A primeira tese doutoral en España sobre WikiLeaks e activismo hacker ten selo galego

O investigador vigués Alberto Quian traza a liña evolutiva da cultura hacker para explicar o fenómeno WikiLeaks nunha tese defendida na Universidad Carlos III de Madrid que mereceu a máxima distinción académica. Parte da investigación foi desenvolvida en GC.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 01/06/2016 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

A primeira tese doutoral pública en España sobre WikiLeaks e hacktivismo ten acento galego. O investigador vigués Alberto Quian vén de defender na Universidad Carlos III de Madrid o seu traballo 'Impacto mediático y político del activismo hacker en la sociedad red. Estudio de caso: WikiLeaks', no programa de doutoramento en Investigación en Medios de Comunicación. Parte da investigación consistiu en participar como colaborador de WikiLeaks na publicación dos coñecidos como The Global Intelligence Files, cinco millóns e medio de correos electrónicos da axencia de intelixencia global Stratfor, filtrados no ano 2012. Para a súa publicación elixiu GC, medio que en decembro de 2010 activou unha web espello en apoio á organización de filtracións fundada polo hacker australiano Julian Assange, cando estaba sendo bloqueada economica e tecnicamente.

Portada da tese 'Impacto mediático  y político del activismo hacker en la sociedad red. Estudio de caso: WikiLeaks'
Portada da tese 'Impacto mediático y político del activismo hacker en la sociedad red. Estudio de caso: WikiLeaks' | Fonte: Alberto Quian.

O traballo de investigación mereceu o sobresaínte cum laude por unanimidade do tribunal, composto polos catedráticos de Xornalismo Rosario de Mateo (Universitat Autònoma de Barcelona) e Xosé López (Universidade de Santiago de Compostela), e por José Avelino Muñoz Lorente, profesor titular de Dereito Penal (Universidad Carlos III de Madrid). Os membros do tribunal cualificaron a tese de "valente", "arriscada" e "apaixoada", e salientaron as novidades que presenta e os seus resultados e conclusións, así como a metodoloxía múltiple empregada polo autor e a propia defensa pública da tese.

"A palabra hacker non debe ser utilizada como sinónimo de delincuente ou criminal informático", conclúe o investigador.

ORIXES HACKERS E HACKTIVISMO

O traballo, dirixido polo catedrático de Xornalismo Carlos Elías (Universidad Carlos III de Madrid), forma parte do proxecto de investigación ‘Big data, redes sociales y periodismo de datos: aplicación de las herramientas de monitorización al análisis de fuentes y contenidos periodísticos’, financiado polo Ministerio de Economía y Competitividad dentro do Plan Nacional ‘Proyectos de I+D+i, del Programa Estatal de Investigación, Desarrollo e Innovación orientada a los Retos de la Sociedad’. A investigación traza, segundo o propio autor, "a liña evolutiva da cultura e da ética hackers ao longo de seis décadas, dende a aparición dos primeiros hackers, no estadounidense Massachusetts Institute of Technology (MIT) a finais da década de 1950, até o fenómeno transnacional WikiLeaks nos últimos dez anos". A tese busca ademais explicar como e por que xurdiu WikiLeaks, a súa natureza, as súas estratexias informativas, os momentos de maior impacto mediático e sociopolítico, e os seus procesos colaborativos con xornalistas, científicos e activistas.

O hacker australiano Julian Assange, fundador de WikiLeaks.
O hacker australiano Julian Assange, fundador de WikiLeaks.

Alberto Quian fai primeiro unha análise teórica, conceptual, histórica, interpretativa e crítica da ética e da cultura hackers, e do hacktivismo "como manifestación política do hacking", comenta. 

Tras repasar as distintas definicións dadas aos hackers e despois de analizar a súa ética, Quian conclúe que "a palabra hacker non debe ser utilizada como sinónimo de delincuente ou criminal informático" e convida aos medios de información, xornalistas e a propia Real Academia Española a que "lle dean ao termo hacker o seu significado orixinal", que relaciona coa "curiosidade, a paixón, a liberdade do individuo, o antiautoritarismo, a exploración dos límites do posible, a libre información e o ben común", diferenciándoos dos chamados crackers, "cuxa intención si é causar danos e/ou lucrarse coa súa actividade delictiva", aclara o investigador.

Nesta aproximación indetificou "as primeiras fontes documentais propias da cultura hacker, as primeiras referencias a hackers e hacktivistas nos medios de masas, e as primeiras consecuencias sociopolíticas do desenvolvemento dunha intelixencia colectiva hacker favorecida polo progreso da computación, a aparición da Internet e a expansión da sociedade rede", relata na súa tese. Para apoiar a súa investigación nesta parte, tamén entrevistou a Richard Stallman, un dos hackers máis reputados do mundo e fundador do movemento polo software libre.

O autor da tese identifica as primeiras referencias aos hacktivistas nos medios de masas no ano 1998

DOUS ANOS CLAVES

O doutor en Investigación en Medios de Comunicación sinala dous anos claves: 1984, cando que se produce o "gran estoupido hacker", e 1998, ano no que o investigador sitúa o comezo do hacktivismo.

Segundo o propio autor da tese, o obxectivo era "compoñer un puzzle con pezas dispersas" atopadas na súa investigación. Así, conclúe que 1984 —ano que dá nome á celebre novela de George Orwel sobre o estado de vixilancia, o Gran Irmán— é un momento "clave para a cultura hacker", que identifica como "precursora das comunidades virtuais".

"En 1984 producíronse unha serie de acontecementos claves na historia da cultura hacker, da computación e do activismo, estreitamente relacionados entre si baixo o dominio simbólico da novela de George Orwell: o lanzamento ao mercado do primeiro Macintosh de Apple [empresa xurdida da cultura hacker, segundo demostra na tese]; a publicación do libro Hackers: Heroes of the Computer Revolution, de Steven Levy ["obra fundacional da cultura hacker", engade Quian]; as aparicións das revistas hackers 2600: The Hacker Quarterly, en Estados Unidos, e Datenschleuder, en Alemaña; a saída do último hacker do MIT, Richard Stallman, para iniciar o proxecto GNU e fundar a Free Software Foundation; a celebración da primeira Hacker's Conference estadounidense, en San Francisco, e a do primeiro Chaos Communication Congress, organizado en Hamburgo (Alemaña) polo grupo hacker Chaos Computer Club; a publicación do libro de ciencia ficción e obra fundacional do cyberpunk e do ciberespacio Neuromancer, de William Gibson ["na que se inspira o movemento cypherpunk —criptopunk— no que se forma politicamente Assange", explica o autor]; a firma do Acordo Valletri por varias organizacións internacionais non gobernamentais, para iniciar novos métodos de colaboración en rede mediada por computadoras; a creación do xa mítico grupo hacker Legion of Doom, con membros repartidos por todos os Estados Unidos, e a aparición da que é recoñecida como primeira organización hacktivista no mundo, Cult of the Dead Cow, creada en Lubbock (Texas)", e ao que o autor da tese atribúe a orixe do termo hacktivismo, en 1994.

O outro ano clave na cultura hacker é 1998, cando "por primeira vez as palabras hacktvismo e hacktivista aparecen nos medios de comunicación de masas, a raíz das primeiras accións hackers na Rede en defensa dos dereitos humanos e da liberdade de expresión", e tras "as primeiras teorizacións sobre activismo hacker, en resposta ás teorías sobre as guerras da información desenvolvidas nesa época en Rand Corporation, organización que instrúe a militares de Estados Unidos en materia de intelixencia", argúe o investigador galego tras defender o seu traballo.

A continuación, o autor pasa a describir e analizar o ambiente informacional no que se desenvolve a sociedade rede e as condicións que contribúen á aparición de WikiLeaks, con especial interese nos novos modelos dos medios xornalísticos, o que chama os "hipermercados da información", os novos mecanismos de interacción nas redes sociais, a privacidade do individuo como garantía para a súa liberdade en Internet, e o estado de vixilancia e control globais que permiten as novas tecnoloxías da comunicación e da información.

O investigador sumou o galego ás grandes filtracións de WikiLeaks, "cuxo relato era dominado por linguas internacionais", sinala.

AS CLAVES DE WIKILEAKS

Por último, Quian aborda o seu caso de estudo, WikiLeaks, que explica como un "novo modelo de organización-rede transnacional e hacktivista" que supón "un novo elo no proceso evolutivo hacker". No seu traballo de investigación profunda nas raíces políticas de Julian Assange, debulla a orixe de WikiLeaks, analiza o storytelling aplicado no debate público sobre WikiLeaks e Assange, e revisa experiencias transmediáticas arredor deste fenómeno que, segundo o autor, "contribúen á propagación do universo WikiLeaks". 

Tamén detalla a súa estratexia informativa e a súa relación cos medios de masas tradicionais, diferenciando tres etapas: "2006-2009, primeiros anos de WikiLeaks, nos que traballa con autonomía editorial e nos que acadou un impacto discreto; 2010, cando decide colaborar con medios globais e logra a súa máxima popularidade, especialmente tras o acordo de exclusividade cos cinco xornais que se asociaron no Cablegate; e 2011-2012, cando racha estas relacións, mantén unha disputa con estes medios ex-colaboradores e inicia acordos de cooperación máis abertos e amplos con xornalistas, científicos e activistas de todo o mundo, pero sen acadar o impacto logrado co Cablegate", explica.

Estas conclusións baséanse nos datos recollidos, comparados e analizados sobre a actividade de WikiLeaks en Twitter e Facebook, os rexistros de buscas sobre WikiLeaks en Google, a evolución do tráfico estimado no seu sitio web e a actividade xerada na súa páxina de Wikipedia, así como no seu impacto nas portadas dos cinco medios que colaboraron no Cablegate, co obxectivo de determinar cando, como e por que WikILeaks acadou o seu maior impacto. Segundo Quian, "os medios de masas tradicionais e globais seguen sendo claves para lograr o máximo impacto dunha mensaxe, como así o demostra o caso WikiLeaks, no que observamos que nunca antes nin despois tivo a mesma popularidade que durante o Cablegate".

A tese conclúe que a popularidade de fenómenos globais como WikiLeaks depende dos medios de masas tradicionais e dos procesos xornalísticos clásicos

Para explicar os procesos colaborativos de WikiLeaks, o novo doutor utilizou a metodoloxía de observación participante, introducíndose mediante unha invitación confidencial de WikiLeaks na rede de colaboradores desta organización, nas filtracións masivas dos correos electrónicos da axencia de intelixencia global Stratfor. Os resultados desa investigación, na que se usou tecnoloxía de encriptación para garantir a seguridade, foron publicados en GC en once artigos de investigación nos que se aborda o interese que xenera Resistencia Galega en axencias de intelixencia estranxeiras, en dúas achegas; os vínculos do fretador do Prestige coa mafia rusa; tres achegas sobre a corrupción en Pemex, a paraestatal mexicana que se fixo con estaleiros galegos; outras dúas achegas sobre os intereses de España e da Unión Europea na guerra en Libia; as negociacións previas do PP cos mercados para aplicar recortes cando acadase o Goberno de España; os plans en España para que o Banco Santander dominase o mercado financeiro, e as advertencias previas de España sobre o enorme poder que acadaría finalmente Alemaña na Unión Europea.

O investigador infire da súa observación participante que "fenómenos globais como o de WikiLeaks teñen interese en comunidades locais ou rexionais e para os seus medios de comunicación, á vez que se demostra a importancia que realidades locais ou rexionais e linguas non dominantes como o galego poden ter en procesos globais como as filtracións masivas de información de WikiLeaks", sumando un idioma rexional ao "relato dominado por linguas internacionais poderosas como o inglés, o francés, o alemán e o español", comenta.

Cos datos obtidos e analizados do impacto mediático de WikiLeaks e o seu eco sociopolítico, tamén conclúe que "os procesos xornalísticos clásicos seguen sendo claves" en fenómenos coma este para que "os cidadáns dispoñan de información contrastada, dixerible e útil, que sexa comprensible e de fácil acceso". Tamén conclúe que "a exclusividade sobre grandes volumes de información e de datos é insuficiente e contraproducente para a pluralidade informativa, a transparencia e a libre circulación de información", como sostén a partir dos datos obtidos na análise do impacto das filtracións de WikiLeaks e da súa participación nestes procesos. "O propio caso dos Papeis de Panamá, de actualidade, e no que un grupo de medios gozaba de exclusividade, demostra que os grandes volumes de información e datos teñen que ser liberados, como así se fixo finalmente neste caso, ao facerse pública a base de datos desta filtración para poder ampliar a investigación", exemplifica Quian tras defender a súa tese.

Por último, o investigador someteu ao escrutinio da lingüística computacional os discursos enfrontados de WikiLeaks e dos seus socios no cénit da súa crise, tras as filtracións dos cables diplomáticos de Estados Unidos. Para isto, utilizou Linguakit, ferramenta desenvolvida por Cilenis, unha spin-off da Universidade de Santiago de Compostela.

"WikiLeaks modifica radicalmente os procesos de produción, xestión e difusión da información", nos que o xornalista "goza de plena liberdade", asegura o investigador.

XORNALISTAS HACKERS

Entre as súas conclusións, Quian subliña que "WikiLeaks propón no campo dos medios de comunicación un novo modelo de organización en rede e transnacional que modifica radicalmente os procesos de produción, xestión e difusión da información, artellando unha rede de fontes protexidas pola alta tecnoloxía e enlaces seguros coas comunidades xornalística, científica e activista para que os datos e a información flúan libremente e se transformen en coñecemento e acción". Segundo o investigador vigués, neste sistema "o xornalista goza de plena liberdade e autonomía" para traballar.

Ademais, neste proceso colaborativo con WikiLeaks "subxacen valores da ética hacker" que, "no caso do xornalismo, lévannos a unha nova ética xornalística hacker", nun "modelo híbrido" no que "a información en bruto e a información editada se publican de maneira sincronizada e enlazada" entre as partes, isto é, WikiLeaks dunha banda, e o medio xornalístico pola outra.

Tras a súa análise dos resultados e as conclusións, Alberto Quian propón un modelo de xornalismo que "faga seus os valores da ética hacker", para que "emerxa a figura do xornalista hacker" para a "defensa da liberdade de expresión e de información".

Os hacktivistas Anonymous, en apoio a Julian Assange e WikiLeaks.
Os hacktivistas Anonymous, en apoio a Julian Assange e WikiLeaks.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta