A Xunta deseña un plan de choque contra o xabaril

Destinará 1,3 millóns de euros para previr e paliar os danos que provocan este animal e outras especies, con axudas a agricultores e gandeiros que inclúen a compra de pastores eléctricos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/06/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A Xunta quere erradicar os accidentes e as desfeitas que o xabaril causa nalgunhas explotacións cun auténtico plan de choque que recolle un desembolso de 1,3 millóns de euros. Estas axudas, que tamén van destinadas a paliar os danos doutros animais salvaxes, van enmarcadas dentro dun plan de acción elaborado pola Consellería do Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

Sinalización de presenxa de xabaríns
Sinalización de presenxa de xabaríns | Fonte: diariodelviajero.com

Estas axudas xa foran adiantadas polo presidente no Consello da semana pasada, entre as medidas financiadas polos fondos extra dos que dispón Galicia por ter cumprido o obxectivo de déficit. Complementan outras iniciativas similares destinadas a evitar os danos producidos por outras especies: así, repartíronse 43 pastores eléctricos e organizáronse charlas divulgativas para evitar que o oso pardo provoque estragos e convocouse unha liña de axudas de 360.000 euros para paliar os danos producidos polo lobo.

Precisamente a subvención de pastores está dentro das novas medidas para paliar tamén ao xabaril. Así, parte das axudas busca previr que se vaian ocasionar danos futuros. “Imos subvencionar a adquisición de pastores eléctricos”, anunciou o presidente da Xunta. As axudas poderán cubrir a totalidade do custo do dispositivo, ata un importe máximo de 600 euros por explotación.

O plan da Xunta recolle accións en catro ámbitos diferentes. No tocante ao papel do xabaril nos accidentes de tráfico, a Xunta definirá “as zonas onde se concentran estes sinistros e implantará medidas correctoras, como sinalizacións, pasos de fauna ou uso de repelentes e atraentes”, dixo Núñez Feijóo. En segundo lugar, o plan establece melloras na xestión e aproveitamento da especie, para, entre outros obxectivos, loitar contra o furtivismo. O terceiro eido refírese á formación. “Imos traballar co sector da caza para evitar que, nas batidas, os animais se dirixan cara ás estradas”, exemplificou Feijóo.

O cuarto eixo engloba axudas para minorar os danos producidos na agricultura e a gandería, que se dividen en dous grupos. Ademais de para sufragar pastores eléctricos, as axudas van encamiñadas a paliar os danos que xa se produciron. As compensacións, que se tramitarán en réxime de concorrencia, terán en conta o tipo de cultivo, a superficie afectada e o dano producido. En total, serán 600.000 euros, o que supón unha mellora substancial fronte aos 250.000 euros que se consignaran na última orde deste tipo. Pola súa banda, as axudas encamiñadas á prevención teñen un monto de 400.000 euros, dos cales 250.000 se dedican unicamente a previr os danos do xabaril e os outros 150.000 os doutras especies.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta