Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/06/2025 | Actualizada ás 14:09
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, confirmou este xoves a data na que se coñecerá a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) sobre a cuestión pre-xudicial en relación aos parques eólicos presentada polo TSXG. Será o 1 de agosto ás 10.00 horas.
A conselleira lembrou que o proceso partiu do alto tribunal galego que, "a pesar de ter catro sentencias do Tribunal Supremo que dan a razón á Xunta, decidiron ir a Europa".
Destacou ademais que o Goberno central vai en "a mesma sintonía" que a Xunta, como outros países da UE. "O que alegaron é que había unha mala trasposición da directiva europea, que non ten sentido porque xa van 12 anos e nunca houbo ningún problema", sinalou.
Así, a responsable autonómica espera conseguir a seguridade xurídica necesaria para que Galicia siga coa formulación actual: ter neutralidade climática en 2040. "Se non imos pola vía da enerxía limpa e verde, é imposible e inviable", afirmou.
PROTECCIÓN DO LOBO
Tamén a conselleira Vázquez lamentou que, tras a paralización cautelar do réxime do lobo decretada polo TSXG, non se poderá levar a cabo "ningún tipo de xestión" e o gandeiro "quedará desprotexido".
Así se expresou a responsable autonómica en Melide, onde explicou que o equipo xurídico da Xunta está a analizar "en profundiad" o decreto.
Con todo, sinalou que o galego é o único Tribunal Superior de Xustiza que toma esta decisión. "Creo que lles falta contexto. A nivel Europa, decidiuse rebaixar a protección, e hai unha semana tamén no Congreso cos votos dos distintos grupos políticos", explicou.
Apuntou ademais que xa trasladaron toda a información ao Ministerio, "que contestou que a situación do lobo era favorable". "O que non se pode pretender é que Galicia albergue a todos os lobos de toda España", apostilou.
"Estou convencida de que imos recorrer. Galicia non pode ter un comportamento distinto ao que ten Cantabria ou Asturias", afirmou Ángeles Vázquez.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.