Por Galicia Confidencial | Moraña | 29/05/2016 | Actualizada ás 12:00
O PPdeG está convencido de que se non gaña nas vindeiras autonómicas por maioría absoluta --ou non lle dan as contas para un pacto con Ciudadanos--, haberá un goberno de esquerdas con "cos socialistas, as mareas e o que queda de Beiras".
Así o suliñou este sábado o vicesecretario de Comunicación do PP e candidato ao Congreso por Ávila, Pablo Casado, que aproveitou un acto en Galicia para atacar por igual ás mareas e aos socialistas.
"Nada, máis nada, máis nada é igual a nada", dixo Casado parafraseando ao presidente fundador do seu partido, Manuel Fraga Iribarne, para dicir que "o PSOE de Galicia, coas mareas e o que queda de Beiras é igual a nada", en alusión a un posible pacto tras as autonómicas entre estas forzas. "As mareas non pintan nada en Madrid", dixo e engadiu que as primarias do PSdeG --ás que comparou coa serie ''Aquí no hay quien viva''-- terán como resultado "un pacto de perdedores" coa coalición En Marea.
"A experiencia que eu teño no Congreso é que as mareas non están a contar", asegurou Casado, para logo facer fincapé no "erro" cometido polo PSOE ao ver o seu "adversario principal" no PP e non en Podemos, que, na súa opinión, o podería superar.
Tamén censurou que as mareas "se arroguen o rexionalismo e o galleguismo", cando "quen mellor o representa" é, ao seu xuízo, o PPdeG: "En Galicia, quen mellor representa a identidade galega, a lingua galega e a cultura e o patrimonio galego é o PP".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.