ter ben gañas de oillar cacho para ser tan cínico, comparar estes meses de lexislatura con catro anos... Di un, 1, UN logro conseguido do Bng no parlamento estatal, UN!

23 marxio

Cheques en branco coma os que lle dou o BNG a Zapatero ou lle segue a dar ao PSOE en deputacións e concellos? Vergoña Callón que sabendo como sabes mintas como mentes

22 marxio

Cheques en branco coma os que lle dou o BNG a Zapatero ou lle segue a dar ao PSOE en deputacións e concellos? Vergoña Callón que sabendo como sabes mintas como mentes

21 Sarille

Menos mal que a UPG vai quedar fóra do Parlamento, porque ter a este baballas no Congreso¡¡¡¡¡