Avispiña do castiñeiro: o insecto que 'hackea' os nosos soutos en silencio

A investigadora Fina Lombardero, referente no estudo da sanidade forestal en Galicia, analiza como un insecto asiático colonizou os nosos castiñeiros en tempo récord, deformando as súas xemas, reducindo a produción de castaña e poñendo en perigo un ecosistema clave. Tamén alerta das consecuencias dun modelo forestal sen fronteiras.

Por Ángela Precedo | LUGO | 07/06/2025 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

Pensamos nos montes como algo estable, case eterno. Árbores que levan aí décadas, xeracións de castiñeiros que cada outono devolven o froito sen faltar á cita. Pero abonda con que chegue un insecto, case invisible a simple vista, para que todo mude. Para que un equilibrio que semellaba firme rache en silencio. Iso aconteceu --e segue acontecendo-- en Galicia coa avispiña do castiñeiro. Unha especie diminuta, traída sen querer dende Asia, que nuns poucos anos colonizou toda a comunidade. A súa maneira de atacar non é agresiva, senón sixilosa: agóchase nas xemas das árbores, transforma o tecido para o seu propio beneficio e convérteo en bugallas que deforman ramas, interrompen a fotosíntese e reducen a produción de froito. O impacto non sempre se percibe dende fóra. Pode semellar que un castiñeiro está san, pero cando se mira dende debaixo vese baleiro, debilitado, con multitude de ramas cas xemas e follas alimentando larvas que non deberían estar aí.

Vespiña do castiñeiro
Vespiña do castiñeiro | Fonte: Commons - Arquivo

E o problema non é só biolóxico: é económico, cultural, ambiental... Porque detrás de cada árbore hai produtores, paisaxes e tradicións que tamén se resinten. Fronte a esta ameaza, a resposta foi diversa: retirada manual de bugallas, importación de inimigos naturais dende Asia, introdución de híbridos resistentes e moita vixilancia. Pero o patrón repítese,: primeiro, detéctase tarde; logo, actúase a contrareloxo. E, ao final, compróbase, unha vez máis, que nun mundo globalizado os problemas viaxan en caixas, en camións e en sementes. Fina Lombardero, doutora en Bioloxía, profesora de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e referente no estudo da sanidade forestal, conta a Galicia Confidencial como chegou a avispiña a Galicia, como logrou espallarse rapidamente polo noso territorio a unha velocidade abraiante, que consecuencias trouxo consigo e que se está facendo --e deixando de facer-- para freala.

E é que en apenas cinco anos a avispiña do castiñeiro ('Dryocosmus kuriphilus') logrou colonizar practicamente toda Galicia. Chegou dende Asia, entrou por Italia e, cando aterrou en Galicia, xa non tivo marcha atrás. "En canto atopa un castiñeiro susceptible e comida dispoñible, non ten límites", advirte a investigadora. Esta diminuta avispa gallícola --insecto que produce ou induce a formación de bugallas nas plantas que coloniza--, que apenas mide uns 3 milímetros, ten a capacidade de hackear o desenvolvemento das xemas do castiñeiro, modificando os tecidos da planta e deformándoos ata convertelos en 'bugallas' que albergan as súas larvas. "Para a árbore actúa coma un virus informático para un ordenador, pero en forma de insecto", di Lombardero. O resultado final é unha árbore debilitada, con brotes atrofiados, menor capacidade fotosintética, e unha produción de castaña que pode reducirse ata nun 30 ou 40 %.

"ADOITAN ESCOLLER AS ÁRBORES MÁIS GRANDES, POÑEN OVOS EN GRUPOS DE 7 OU 8 POR XEMA E RECOLONÍZANAS VARIAS VECES ANTES DE SALTAR A OUTRAS"

A avispiña entrou en Europa xa no ano 2002, a través de material contaminado procedente de Asia con destino a Italia, e chegou a Galicia no 2014, cando se detectou por primeira vez a súa presenza en Lugo --tras as primeiras inspeccións, tamén se atopou na Coruña e en Ourense--, aínda que probablemente levaba un ou dous anos xa no noso territorio sen ser detectada. Pois o certo e que "resulta moi difícil poder vela a simple vista, sobre todo nas súas fases invernais, xa que está agochada nas xemas", explica a investigadora, que resalta que "en moitas ocasións o insecto xa colonizou unha planta cando ninguén o sospeita aínda, o que é especialmente importante en planta de viveiro". E é que, por tratarse dun insecto gallícola, "ten a capacidade de interferir no funcionamento da planta, modificando o desenvolvemento normal dos seus tecidos". A femia adulta pon os seus ovos dentro das xemas da árbore e, cando estes eclosionan ao comezo do outono, as larvas liberan substancias químicas que actúan como elicitadores que alteran o desenvolvemento normal do tecido vexetal do castiñeiro, o que provoca a formación de bugallas que empezan a formarse xa nas xemas, pero non son visibles ata a primavera seguinte. As bugallas protexen e alimentan ás larvas mentres medran e impiden o nacemento de novas follas ou flores ou causan malformacións nas mesmas.

Párasito Torymus Sinensis para loitar contra a avespa do castiñeiro
Párasito Torymus Sinensis para loitar contra a avespa do castiñeiro | Fonte: CONSELLERIA DO MEDIO RURAL - Arquivo

"As avispiñas pasan metidas na bugalla todo o inverno e primavera, protexidas dos axentes externos, ata que no verán se transforman en adultas e saen ao exterior para repetir o ciclo", apunta a profesora da USC. Ademais, a femia non precisa machos para reproducirse, e pode poñer ata 250 ovos, aínda que existe unha gran variabilidade dunha femia a outra, habendo algunhas que non chegan a poñer ningún ovo. "Non sabemos exactamente que inflúe para que teñamos estes casos, pero en parte pode deberse á alimentación, aínda que por regra xeral o promedio é moi alto, arredor dos 100 ovos", explica Lombardero, que tamén resalta que "eses ovos non os poñen todos na mesma xema, senón que os van poñendo en grupiños pequenos de 7 ou 8 en cada xema". E adoitan ser selectivas coa árbore que elixen. "Adoitan escoller as árbores máis grandes e recolonízanas varias veces antes de saltar a outras", indica a investigadora.

"A INTRODUCIÓN DE VARIEDADES RESISTENTES ESTASE FACENDO MAL, AO APOSTAR POR HÍBRIDOS DE FÓRA NO CANTO DOS DESENVOLVIDOS EN GALICIA"

E como é posible que un insecto chegado de Asia sexa quen de sobrevivir na nosa terra? Pois a profesora da USC apunta que "a avispiña do castiñeiro chegou dunhas latitudes que non son moi diferentes ás nosas". Ademais, "é capaz de aguantar temperaturas moi baixas, tanto que ata se atopou presenza deste insecto nos castiñeiros asiáticos a 2.200 metros de altitude en Nepal". "Realmente pode sobrevivir sempre e cando atope un hospedador susceptible, e os hospedadores susceptibles aos seus ataques van ser practicamente todos os castiñeiros", resalta. Deste xeito, aínda que tradicionalmente se asociou esta praga co castiñeiro asiático, cando saíu de Xapón foi quen de infestar tamén outros castiñeiros, grazas a que tiña moitas xemas dispoñibles para poder facelo, ao no haber outros insectos gallícolas que lle fixeran a competencia. "Atopou comida máis ou menos ilimitada e iso favoreceu o seu rápido espallamento por Galicia", sinala a investigadora.

Deste xeito, esta praga afecta á gran maioría dos castiñeiros. Se ben é verdade que na actualidade estase tratando de poñerlle freo mediante varias técnicas, sendo unha delas o uso de xenotipos resistentes. "Isto estase facendo, pero eu creo que se está facendo mal", advirte Lombardero. Como conta, "hai unha serie de castiñeiros híbridos, que son resistentes á avispiña do castiñeiro, porque contan cun mecanismo de resistencia nas xemas --unha reacción hipersensible-- que mata os ovos despois de que a femia os pon e fai que non prosperen". Estes castiñeiros proveñen en gran medida de híbridos resultantes de mesturar castiñeiros do país con castiñeiros asiáticos. Pero, "como os primeiros que empezaron a traballar sobre a avispiña foron os produtores italianos e franceses, foron tamén eles os primeiros en obter eses híbridos, e agora estanse traendo a Galicia eses castiñeiros, aínda sen saber se se adaptarán ben ás condicións da nosa terra", reflexiona. Así, lamenta que a pesar de que en Galicia tamén temos híbridos que coñecemos, "non se están empregando". E, sobre a susceptibilidade das distintas variedades de castiñeiro, apunta que hai tamén moita variabilidade: por exemplo, a 'Xudía' é moito máis resistente á avispiña que o chamado 'De parede'.

"OS PRODUTORES ITALIANOS ESTIMABAN PERDAS DUN 80 % NA PRODUCIÓN DE CASTAÑA, PERO CREO QUE A CIFRA MÁIS REALISTA ESTARÍA ENTRE O 30 E O 40"

Coñecidos os danos que causa a nivel medioambiental, cal é realmente a afectación económica deste insecto? A este respecto, Lombardero amosa as súas dúbidas. "É certo que se están rexistrando e se rexistraron danos, sobre todo en Italia, que o país polo que primeiro entrou a avispiña do castiñeiro en Europa e un dos grandes produtores de castaña do continente", apunta. Sen embargo, aínda que os produtores italianos falaban de perdas dun 80 % da produción de castaña, "eu non me chego a crer esa cifra". "Eu creo que os danos directos sobre a produción de castaña non son tan altos, porque as castañas só se forman nas últimas xemas das ramas do castiñeiro, algunhas das caless poden formarse mesmo despois do voo do insecto", explica, engadindo que "a maioría das xemas que ataca a avispiña non son produtoras".

Agora ben, tamén indica que "o feito de ter moitas pólas danadas que non poden botar folla ou que botan follas deformadas afecta, pois pode reducirse a capacidade fotosintética da árbore e consecuentemente a produción de madeira e froitos". No caso de Galicia, asegura que as estimacións sobre o terreo realizadas polos investigadores variaban moito en función do ano e doutras variables, pero calcula que a perda de produción de castaña na nosa terra podería ter sido de "entre un 30 e un 40 %". Pola contra, a investigadora asegura que os castiñeiros destinados á produción de madeira semellan verse menos afectados polas perdas que poida ocasionar esta praga.

"AGORA VEMOS QUE A PRESENZA DE AVISPIÑA DO CASTIÑEIRO VOLVEU AUMENTAR NALGUNHAS ZONAS DE GALICIA; ISTO VAI POR ONDAS"

Para facerlle fronte á avispiña probouse "absolutamente de todo", como asegura a profesora da USC. Nunha primeira fase, recorreuse ao control cultural, que consistía en eliminar manualmente as bugallas antes de que emerxesen os adultos, para evitar a aparición de novos individuos e, en consecuencia, novas postas. Pero pronto se iniciou tamén un programa de control biolóxico por parte da Xunta de Galicia: importouse un parasitoide de China --o 'Torymus sinensis'-- que deposita os seus ovos nas bugallas, para que as súas larvas se alimenten das da avispiña. "Funcionou moi ben, pero a cousa tardou en estabilizarse", sinala Lombardero, que resalta que "foi ao cabo de catro ou cinco anos, dende o 2022 ou 2023, que xa se comezaron a notar niveis altos de parasitismo e un colapso na poboación de avispiñas". Problema resolto entón? Non de todo.

"Agora vemos que a presenza de avispiña do castiñeiro volveu aumentar nalgunhas zonas de Galicia", sinala a investigadora. E é que, como ela mesma indica, "isto vai por ondas: cando baixa moito a presenza de avispiña, tamén baixan os seus inimigos naturais porque non teñen alimento e iso permite que a avispiña volva rebrotar con forza, o que dá lugar a novos picos de poboación". Deste xeito, resalta que "nas zonas nas que primeiro se detectou a avispiña é onde a poboación colapsou antes --había unha elevada competencia polo alimento e un gran número de individuos que arrasaron con todas as xemas dispoñibles-- e onde agora está a medrar de novo --tras recuperarse o alimento cando cesou a presión que había sobre as xemas-- e a xerar un nivel de afectación alto; mentres que nas zonas onde a avispiña chegou máis tarde, a poboación actual segue sendo baixa, pois tardará máis en recuperarse, ata que volva haber alimento suficiente para manter un elevado número de individuos". É unha especie de campá de Gauss que se vai repetindo ciclicamente.

"TODO O MUNDO FALA DO CAMBIO CLIMÁTICO COMO A GRAN AMEAZA FORESTAL, PERO HOXE O PROBLEMA MÁIS GRAVE A NIVEL SANITARIO É A GLOBALIZACIÓN"

Para Fina Lombardero, o caso da avispiña non é só unha cuestión entomolóxica, é un síntoma. "Todo o mundo fala do cambio climático como a gran ameaza forestal, pero hoxe o problema máis grave para os nosos montes é a globalización: o movemento constante de material vexetal entre países sen controis suficientes", advirte. E dío con toda claridade: as tres grandes ameazas do castiñeiro que temos en Galicia dende o punto de vista sanitario --a tinta, o chancro e a avispiña-- viñeron de fóra. E o mesmo acontece cos principais problemas sanitarios do piñeiro, o eucalipto e outras especies. "A solución non é prohibir, pero si apostar por viveiros locais, material vexetal adaptado e controis máis estritos", indica. "Podemos mercar castiñeiros a viveiros locais, non a Francia; producir aquí, non importar sen saber o que pode vir con eses paquetes", reflexiona, apostando por "comprar especies locais que xa sabemos que están ben adaptadas aos seus inimigos naturais".

Avespiña asiática, na bugalla dun castiñeiro
Avespiña asiática, na bugalla dun castiñeiro | Fonte: USC - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta