Puy enmenda a Tellado sobre os seus calificativos a Leiceaga

"Seguro que veremos unha evolución das mensaxes", di do novo candidato socialista. Tamén o alcalde da Coruña ve en Leiceaga unha persoa "con sensibilidade" para un "entendemento" do PSOE coas mareas aínda que non cre que haxa neste momento "bases de confianza" para incorporar ao PSOE ao seu goberno.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 30/05/2016 | Actualizada ás 14:28

Comparte esta noticia

De "kamikaze" a recibir felicitacións pola súa victoria. Xoaquín Fernández Leiceaga converteuse en villano e heroe en menos dun día. Se este domingo o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, acusábao de ser un "kamikaze" por levar, segundo el, ao PSdeG as súas peores cotas de poder, este luns era o portavoz parlamentario popular, Pedro Puy, quen enmendaba a plana ao seu compañeiro.

Puy Fraga nunha rolda de prensa na Cámara galega
Puy Fraga nunha rolda de prensa na Cámara galega | Fonte: EP

Puy, moito máis comedido, diplomático e dialogante, rexeitou este luns "prexulgar" a postura do PSdeG en relación coas mareas tras a elección de Leiceaga como candidato socialista á Xunta. "Seguro que veremos unha evolución das mensaxes", aseverou.

E, preguntado pola cualificación de Tellado foi contundente: "Calquera persoa que podendo gozar da vida universitaria plácidamente opte pola política pode recibir algúns cualificativos, mesmo este, pero eu non lle daría máis importancia", resolveu.

Así, felicitou a Leiceaga polo respaldo recibido dos militantes socialistas e asegurou que analizar outro tipo de cuestións é "un pouco prematuro". Ao seu xuízo, "o mellor é esperar" e ver cales son "as formulacións" dos socialistas.

"Os socialistas acaban de superar un debate en primarias, con mensaxes que se dirixen fundamentalmente á militancia e que non adoitan coincidir coas preferencias do conxunto da cidadanía", dixo. Por iso, está convencido de que haberá unha "evolución das mensaxes".

Persoa "con sensibilidade"

Pola súa banda, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, considerou "importante" a victoria de Leiceaga porque, dixo, trátase dunha persoa "con sensibilidade" para un "entendemento" coas mareas.

A preguntas dos xornalistas, subliñou que, no seu caso, defendeu que é "bo" que nas filas socialistas haxa xente que entenda que "a alternativa ao PP pasa por un entendemento co espazo político das mareas".

"E dá a impresión de que Leiceaga é unha persoa que ten esa sensibilidade", dixo ao tempo que criticou ao rexedro vigués, Abel Caballero, moi crítico coas mareas. "Parecía, co seu apoio a Méndez Romeu, que controlaba o partido. Pero parece que os militantes e o PSOE van doutra banda", engadiu nunha entrevista na Radio Galega.

Sen embargo, admitiu que foi "un erro non calibrar os problemas de interlocución con outros grupos, particularmente co PSdeG e, sobre a hipótese de que os socialistas entren no goberno, dixo que "neste momento é moi complicado".

En Marea

Sobre o cruce de declaracións dentro de En Marea, dixo que observa "demasiado ruído" e "declaracións cruzadas" que a el "non lle gustan". "Hai que ter compañeirismo e basear a relación política na fraternidade. As coalicións teñen unha parte positiva, pódense chegar a acordos de forma máis rápida, pero tamén teñen parte negativa, a das cotas", esgrimiu, antes de reivindicar que "por iso, Marea Atlántica, non foi unha coalición".

Sobre concorrer á Xunta, descartouse. "Non sería presentable que, tras un ano na Coruña dese salto á Xunta. Estou comprometido coa Alcaldía; é un reto, estou a gusto e non penso noutras cousas", salientou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 O. Bejarano

Ao bocachancla TEJADO ata no PP lle paran os pés