Leiceaga pide unidade no PSdeG para ser a “alternativa” ao PPdeG

O novo candidato socialista foi respaldado polo exministro de Fomento José Blanco, o exalcalde de Santiago e deputado autonómico José Sánchez Bugallo, ou o tenente de alcalde de Ferrol, Beatriz Sestayo, que apoiaran a Méndez Romeu.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/06/2016 | Actualizada ás 23:19

Comparte esta noticia

Xoaquín Fernández Leiceaga presentouse este sábado de xeito oficial como candidato do PSdeG á Presidencia da xunta. Un acto no que pediu unha “imprescindible unidade” ao seu partido para ser a única "alternativa seria e solvente" para lograr o cambio no Goberno da Xunta nas próximas eleccións autonómicas.

Leiceaga rodeado de Pilar Cancela, Patricia Vilán e Gonzalo Caballero, entre outros cargos socialistas
Leiceaga rodeado de Pilar Cancela, Patricia Vilán e Gonzalo Caballero, entre outros cargos socialistas | Fonte: EP

"A alternativa de cambio seria e solvente que os cidadáns necesitan é a do noso partido, sempre que houbo cambio político en Galicia o liderado foi do Partido Socialista", manifestou tras ser proclamado candidato nun acto celebrado este sábado en Santiago de Compostela e no que interviñeron, entre outros, a presidenta da Xestora da formación, Pilar Cancela; ou o que foi precandidato ás primarias socialistas, Gonzalo Caballero.

Por iso, recoñeceu que a "unidade é imprescindible" para "construír esta alternativa nun contexto de extrema competencia". "A sociedade non nos perdoaría a pequenez de miras, as leas estériles e vai premiar a unidade a favor de proxectos políticos de altura", manifestou.

Ao respecto, deixou claro que utilizará a "forza" que os militantes lle outorgaron neste proceso interno, no que venceu ao que era voceiro parlamentario da formación, José Luis Méndez Romeu, para "unir a todos". "Non a vou usar contra ninguén, non a vou usar para romper, senón para unir un pouco máis a este partido", incidiu

"Estas primarias, fronte aos que algúns auguraban, déixannos máis fortes e máis unidos", advertiu antes de dar a benvida ao seu proxecto, "co corazón limpo e os brazos abertos", a todos aqueles socialistas que se queiran sumar aínda que apoiasen outras opcións.

Precisamente, no acto, aínda que non se deixou ver Méndez Romeu, si estiveron presentes dirixentes socialistas que apoiaron ao xa exvoceiro como o exministro de Fomento José Blanco, o exalcalde de Santiago e deputado autonómico José Sánchez Bugallo, ou o tenente de alcalde de Ferrol, Beatriz Sestayo.

Críticas a Feijóo

Na súa intervención, Leicega tamén cargou contra a xestión levada a cabo polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo durante os últimos ochos anos ao asegurar que aínda que "tiña fama de bo xestor" se "revelou unicamente como un contable" como, na súa opinión, demostran as consecuencias dunha crise ás que se sumou "as políticas do PP en Galicia e en España".

"Galicia non necesita un contable, necesita un presidente, un presidente que crea nela, porque a súa obsesión polo axuste deteriorou os servizos públicos, afectou negativamente ao crecemento, precarizó o emprego...", denunciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta