Temas: MONFORTE IMAXE

As festas de Monforte xa teñen cartel

A deseñadora Edith Nieves, da Pobra do Brollón, gañadora do concurso de deseño de carteis das Festas Patronais. GC faille unha pequena entrevista.

Por X.M. Fernández | Monforte | 03/06/2016 | Actualizada ás 12:25

Comparte esta noticia

O traballo seleccionado polo xurado foi presentado este xoves no concello de Monforte polo alcalde, José Tomé, e a concelleira de Cultura, Marina Doutón  contando tamén no acto coa presenza dun responsable de Gadis, empresa que patrocina cada ano a edición do cartel, e da propia autora gañadora do certame, Edith Nieves.

Edith Nieves, gañadora do concurso do cartel das festas de Monforte, co alcalde, José Tome, entre outros
Edith Nieves, gañadora do concurso do cartel das festas de Monforte, co alcalde, José Tome, entre outros | Fonte: XMR

Tomé lembrou que este ano recuperábase a celebración do concurso de deseño de carteis das festas, tradición que se perdeu no ano 2006. Dende este ano e ata o 2015 o cartel facíase por encargo municipal a algún autor relacionado con Monforte de Lemos. Retomada a idea de convocar concurso, este ano decidiuse ademais premiar a obra escollida con 1.000 euros.

Presentáronse un total de 32 traballos, 25 de artistas galeg@s e 7 de creadores de fóra de Galicia. Entre estes participantes foráneos destacar á navarresa Susana Ibáñez que quedou segunda ás portas do premio. O cartel gañador e unha selección dos mellores traballos presentados formarán parte dunha exposición que se fará na Casa da Cultura.

A gañadora, Edith Nieves Sánchez, é veciña de Pobra do Brollón, ten raíces en Monforte e reside actualmente na Coruña. Á hora de describir a súa obra dixo que a intención do cartel foi amosar a idiosincrasia das festas de Monforte e intentar reflectir no mesmo todo aquilo que as identifica, dende os lugares máis emblemáticos como o Paseo do Malecón, a Praza España ou a Rúa Cardeal ata aqueles elementos que son moi representativos como o viño, o tren, a gastronomía, os fogos artificiais, a música… En definitiva, Edith concluíu  “espero que o resultado lle guste a toda a xente e os monfortinos se sintan representados. Pero o máis importante é que o cartel anime á xente a disfrutar das festas”.

GC fíxolle unha pequena entrevista á autora.

Cartel das festas de Monforte 2016
Cartel das festas de Monforte 2016

A que te dedicas profesionalmente?

Son profesora de deseño no Liceo La Paz de Coruña e traballo tamén como deseñadora profesional freelance. Entre os meus clientes está Estrella Galicia para quen colaboro con deseños para empregar na xestión comunicativa das redes sociais.

É o primeiro concurso de deseño que gañas?

A verdade é que me presentei xa a varios, fun finalista en bastantes, gañei recentemente un de deseño para a App “Madrid Metro Bus Cercanías” e en canto a cartelería este premio de Monforte será o primeiro que consigo nesta disciplina.

Nos últimos carteis das festas de Monforte as obras partían da pintura e ti rompes agora con esa tendencia. Foi algo intencionado?

Eu sempre que emprendo unha obra fágoo co meu estilo, sen intentar manter tendencia nin intentar asegurar nada… A miña obra é un deseño gráfico e deseño para o público, non para o xurado. Neste caso busquei un aire fresco enfocado á xente nova, intentando transmitir alegría, diversión, colorido…

Intentar representar todos os elementos identificativos das festas de Monforte nun cartel pode resultar “recargado”, non?

Penso que non. Busquei  incluír moitos elementos representativos, xoguei coas cores, os tamaños a simetría e metinos todos dentro da imaxe da coñecida torre de Lemos. É como un xogo tamén, que a xente, ao ver o cartel busque, identifique, recoñeza, comente…

Temas: MONFORTE IMAXE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta