Denuncian que un alcalde popular cobrará 45.000 euros ao ano nun posto creado “a dedo”

Bombeiros de Galicia din que o alcalde de Laza será vicexerente no Consorcio Provincial de Bombeiros, tras ser xa xerente dos consorcios de Verín e A Limia.

Por Galicia Confidencial | Verín | 27/05/2016 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A Mesa Intersindical de Bombeiros de Galicia denunciou a creación dunha “figura inédita e innecesaria” ata agora no Consorcio Provincial de Bombeiros. Trátase do posto de vicexerente que foi dado, di, “de xeito dixital”, ao alcalde de Laza, o popular José Manuel Barreal.

Manifestación dos bombeiros contra a privatización
Manifestación dos bombeiros contra a privatización | Fonte: CIG

Nun comunicado, esta entidade di que o candidato non tivo que superar ningún proceso selectivo. “Convén saber, que a persoa que encarna dito cargo, ata agora era xerente dos Consorcios de Verín e a Limia, resultando tamén ser o alcalde popular do Concello de Laza, e que no seu día foi nomeado como persoal eventual de confianza e asesoramento especial e que segundo parece, obtén a condición de persoal indefinido por sentenza (non firme) dun Tribunal do Social”, apunta.

Por iso, denuncia que esta designación “dixital” contravén a xurisprudencia do Tribunal Supremo que esixe que unha praza de tales características sexa cuberta atendendo ós principios de igualdade, capacidade e mérito consagrados no ordenamento xurídico. E lembra que tal extremo era coñecido pola Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Ourense dende o momento en que en xaneiro de 2015 un bombeiro de Verín presentou alegacións ós estatutos do Consorcio.

“É a partir deste momento cando se produce unha denuncia no ámbito laboral por parte do xerente comarcal de Verín e a Limia, alcalde de Laza, que remata cunha sentenza ­non recorrida polo Consorcio­ na que se obriga á readmisión ou indemnización de quen, recordemos, foi nomeado a dedo”, engade a Mesa Intersindical.

Así, suliña que, “contra toda lóxica tanto Xunta de Galicia como Deputación Provincial de Ourense”, acordaron a readmisión do denunciante creando a primeira vicexerencia que se coñece en todos os Consorcios de Bombeiros de España. Trátase dun posto que non ten definida ningunha función nos estatutos pero que si ten definido un salario bruto por enriba dos 45.000€/ano. “A maiores leva aparellado outra serie de gastos en vehículos oficiais, dietas”, apunta.

“Coidamos que non existe argumento técnico nin económico que poida avalar o mantemento dunha praza que se podería amortizar economicamente en menos de dous exercicios (debido ao importe que suporía a indemnización) sendo a decisión de readmisión arbitraria e contraria ós intereses do común”, conclúe. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 que raro¡¡

A gran manipulación neste país é o oscurantismo co que se trata o tema dos recursos humáns nas administracións.... é un verdadeiro cancro co consentimento de todos os implicados.... e o pasotismo, cando non implicación directa, dos que máis deben defender a legalidade no traballo. Asco de pais¡¡¡¡