O auxe do independentismo en Cataluña non ten efecto contaxio en Galicia, segundo un estudo

Un profesor británico analiza e compara os casos galego-catalán, galés-escocés e valón-flamenco e conclúe que o auxe do secesionismo nunhas zonas non está influíndo noutras similares do mesmo Estado.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 10/06/2016 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Está tendo algún impacto na realidade política galega o crecente movemento secesionista catalán? Veranse reforzados os partidos nacionalistas galegos polo auxe do independentismo en Cataluña? Non. Ou cando menos iso é o que defende o profesor británico Glen M.E. Duerr, da Cedarville University (Ohio, Estados Unidos). Duerr preparou unha análise sobre os movementos independentistas en España, Reino Unido e Bélxica, comparando os casos galego-catalán, galés-escocés e valón-flamenco.

Faixa de Ceivar a prol dos presos independentistas o Primeiro de Maio en Santiago
Faixa de Ceivar a prol dos presos independentistas o Primeiro de Maio en Santiago | Fonte: M.V.

O doutor Duerr, profesor de estudos internacionais no Departamento de Historia e Goberno, e experto en movementos nacionalistas e independentistas, preparou esta análise para a Midwest Political Science Association Conference. O traballo ofrece unha visión de como mudaron nos últimos anos os movementos independentistas de Gales, Valonia e Galicia —que sitúa como de "segundo nivel" pola súa intensidade—, para finalmente comparalos e buscar correlacións con fenómenos similares en Escocia, Flandes e Cataluña, que cualifica de "primeiro nivel".

O obxectivo do estudo é analizar o impacto dos movementos secesionistas de "primeiro nivel" nos "de segundo nivel", no canto de facer unha investigación global de todos os niveis dos movementos independentistas, segundo o propio autor.

O CASO GALEGO

No seu traballo, Duerr fai unha primeira aproximación descritiva ás distintas realidades nacionais que analiza. No caso de Galicia, o autor fala dunha "posición xeográfica interesante", xa que "ten moito en común con Portugal pero, doutra banda, tamén comparte moito con Cataluña e o País Vasco como nacións históricas na periferia de España". Estes factores, segundo Duerr, son determinantes na configuración da vida política galega, "xa que existen movementos para: a) manterse con España, b) separarse e crear un Estado independente, e c) unirse a Portugal".

Bandeira queimada tras o acto de NOS UP o 25 de Xullo
Bandeira queimada tras o acto de NOS UP o 25 de Xullo | Fonte: diarioliberdade

"O movemento independentista galego é menos intenso e menos coñecido que os de Cataluña e País Vasco, pero as condicións subxacentes teñen similitudes", di.

O politólogo lembra, debullando brevemente a historia, que "Galicia tivo o seu propio reino, e máis tarde oscilou, case coma un péndulo, entre os reinos de Castela e León, antes de formar parte de España", máis conservando unha lingua e cultura propias e distanciada xeograficamente do centro político, Madrid, o que "agrava o problema", segundo o investigador.

Se ben o profesor recoñece que "os estudosos difiren en canto a se estas comunidades autónomas —como a galega— proporcionan estruturas de goberno federal en España, ou se Madrid é o poderoso centro dun Estado unitario", destaca que "o parlamento na capital de Galicia, Santiago de Compostela, ofrece polo menos a base dun órgano de decisión autónomo".

O investigador tamén recorre,  como un elemento clave, á consideración que a Constitución española lle dá a Galicia como "nación histórica", xa que "isto proporciona a Galicia algúns poderes reservados en termos de protección da lingua galega e do patrimonio cultural propios".

Tirando do fío da Carta Magna, Duerr introduce unha cuestión polémica para os defensores da unidade de España: segundo este autor, se ben é certo que "a Constitución de España prohíbe a secesión, do mesmo xeito que calquera documento, a Constitución está suxeita a modificacións", que abrirían a porta á independencia de Cataluña e País Vasco, onde o independentismo está máis consolidado, e logo á de Galicia, "que podería seguir estes exemplos e declarar a independencia", di o autor.

"En xeral, o movemento independentista galego é menos intenso e menos coñecido que os de Cataluña e País Vasco, pero as condicións subxacentes teñen algunhas similitudes. Por exemplo, a lingua galega é inintelixible para o español castelán, e como coas linguas vasca e catalá, vese, polo menos polos partidarios da independencia, como o suficientemente diferente para apoiar a causa da secesión", argúe Duerr.

PARTIDOS POLÍTICOS

Duerr destaca na súa análise o papel que xoga o Bloque Nacionalista Galego (BNG) como "principal partido político a prol da independencia", e que compara co Plaid Cymru galés (PC): "Como o PC, o BNG loitou por gañar o apoio de máis do 25 por cento dos votantes, e con frecuencia atopouse entre o 10 e o 20 por cento. Tamén, como o PC, foi arredor do ano 2000 cando o BNG tivo máis éxito electoral", escribe Duerr, quen confronta os casos galego e galés co de Valonia, "que non ten ningun partido independentista importante".

O profesor británico lembra que nas eleccións ao Parlamento Europeo de 1999 o BNG acadou "case o 22 por cento dos votos" emitidos en Galicia; xa en 2000, conseguiu os seus mellores resultados nunhas eleccións xerais en España, "cun 18,5 por cento", e nas eleccións parlamentarias de Galicia de 1997 e 2001 conseguiu o apoio "do 22 ao 25 por cento dos votantes".

Duerr tamén menciona "pequenos partidos independentistas en Galicia" integrados na coalición Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), da que destaca a ANOVA-Irmandade Nacionalista, "un partido político que apoia a independencia de Galicia á vez que mantén un equilibrio con outros partidos que non comparten o mesmo obxectivo final". Duerr lembra ademais que "AGE quedou en terceiro lugar nas eleccións galegas de 2012, un posto por diante do BNG".

Na análise tamén hai espazo para "novos partidos" como Compromiso por Galicia (CxG), que "se describe a miúdo como nacionalistas «brandos», ao querer moita máis autonomía para Galicia no marco dunha España plenamente federal e plurinacional", salienta o profesor británico, que engade: "Por suposto, dentro de CxG hai unha variedade de posicionamentos sobre tema, pero o partido non se comprometeu plenamente coa independencia da mesma maneira que o fixo o BNG". Duerr recorda ademais que CxG "gañou só o un por cento dos votos" nas autonómicas de 2012.

A partir deste debuxo, o investigador pregúntase se hai algunha relación causal entre o aumento do movemento secesionista catalán co caso galego. "A evidencia suxire que o nacionalismo galego é moito menos intenso que noutras partes de España", se ben se mantén unha base independentista importante, segundo este profesor.

"O apoio dos votantes pola independencia mostra que o movemento independentista galego quedou estancado, mentres que o apoio á secesión catalá creceu".

COMPARACIÓNS

Duerr compara o "aumento na última década" do movemento secesionista de "primeiro nivel" en Escocia, Cataluña e Flandes, coas distintas reaccións que emerxeron en Gales, Galicia e Valonia. Valéndose de estatísticas dos resultados dos partidos independentistas en comicios rexionais, estatais e europeos, observa que "en Gales houbo un movemento cara á secesión por parte do PC", pero en termos de apoio este partido "mantense estancado, co apoio de 1 de cada 5 votantes, aproximadamente".

No caso de Escocia, salienta o crecemento do Scottish National Party (SNP) dende 1945 até os comicios de 2007 e 2011, nos que "obtivo moito éxito". Porén, este triunfo do independentismo escocés "non se viu reflectido" en máis apoios ao PC na veciña Gales.

O profesor da Cedarville University observa un comportamento similar nos casos de Cataluña e Galicia: "A medida que o secesionismo en Cataluña progresou co crecemento de Converxencia i Uniu (CiU) e Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), o apoio ao BNG non creceu a niveis similares", explica. Duerr tamén subliña que malia a escisión en CiU —disolta en Converxencia Democrática de Catalunya (CDC) e Uniu Democràtica de Catalunya (UDC), "o movemento de independencia catalán non se disipou"; todo o contrario, atopou un novo piar no acordo entre CDC e ERC, baixo o nome Junts Pel Sí.

Aínda que Duerr recoñece que "unha comparación directa entre Galicia e Cataluña é un reto", defende que "existen puntos de comparación que se poden facer". Así, confrontando o caso galego co catalán, o profesor británico comenta que "o apoio dos votantes pola independencia mostra que o movemento independentista galego quedou estancado, mentres que o apoio á secesión catalá creceu".

Por último, en Valonia o movemento independentista "non parece aumentar", mesmo a pesar dos éxitos electorais do partido ultradereitista Vlaams Belang (VB) en 2004 e do conservador Nieuw-Vlaamse Alliantie (N-VAI) en 2010 e 2014 no veciño Flandes. 

"O apoio a partidos independentistas nunhas partes do país non se correlaciona cun maior apoio a partidos secesionistas noutras parte do país", conclúe.

CONCLUSIÓNS

Na súa análise, Duerr conclúe que o aumento do movemento independentista nas nacións de "primeiro nivel" —Cataluña, Escocia e Flandes— non influíu nas realidades políticas das de "segundo nivel" —Galicia, Gales e Valonia—. "É prudente concluír que a existencia de partidos independentistas e o apoio de votantes a estes nunhas partes do país non se correlacionan cun maior apoio aos partidos políticos secesionistas noutras partes do país", considera Duerr, que prosegue: "A axitación secesionista nunha rexión non deu lugar a cambios similares nos votantes doutras partes. Mentres que o desafío á integridade territorial do Reino Unido, Bélxica e España aumentou en Escocia, Flandes e Cataluña, non se viu un maior apoio en Gales, Valonia e Galicia".

Con todo, o autor plantexa que malia que "non hai evidencias" de contaxio, "mesmo se o secesionismo se volve menos apetecible en Escocia, Flandes e Cataluña, un escenario cun aumento da intensidade destes movementos en Gales, Valonia ou Galicia deixaría a Reino Unido, Bélxica e España no mesmo dilema sobre os movementos independentistas".

--------------------------------------

Glen M.E. Duerr. "Second-Tier Secessionism in Europe: How Has Support for Independence in Wales, Wallonia, and Galicia Changed with Increasing Claims in Scotland, Flanders, and Catalonia?" Midwest Political Science Association Conference (2016).

Mosaico simbólico da Plataforma #GalizaConCatalunya en apoio ás candidaturas independentistas para as eleccións do 27-S
Mosaico simbólico da Plataforma #GalizaConCatalunya en apoio ás candidaturas independentistas para as eleccións do 27-S | Fonte: mardelumes youtube
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 25 comentarios

16 anonimo

E asi nos vai!. Mentras Catalunya ten protagonismo no estado e no mundo, Galiza non pinta nada. Mentras Catalunya atrae inmigracion, en Galiza a xuventude segue a emigrar e temos un poboacion cada vez mais envellecida. Mentras Catalunya ten un proxecto de pais (Paises Catalans) e defende con orgullo a sua lingua, Galiza so fai seguidismo de Madrid e ve como a lingua galega perde falantes. Catalunya defende unha mellor financiacion, mentras Galiza e incapaz de esixir unha tarifa electrica galega (por sermos productores) ou traballar por crear unha banca publica galega que permita que aforro quede e se invirta no pais. Catalunya avanza co nacionalismo, mentras que Galiza retrocede co españolismo.

15 Sesese

Os galegos non creen as milongas

1 gayego da buela

Non cren, non. O problema ven sendo que algúns as "creen".

14 ex votante de vieiras

para iso estan traballando os renegadores de -vieirismo de podreiros socialmerdocratas... traballan para manter a unidade de expaña e traer a sucioalmerdocracia o pobo galego para civilizarnos para facernos expaña! son moi traidores e miserables seica incluso o -vieiras anda e xuntanzas co waldo de podreiros co califa de izquierda la unitaria! eso si estan polos lereles de euros, pois cobraron os de meredeyas 8.271 euros por non facer nada, por deixar o pepeiro no goberno...

13 Delft

Pola esquerda os galeguistas véñenlle poñendo unha alfombra vermella ós nacionalistas españois podemitas e pola dereita o PP é hexemónico porque non hai un partido propio. Esperabades outra cousa?

12 nostrus

Si a maioria dos españoles queren destruir a nacion estan no seu dereito porque o conxunto do pobo español ten a soberania e España é de todos; agora ben, o que non pode ser é que a destrua unha mini-minoria por moito que poda ser maioritaria nun recuncho. España é unha finca que pertenece a cuarenta e sete millons de propietarios e o que se faga nela compete a todos.