A 40 minutos do título

O Burela gaña 7-2 o derbi ao Valdetires Ferrol e será de novo campión de Liga se vence o vindeiro sábado en Logroño ao FSF Rioja. A derrota en Vista Alegre provoca o descenso do equipo ferrolán. Ovación de despedida a Peque e Maite.

Por gcdeportes | Burela | 29/05/2016 | Actualizada ás 09:15

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Burela Pescados Rubén 7:
Jozi, Dany, Gaby, Bea Mateos, Maite -cinco inicial- Claudia, Peque, Silvia Rubal, Judith, Andrea (PS) e Eva.
Valdetires Ferrol 2: Nere, Lidia, Albita, Diana, Eri -cinco inicial- Peli, Belén e Andre.
Goles: 1-0: Claudia (minuto 8). 2-0: Maite (minuto 12). 3-0: Gaby (12'). 4-0: Judith (16’). 4-1: Peli (18’). 5-1: Dany (21’). 6-1: Lidia, propia meta (22’). 6-2: Andre (32’); 7-2: Belén, propia meta (33’).
Incidencias: partido da 29ª xornada da Primeira División RFEF disputado no pavillón Vista Alegre de Burelaante arredor de 800 espectadores. Ceci non puido xogar por unha escordadura de nocello sufrida durante o quentamento.

Maite, no seu último partido en Vista Alegre, despídese da que foi a súa afección durante cinco tempadas.
Maite, no seu último partido en Vista Alegre, despídese da que foi a súa afección durante cinco tempadas. | Fonte: Burelafs

O soño laranxa está cada vez máis preto. A tan só corenta minutos, os que disputarán o vindeiro sábado, ás 18.00 horas, na última xornada en Logroño ante un FSF Rioja que xa certificou a súa permanencia este sábado. Se gaña o Burela Pescados Rubén, serán campioas de Liga por segunda vez na súa historia tralo título de 2013. As laranxas viviron unha tarde de celebración: despediron a liga en Vista Alegre cunha vitoria contundente no derbi ante o Valdetires (7-2) e despediron a Peque e Maite no seu último partido como laranxas en casa. A ledicia local contrasta coa decepción visitante, xa que a derrota supón o descenso do Valdetires Ferrol.

As xogadoras de Iván Cao Lucas non pasaron apuros para vencer, e xa no descanso gañaban por 4-1. Claudia fixo o 1-0 no minuto 8. En apenas un minuto, no 12', dous goles máis: Maite fixo o 2-0 e poucos segundos despois Gaby o 3-0. Nada máis saltar á pista, a novísima Judith, no minuto 16, asinou o 4-0. O Valdetires tan só puido acurtar distancias cun gol de Peli a falta de pouco máis dun minuto para o descanso (4-1).

Regresaron as laranxas a tope na segunda parte, con Andrea baixo paus. Aproveitaron a aposta por xogo de cinco con Andre das ferrolás e xa no minuto 21, Dany anotou a porta baleira o 5-1. Pouco despois, no 22, un pase de Dany que tocou en Lidia supuxo o 6-1. Malia o dominio das mariñás, chegou o 6-2 obra de Andre no minuto 32. Segundos despois, o 7-2 laranxa nun lanzamento de Judith dende a banda que meteu Belén na tentativa de despexe. Vista Alegre viviu unha festa na recta final, con ovación incluída para Peque e Maite.

No outro derbi galego da xornada, vitoria pola mínima (2-3) do Cidade das Burgas a domicilio ante o Ourense Envialia, que se complica a clasificación para a Copa: necesita vencer na última xornada ao At. Féminas Navalcarnero.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta