O reto de Ana Pontón

O pasado 28 de febreiro, a deputada autonómica Ana Pontón foi elixida voceira nacional do Bloque Nacionalista Galego e candidata á presidencia da Xunta nas eleccións, inda por convocar, de outubro. Ten fronte a ela o enorme desafío de darlle a volta ao que semella imparable devalo do BNG.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 10/06/2016

Comparte esta noticia

As súas declaracións destilan optimismo e deixan unha certa sensación de déjà vu. Son manifestacións ben parecidas a outras de distintos dirixentes da organización nacionalista previas a convocatorias electorais que terminaron en estrepitosos fracasos. Ana Pontón estaba aí, coñeceu ese contraste brutal entre desexo e realidade, pero non parece ter tomado nota.

Escoitámola hai pouco. Preguntáballe Fernanda Tabarés pola continua fuga de afiliados e, en concreto, por moitos dos que tiveron postos de responsabilidade no BNG e por aqueloutros, bastantes tamén, que accederon a posicións salientables en novos partidos. A resposta da nova voceira non puido ser máis decepcionante: “experimentarían unha evolución ideolóxica, non cabe outra explicación”. Xa que logo, confírmase que a política do Bloque é correcta e que o resto do mundo está equivocado, sobre todo os que marchan.

Ana Pontón é a primeira muller ao fronte do BNG. Tamén é, se non me engano, o primeiro afiliado da UPG que accede ao posto de voceiro nacional. Sucede a Xosé Manuel Beiras, Anxo Quintana, Guillerme Vázquez e Xavier Vence. Semella curiosa esta circunstancia, non si? Sendo como é a UPG a forza hexemónica da organización, chama a atención que nunca tivese ocupado a posición de liderado oficial. Mesmo simula que nesta ocasión, o cambio dáse porque xa non queda ninguén dispoñible fóra desa sorte de cerna encargada de salvagardar os valores eternos do nacionalismo galego.

Os dirixentes marchan, os afiliados diminúen, os votos esbarrancan e así o seu papel vai esvaecendo. A evolución linda co cataclismo pero a culpa é dos demais. O BNG leva décadas ancorado nunha ideoloxía superada, persegue uns obxectivos ilusos e despreza os extraordinarios valores, persoais e colectivos, que durante anos acolleu. A UPG parece obsesionada nunha meta puramente instrumental: o dominio da organización. O partido no cumio da pirámide aspiracional, por riba do país, das súas xentes e das súas institucións.

Responderán: que demo di este tipo que nin sequera pertenceu nunca ao BNG? Que saberá el? E eu contestarei: precisamente é a impresión dos que están fora o que vos debe importar, nós, os demais, os cidadáns libres, votantes ao cabo. E a impresión que temos é a de que unha organización destinada a ser esencial no desenvolvemento de Galicia fica condenada á marxinalidade pola súa pertinaz cegueira. 

Repasemos a realidade histórica en forma de números:

Porcentaxe de votos acadados polo BNG nas cinco últimas eleccións galegas: 24,8% - 22,6% - 18,6% - 16,3% - 10,2%. Perda do 63% dos votos.

Idem. nas eleccións ao Congreso dos Deputados: 1,32% - 0,81% - 0,83% - 0,75% - 0,28%. Perda, atención, dos 77% dos votos.

Non é momento de continuar coas típicas e insostibles escusas. O BNG segue a constituír un instrumento necesario para a formación dunha Galicia próspera e orgullosa, esa que hoxe en día semella unha utopía. Ana Pontón ten a responsabilidade de provocar o xiro na progresión autodestrutiva da organización. Deséxote visión, pericia e sorte.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego