“Os galegofalantes aínda carecemos dos mesmos dereitos que os castelanfalantes”

Emilio Xosé Ínsua non esquiva preguntas. Cuestionado sobre o papel da política no galego, cuestiona o uso “partidista” tanto do PP por asumir o delirante discurso de Galicia Bilingüe como “certo segmento do nacionalismo” e as súas “correas de transmisión”. Autor dunha nova monografía sobre as Irmandades da Fala, asegura que aínda perviven os prexuízos que motivaron o seu nacemento e pide a “tirios” e “troianos” que reflexionen sobre a experiencia da xeración que introduciu o galego na escola. O impacto do 'decretazo', as escolas Semente e a visión da lingua entre os seus alumnos son outros temas desta entrevista.

Por Manuel Vilas | Vilanova de Arousa | 01/06/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Emílio Xosé Ínsua López (Viveiro, 1967) é un dos estudosos da Literatura Galega moderna máis prolíficos. Escritor, poeta e profesor de galego no ensino público, ao longo da súa traxectoria, participou en numerosas organizacións (cofundou a Mesa pola Normalización e colaborou en ADEGA, Letras da Cal, STEG, etc.).  

Emílio Xosé Ínsua
Emílio Xosé Ínsua | Fonte: Wikimedia AELG

Baia Edicións acaba de sacar do prelo o seu quinto ensaio publicado A nosa terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931); un completísimo volume que, co gallo do seu centenario, desmiúza o percorrido ideolóxico e político das persoas que foron protagonistas do nacemento da defensa organizada do idioma e do galeguismo político. 

As Irmandades da Fala é un tema clásico na historia do estudo do nacionalismo galego. Que aporta de novo a súa monografía?

Intenta achegar un relato completo, mesmo diría exhaustivo, da traxectoria das Irmandades, non centrado unicamente no plano político (máis que ben estudado xa por Beramendi, Núñez Seixas, Vázquez Souza, Antón Capelán, Xavier Castro, etc.), senón abranguendo tamén a reivindicación idiomática, o labor doutrinario e o inmenso traballo cultural e xornalístico que despregaron.

En certos capítulos corríxense algunhas interpretacións mistificadoras preexistentes e noutros achéganse dados descoñecidos ata o de agora, que permiten interpretar ou entender máis cabalmente a dinámica interna das Irmandades nalgúns instantes digamos “chave”. En todo caso, trátase dunha obra con evidente vocación enciclopédica, unha monografía que bebe de moitas fontes e tenta explicar a fondo a historia desta entidade tan decisiva na historia do país.

Portada de A nosa terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala
Portada de A nosa terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala | Fonte: Baía Edicións

Unha das iniciativas chave das Irmandades foi a creación das "Escolas do Insiño en Galego" para rematar coa marxinación do idioma no sistema educativo. Hoxe son consideradas un exemplo inspirador por varios colectivos organizados ao redor das escolas Semente. Son comparábeis as situacións daquela e a de hoxe, onde o galego é parte do currículo oficial?

As “Escolas do Ensiño” foron unha iniciativa tan ben orientada como, no entanto, limitada no seu decorrer: só existiron na Coruña, só daban traballo a dous docentes (Casal e Acuña) e, por último, só albergaron uns escasos douscentos rapaces ao longo de varios anos. Eran, nese sentido, unha pinga de auga no mar educativo desa época. Serven hoxe, sobre todo, como referente simbólico, como proba evidente de que era posíbel, daquela coma hoxe, outro modelo de ensino máis sensíbel á lingua e ao país que o que existía oficialmente.

Paréceme ben toda iniciativa privada no ámbito escolar que dea relevancia ao uso e aprendizaxe da lingua de noso, mais tamén entendo que o ideal a que debemos aspirar como colectividade é que o sistema público de ensino outorgue ao galego o lugar que lle corresponda como lingua propia do país, en todos os colexios e para todo o alumnado. A nivel particular, como docente e como afiliado do STEG, esa é a miña loita.

Visto con perspectiva histórica, acertaron as Irmandades a disolverse no seo do Partido Galeguista?

Non creo que interese tanto un xuízo de valor sobre se as Irmandades “acertaron” ou non disolvéndose no seo do PG (calquera opinión ao respecto chocaría coa evidencia empírica de que o fixeron, efectivamente), como, pola contra, unha análise pormenorizada, que é a que intentei plasmar nos capítulos correspondentes do libro, sobre como afrontaron as Irmandades, debates incluídos, ese período tan intenso politicamente da “Dictablanda”, a proclamación da 2ª República, as eleccións a Cortes Constituíntes, o debate constitucional republicano, etc. 

Na VI Asemblea, en abril de 1930, as Irmandades non se deron posto de acordo sobre a liña estratéxica a seguir. O grupo coruñés, o máis importante e numeroso con A. Villar Ponte, Ánxel Casal, Alfredo Somoza, Vítor Casas, etc., apostaba por facer que o galeguismo participase da O.R.G.A. para loitar pola república federal, entanto outros sectores, liderados por Castelao, Risco, Otero e Paz Andrade receaban da definición republicana, desconfiaban do liderado de Casares Quiroga e apostaban organicamente por constituír unha miríade de agrupamentos especificamente nacionalistas, que só darían confluído finalmente en decembro de 1931.

Isto que relata garda similitudes co que pasa hoxe ...

O nacionalismo galego vive hoxe debates e diferenzas estratéxicas que xa se deron, mutatis mutandi, nesa conxuntura histórica e tanto “tirios” como “troianos” deberían reflexionar moito sobre esa experiencia. Uns, porque a “autónoma” O.R.G.A. acabou engrosando a Izquierda Republicana de Azaña e o seu líder, Casares Quiroga, facendo obstrucionismo do plebiscito estatutario. Outros, porque en momentos históricos decisivos a súa “pureza” pode derivar en irrelevancia política, cousa ben negativa para o país, e porque a propia confluencia do Partido Galeguista na Fronte Popular, en febreiro de 1936, non puxo en cuestión para nada a firmeza do seu ideario nacionalista nin a súa independencia orgánica.

No seu volume vostede narra o "conflito soterrado" entre a xeración que lanzou as Irmandades e os vellos galeguistas da Real Academia. Por que se produciu? Foi un conflito xeracional ou ideolóxico?

As Irmandades constitúen, de facto, un intento feliz de superación das insuficiencias e das contradicións entre teoría e praxe do rexionalismo finisecular. No caso concreto da Academia, cómpre dicir que desde moi axiña, tras a polémica que rodeou a súa fundación, ficou neutralizada como axente galeguizador. Como forma de “protexerse”, deu entrada no seu seo a moitos individuos de nulo compromiso coa lingua, investiuse do título de “Real” nunha cidade de alma republicana como era A Coruña, publicou o seu Boletín en español, etc. As Irmandades, coa súa aposta polo monolingüismo e coa súa coherencia entre discurso e praxe “retrataron” todas esas insuficiencias da Academia. Numerarios como Casás Fernández, Alejandro Barreiro Noya, Jaime Solá ou Fernando Martínez Morás, etc. significáronse ademais como detractores das Irmandades en non poucas ocasións.

Foi sorprendente para min constatar o absoluto desencontro que se produciu entre Murguía e Antón Villar Ponte cando este esixiu do daquela presidente da Academia un pronunciamento público favorábel á mobilización catalanista de xaneiro de 1916, en demanda da oficialidade. O silencio de Murguía determinará que as Irmandades nazan sen o seu concurso e que nunca colabore nin en actos nin en publicacións súas, a diferenza dos seus máis fieis discípulos, como Lugrís, Carré, Tettamancy, Vaamonde… 

Posteriormente, é ben significativa a escasa presenza de académicos entre os asinantes do Manifesto de Lugo ou a actitude de entusiasmo dalgúns deles (Carré Aldao, Eladio Rodríguez, etc.) cara á ditadura de Primo de Rivera.

Non hai dúbida que a defensa do idioma foi clave para o nacemento do nacionalismo como proxecto político organizado. Ao longo da súa historia, a defensa do idioma sempre foi un dos eixos das súas reivindicacións. Con todo, hai quen sostén que esta defensa a ultranza da lingua puido ter consecuencias sociais contraproducentes para a promoción do idioma, como a nai que quere tanto a un neno que o afoga de tantos abrazos. Cal é a súa opinión sobre isto? 

“Política” é todo o que afecta á “polis” e a lingua, que é un feito social e cumpre entre moitas outras funcións a de identidade, non pode deixar de ser por iso mesmo algo “político”. As propias Irmandades, que comezaron como unha entidade máis ben de tipo cultural, axiña comprenderon a necesidade de afrontar tamén desde a política, no sentido máis nobre da palabra, as súas reivindicacións e demandas.

A defensa da lingua galega ten sentido desde o mesmo momento en que o idioma propio de Galiza foi condenado historicamente a unha marxinación intensa que aínda non está hoxe corrixida de todo, nin moito menos, e tamén desde o punto e hora en que os galegofalantes non gozamos no día a día dos mesmos dereitos e oportunidades de uso lingüístico que os castelánfalantes na nosa propia sociedade. Moitas das causas polas que loitaban as Irmandades hai agora cen anos seguen infelizmente en pé.

Que determinados sectores fixeron e fan un uso “partidista” da lingua é un feito indiscutíbel. Fíxoo Núñez Feixó dando por bo o discurso delirante de certas entidades, capaces de deformaren a realidade ata o punto de colocaren o galego como lingua “imposta” en Galiza, que xa é dicir; pero fíxoo tamén certo segmento do nacionalismo, político e sindical, convertendo en meras correas de transmisión algunhas entidades que naceran coa vocación de xuntar toda caste de persoas amantes da lingua galega para pular pola normalización.

Melloraría a saúde do idioma se un pacto saca a súa promoción do debate político?

Non acredito nun pacto para “sacar” o galego do debate político, senón máis ben nun debate e mais nun pacto político, o máis amplo e xeneroso posíbel, para tirar o galego da situación de devalo en que vive actualmente.

Vostede é profesor no ensino secundario. Os mozos da actualidade perciben o galego como parte da súa identidade que cómpre conservar ou veno unicamente como unha ferramenta de aprendizaxe do sistema escolar?

Non me atrevo a dar unha resposta categórica, porque entre o meu propio alumnado vexo que hai de todo, nese sentido. O que si percibo é que ningún discurso, nin o identitario, nin o pragmático/utilitario, ten capacidade “per se” en exclusiva para orixinar mudanzas. Á mocidade fáltanlle espazos e ferramentas básicas de socialización en galego e tamén padece o efecto de prexuízos novos que foron xurdindo nos nosos días, como a identificación mecanicista entre lingua e determinadas opcións partidarias ou esa certa “hostilidade ambiental” entre os seus iguais que rodea ás mozas e mozos neofalantes. 

O polémico "decreto do plurilingüismo" leva en vigor case un lustro. Coa perspectiva que dan os anos e tendo en conta a súa experiencia, até que punto prexudicou o galego nas aulas?

Ese decreto está a pasar xa aos manuais de sociolingüística e aos libros de texto feitos con rigor como a máis grave agresión perpetrada contra a lingua galega por un gobernante posterior á ditadura de Franco e como o primeiro obstáculo a remover, sen dúbida, para unha nova política lingüística imprescindíbel que volva colocar a normalización de usos como horizonte e que combata os prexuízos que ese decreto non fixo máis que alimentar.

E que anda a ler Emilio Xosé Ínsua esta primavera?

Unha novela da escritora de orixe palestina Randa Jarrar titulada Un mapa do lar, a última de Xavier Queipo (Os Kowa), unha noveliña de Francisco A. Vidal escrita xa hai bastantes anos que me interesa pola ambientación mariñeira e cambadesa (O botín da inmortalidade) e o poemario de Carlos Negro Masculino singular.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 37 comentarios

4 DigoEu

Eu coido que a única solución auténtica que pode evitar a liquidación do noso idioma é ir á raíz do problema e reverter de verdade a tendencia. ¿Como? Pois decretando unha medida de discriminación positiva que é imprescindible: declarar o galego única lingua oficial en Galicia e por lei facer que toda a prensa teña que saír publicada en galego. Isto é perfeitamente factible se hai vontade de facelo, incluso sen independencia de Galicia con respeito a España. E se para iso hai que facer modificacións na mer da de constitución que temos, que se faga, que non sería o único cambio necesario ademáis de facer que se cumpra o a parte boa que xa temos na constitución e non se cumpre (todo o que impediría a actual situación calificada eufemisticamente de "austeridade").

1 nostrus

Pues a lo mejor para evitar la desaparicion del cristianismo es tomar medidas similares a las que tu propones con el gallego, habida cuenta de que el cristianismo afecta a mas gente que el gallego. Que nadie pueda acceder al permiso de conducir si no conoce el Credo y todos los sacramentos y para ser cirujano tener que acreditar haber leido la Biblia. Asi ademas podremos decir que ser cristiano es útil porque sirve para conducir y para operar.

2 Cristiano

Jajajaja. Que bueno, NOSTRUS!!!

3 DigoEu

"Qué bueno", no, Cris, qué bobo.

3 nostrus

Quenes non teñen dereito son os castelanfalantes vidos doutras rexions que se atopan con toda a informacion escrita só en galego, a pesar de que ese cidadans son tan españoles como os galegos. Aos apesebrados do galego non lles importa vivir do conto a costa da merma dos dereitos da xente. As barreiras lingüisticas perxudicannos a todos porque aqui fastidianse os non galegos e noutras rexions perxudicamonos nos.

1 Realidade

ti fulano eres un ignorante de tres pares. Por suposto que hai que GARANTIR que se cumpla a cooficialidade en todos os ámbitos e que todas as persoas vexan garantidas os seus dereitos. E o meu dereito a ter contidos informáticos en galego? Para cando un Internet Explorer ou un Google Chrome en galego? para cando os servizos telemáticos da banca en galego, que nin sequera Abanca os ten plenamente implementados? Ou os supermercados aos que acudimos? E así un largo etc. Así que non terxiverses, que para iso xa están os ignorantes de Galicia Bilingüe (do que eu sería un acérrimo defensor se eles puxasen por un bilingüismo REAL e non pola tontería de "nos imponen el gallego", unha das mentiras máis grandes ouvidas nos últimos anos)

2 nostrus

Realidade, é moi distinto ser bilingüe con estar a favor do bilingüismo. Podes ser bilingüe e non estar a favor do bilingüismo, como lle pasa aos da UPG. Podes ser falante monolingüe e estar a favor do bilingüismo. Ser bilingüe é cuestion de capacidade e competencia para dominar duas linguas, e estar a favor do bilingüismo e cuestion de respeto aos demais para que usen a lingua que lles pete. ¿Comprendes a diferencia?

3 Españolistas dades noxo

Os dereitos da xente coma estar obrigados a saber castelán?

2 Medidas contra a imposición

Pois claro que os gl-falantes estamos discriminadísimos e cómpre reverter a imposición do castelán como en Euskadi, un caso de éxito. Medida importantes. A primeira é presentar o galego como unha lingua útil, poderosa e internacional, confundíndoa cada vez máis co portugués ou brasileiro. Máis galego nos medios escritos, máis portugués na escola e na tele (emitir RTP e radios). O que fai débil o galego é a mestura co castelán, o clixé de lingua rexional e menor, así como o pouco prestixio social. Máis pedagoxía e máis sedución, menos sensación de imposición, que non se note -hai que ser fino e raposeiro, como son eles contra o galego-. Disfrazar o puño de ferro en luva de seda, en positivo, ocultar o discurso pesimista e as cifras negativas que as dean outros Aparentar unha non-inmersión pero facer inmersión de facto na escola (volta ao decreto 2007). Sen publicitar as medidas, todo canto máis en segredo mellor.

1 Medidas contra a imposición 2

Búsqueda de referentes urbanos, e cultos para a xuventude na TVG. Crear unha 3ª canle Xabarín, transgresora e xuvenil, para galeguizar a infancia e sobre todo os adolescentes –cando se conforma a ideoloxía e os valores-. Volta dos ídolos exiliados que marcharon da TVG -Luís Tosar, Gonzo, María Castro e un longo etc-). Cómpre seducir cun empresariado galeguista que demostre que unha Galicia castelanizada será menos competitiva. Sacar o galego da aldea e do nacionalismo, transversalidade. Con poñer algo en valor o noso, a sociedade animarase. As imposicións legais non solucionan nada. Seducir para que os paleofalantes se fagan reivindicativos e militantes faría moito na transmisión xeracional e axudaría a que houbese máis neofalantes. Repito, co actual marco legal e moita raposería, pódense facer marabillas contra a imposición progresiva do castelán no noso país.

1 Onírico

Que chamen á NASA porque aquí descubrimos un marciano que nunca foi a unha oficina da Xunta para ver escrito todo en galego, e que xamais fixo ningunha xestión coa administración para que lle pase o mesmo. Por non falar da toponimia imposta pola barbarie nacionalista.